Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

Queres iniciar unha actividade profesional como youtubeira? A continuación van unhas chaves para esclarecer información tan básica como importante. 

Un dos grandes dilemas á hora de iniciar un proxecto empresarial é o de darse de alta “en autónomos” ou formar unha sociedade. A idea máis estendida é que para empezar o ideal é darse de alta en autónomos e, co tempo, formar unha sociedade. Pero, ollo!, isto non sempre é así. É preciso ter en conta a natureza da actividade empresarial que se vai realizar, o diñeiro do que se dispón, o número de persoas asociadas…

Imos facer unha aproximación ás vantaxes e desvantaxes de cada opción para coñecer cal é máis conveniente en cada caso. 

 

RÉXIME DE AUTÓNOMOS

Con respecto á actividade empresarial, a responsabilidade da persoa autónoma é ilimitada e terá que responder cos seus bens persoais ante as posibles débedas que poida ter coa súa empresa. Podería dicirse que non hai diferenza entre a persoa autónoma e a empresa, xa que a súa actividade non ten personalidade xurídica propia, como no caso das sociedades limitadas (SL), e, polo tanto, os seus bens pódense ver comprometidos. A persoa autónoma responderá pola súa actividade con todas as consecuencias.

Os trámites para darse de alta son moi sinxelos e de baixo custo. Poden facerse telematicamente tendo certificado dixital persoal. Neste caso non se precisa ter un capital inicial para darse de alta.  

Os trámites específicos sobre a actividade que se vai realizar son: 

 

  • Alta en Facenda (AEAT) para iniciar a actividade (modelo 036 / 037).
  • Alta na Seguridade Social (TGSS) no réxime especial de traballadores autónomos (RETA).
  • Para autónomos que inician a actividade existe a posibilidade de acollerse á chamada “tarifa plana”, que inclúe unha bonificación na cotización durante un ano, pola base mínima. 
    • A tarifa plana de autónomos para  2023
      • Tramo 1 | Primeiros 12 meses | 80,00 €
      • Tramo 2 | Por tramos en función dos ingresos reais obtidos. Para manter a cota de 80 euros, os ingresos deben ser inferiores ao SMI. 
  • A cota de autónomo/a que cobrará mensualmente a Seguridade Social (o día 30 de cada mes) calcúlase en función da base de cotización elixida. Pode estar entre a base mínima (de 960,60 euros), que xera unha cota de 293,95 €/mes, e a base máxima (4.139,40 €/mes), que xera unha cota de 1.266,66 €/mes. Canto maior é a base de cotización maior cota se paga e tamén maiores prestacións se reciben  (baixas laborais, xubilación etc.) Cada autónomo/a deberá valorar a súa situación e escoller o tramo que mellor se adapte.
  • Licenza municipal de apertura no caso de realizar a actividade nun local determinado. 
  • Unha vez que estea tramitada a alta, hai que acollerse ás obrigas fiscais con periodicidade e dar así conta dos impostos xerados. É obrigatorio trimestralmente  os modelos de autoliquidación e tamén os modelos anuais. Os impostos máis habituais que cómpre declarar son o IVE (imposto sobre o valor engadido) e o IRPF (imposto sobre a renda das persoas físicas). En función de cada actividade, aplicarase un tipo de imposto correspondente e os modelos poden variar. 
    • IVE | modelo 303 (trimestral) e modelo 390 (anual)
    • IRPF | modelo 130 (trimestral) e modelo 100 (anual, a famosa declaración da renda!)
  • A maiores deberanse levar libros contables onde figuren os ingresos (vendas) e gastos (compras) de bens de investimento e gardar todas as facturas relacionadas durante catro anos como mínimo. Pódense gardar en dixital (programas de facturación en liña, carpetas de documentos dixitalizados ...).

 

SOCIEDADE LIMITADA

 

Esta sociedade é unha entidade que ten personalidade xurídica propia, polo tanto a súa responsabilidade, e a das persoas asociadas, estará limitada ao capital que cada unha invista na empresa (a porcentaxe de participación individual de cada unha). O diñeiro investido tradúcese en participacións sociais, información que se establece nos estatutos. Como a responsabilidade é limitada, o patrimonio da persoa asociada en principio non se verá ameazado. Cando existan débedas pola actividade respondería en primeiro termo a sociedade co patrimonio empresarial que posúa e en segundo termo as persoas asociadas.

 

Os trámites para formalizar unha sociedade son máis complexos que os da figura dunha persoa autónoma e varían segundo o tipo de entidade que se constitúa. Polo xeral, haberá que dispor dun capital mínimo para desembolsar, que sería o valor da sociedade para comezar a súa andadura mais os custos de notaría, rexistro etc.

 

Os trámites para darse de alta neste modelo empresarial son: 

 

  • É preciso ter un nome para a sociedade e pedir o certificado no rexistro central de denominacións para comprobar que non hai outro negocio co mesmo nome. 
  • Redactar os estatutos que van regular a sociedade (existen estatutos simples estandarizados). Unha vez redactados, hai que escrituralos publicamente nunha notaría e posteriormente levalos ao rexistro que corresponda (rexistro mercantil, rexistro de cooperativas...). Nesta escritura constará (entre outras cousas): 
    • Número de persoas socias: pode ser unha sociedade unipersoal ou con máis persoas. 
    • Domicilio social: normalmente é o mesmo do lugar onde se desenvolve a actividade. 
    • Actividade económica: tanto a actividade principal como as subsidiarias. 
    • Nomeamento dunha persoa administradora da sociedade. 
    • Capital que achegan as persoas asociadas. 

 

  • Unha vez que a sociedade está constituída, hai que dala de alta en Facenda (AEAT). A sociedade terá un número de identificación fiscal (NIF) para iniciar a actividade (modelo 036).
  • No caso de ter persoas contratadas, é preciso facer a alta na Seguridade Social (TGSS) e abrir un centro de traballo na Xunta de Galicia. 
  • Pedir licenza municipal de apertura segundo a actividade. 
  • A contabilidade ten que ser levada segundo o Código de comercio e o Plan contable (na maior parte dos casos, requírense os servizos dunha asesoría para levar a contabilidade da empresa e presentar regularmente os impostos, e iso representa un custo). 
  • Por lei será obrigatorio levar un libro diario contable, un libro de inventarios, as contas anuais e o libro de actas (para anotar todos os acordos tomados nas xuntas xerais e nas especiais).
  • Dentro das obrigas fiscais, as sociedades limitadas presentarán: 
    • IVE: Modelo 303 (trimestral) e modelo 390 (anual).
    • SOCIEDADES: modelo 200 (anual).



DIFERENZA FISCAL ENTRE AUTÓNOMO - SOCIEDADE LIMITADA

 

As persoas autónomas tributarán o IRPF na renda anual en función dos ingresos que teñan. Así, os tramos son: 

  • Primeiro tramo ata 12.450 euros anuais | 19%
  • Segundo tramo ata 20.200 euros anuais | 24%
  • Terceiro tramo ata 35.200 euros anuais | 30%
  • Cuarto tramo ata 60.000 euros anuais | 37%
  • Quinto tramo ata 300.000 euros anuais | 45%
  • Sexto tramo a partir de 300.000 anuais | 47%

 

As sociedades tributarán anualmente a través do imposto de sociedades e sempre será a un tipo fixo, xeralmente o 25% (sobre os primeiros 120.202,41 euros de beneficio).



CALENDARIO FISCAL

A continuación van os modelos trimestrais que cómpre presentar durante os 20 días seguintes a que remate cada trimestre. 

 

  • 1 TRIMESTRE | xaneiro, febreiro e marzo | ata o 20 de abril
  • 2 TRIMESTRE | abril, maio e xuño | ata o 20 de xullo 
  • 3 TRIMESTRE | xullo, agosto e setembro | ata o 20 de outubro
  • 4 TRIMESTRE | outubro, novembro e decembro | ata o 30 de xaneiro

 

Os modelos anuais teñen os seguintes prazos: 

 

  • XANEIRO | declaracións informativas de resumos anuais do exercicio fiscal de cada modelo trimestral presentado. 
  • FEBREIRO | declaración informativa das operacións anuais que superen os 3.005 euros.
  • XUÑO | declaración anual do IRPF (renda). 
  • XULLO | declaración anual do imposto de sociedades.



REQUISITOS DE FACTURACIÓN

 

  1. NÚMERO E, SE É O CASO, SERIE | A numeración será correlativa dentro de cada serie. Poden establecerse series diferentes cando existan razóns que as xustifiquen e, en especial, se existen varios establecementos ou se realizan operacións de distinta natureza. Será obrigatorio expedir facturas utilizando series específicas nalgúns casos, entre outros, cando se fagan facturas rectificativas.
  2. DATA DE EXPEDICIÓN
  3. NOME E APELIDOS, RAZÓN OU DENOMINACIÓN SOCIAL COMPLETA | Tanto de quen emite a factura como de quen a recibe. 
  4. NÚMERO DE IDENTIFICACIÓN FISCAL (NIF) | Atribuído por Facenda ou, de ser o caso, pola doutro estado membro da Comunidade Europea. 
  5. DOMICILIO FISCAL DO EXPEDIDOR E DO DESTINATARIO | Cando a persoa destinataria das operacións sexa unha persoa física non será obrigatorio consignar o seu domicilio. 
  6. DESCRICIÓN DAS OPERACIÓNS | Consignaranse todos os datos necesarios para determinar a base impoñible do imposto e o seu importe, e incluirase o prezo unitario sen impostos das operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea recollido no dito prezo unitario.
  7. O TIPO IMPOSITIVO OU TIPOS IMPOSITIVOS
  8. A COTA DO IMPOSTO | Deberá consignarse por separado se hai varios tipos de impostos. 
  9. A DATA DE OPERACIÓN QUE SE DOCUMENTA | Incluirase se é distinta da operación da expedición. Non é requisito indispensable a sinatura da persoa que expide a factura. 
  10. OUTRAS MENCIÓNS NA FACTURA | Aplicarase só nalgún caso como as operacións exentas, facturacións feitas pola persoa destinataria, operacións con investimento do suxeito pasivo, réximes especiais (axencias de viaxes, REBU, criterio de caixa...).

 

Aquí podes descargar un modelo de factura e outro de recibo

 

Formación e contidos de Paloma Retorta.