Youtubeir@s na MICE

O Museo do Pobo Galego, inspirado polo tema proposto este ano para celebrar o Día Internacional dos Museos -hiperconectados-, convidou o programa Yoububeir@s a formar parte das actividades paralelas da Mostra Internacional de Cine Etnográfico que vai pola XIII edición.

Protagonizou o acto unha selección, feita ao caso, de dezasete traballos presentados polos youtubeiros e as youtubeiras nestas dúas convocatorias do programa.

Foi un percorrido ben interesante por varias mostras da nosa cultura popular, desde unha explicación sobre a vestimenta tradicional e o xeito de facer algúns produtos enxebres da nosa alimentación como o pan, as chulas ou os bolos do pote ata o divertimento do domingo falereiro ou dos xoguetes de antano, e o traballo, no mar, nos muíños ou no oficio dos construtores de gaitas.

Após os vídeos, e cando xa o público asistente puidera ver canto pode dar de si a atención á nosa lingua e á nosa cultura desde os espazos sociais da rede, houbo tempo para conversar con algunhas das persoas que participaron cos seus traballos: Diego Prieto, de Tradigaita, Román Castaño e Margarida Rodríguez, d’As cousas do Choio, e Lucía Junquera e Silvia López de Son do pan.

Practicamente todos os vídeos que se viron, e nomeadamente os realizados polas youtubeiras e youtubeiros presentes na mesa do coloquio, deixaban diante da cámara uns protagonistas diferentes de quen guionizara e gravara os traballos, e en moitos caos xente maior. Este foi, logo, un dos fíos condutores da conversa na que se explicou como percibían estas persoas alleas ao uso das redes e ao audiovisual este novo xeito de contaren a súa historia ou os seus saberes e asemade se puxo de relevo que esta canle ten cada vez un espectro máis amplo de usuarios e usuarias.

Houbo tamén abondas intervencións nas que se reafirmou a importancia de crear e divulgar contido en galego e sobre a nosa cultura como fórmula acaída para darlle normalidade. Neste sentido valorouse especialmente que se vehiculen na nosa lingua todos os xéneros youtubeiros e sobre calquera temática.

Desde o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, que conducía a mesa, agradeceuse, en nome de todas as entidades concellos e que convocan Youtubeir@s, a oportunidade que facilitaron a MICE e o Museo do Pobo Galego, como promotor, para dar maior difusión ao programa e aos traballos que participaron. Tamén se fixo público o agradecemento a Illa Bufarda como empresa que desenvolve todo o traballo técnico que fai posible as convocatorias e a todas as persoas que acudiron para contar a súa experiencia ou para escoitárena.

Gala de entrega dos #premiosyoutubeiros2018

Día das Redes Galegas

Cristina Rodríguez _ Nervios, calor, moitos nervios. Encantada e asustada de participar no Día das Redes Sociais na Facultade de Comunicación e Ciencias Sociais, do campus de Pontevedra, para falar de youtubeir@s (pero moi atacada).

Finalistas 2018

O venres 6 de abril reuniuse o xurado da segunda edición dos Premios Youtubeir@s, integrado por Adrián Dios, Anxos Sobriño, Estela Romasanta, Iván Capón e Laura Cruxeiras. O xurado tivo que valorar as 230 inscricións desta edición e desa reunión saíron @s 26 youtubeir@s finalistas do 2018. As candidaturas gañadoras coñeceranse na gala dos Premios Youtubeir@s. O gran día será o 20 de abril ás 20 h no Teatro Colón da Coruña, e o acto estará presentado pola compañía de teatro A Panadaría. Pódense reservar xa as entradas na seguinte ligazón.

O xurado e Dores Sánchez, secretaria da votación.

Encontro Youtubeir@s no Carballo Interplay

O Encontro Youtubeir@s no Carballo Interplay foi unha experiencia enriquecedora e moi ben valorada pol@s tres youtubeir@s participantes, ao tratarse dun Festival do audiovisual xa consolidado e no que participan xa referentes a nivel internacional.

Eira Losada, María Yáñez, Nuria Espasandín, Mónica Fernández e Xacobo de Toro no Carballo Interplay

E @s finalistas dos Premios Youtubeir@s son…

O venres 6 de abril reuniuse o xurado da segunda edición dos Premios Youtubeir@s, integrado por Adrián Dios, Anxos Sobriño, Estela Romasanta, Iván Capón e Laura Cruxeiras. O xurado tivo que valorar as 230 inscricións desta edición e desa reunión saíron @s 26 youtubeir@s finalistas do 2018. As candidaturas gañadoras coñeceranse na gala dos Premios Youtubeir@s. O gran día será o 20 de abril ás 20 h no Teatro Colón da Coruña, e o acto estará presentado pola compañía de teatro A Panadaría. Pódense reservar xa as entradas na seguinte ligazón.

O xurado e Dores Sánchez, secretaria da votación.

O público ten moito que dicir na #propostayoutubeira

O martes 20 de febreiro pechouse o prazo para realizar a #propostayoutubeira cun total de 17 vídeos que se poden votar ata o 15 de marzo a través de Facebook.

Por primeira vez nos Premios Youtubeir@s o público ten voz á hora de outorgar un premio propio. Son as persoas que votan as diferentes propostas as que deciden que cinco vídeos deben pasar pola valoración do xurado. Entre a selección final o xurado desta edición escollerá finalmente a #propostayoutubeira gañadora.

Moita creatividade na #propostayoutubeira

Entre os vídeos recibidos hai unha gran variedade temática e, sobre todo, moita orixinalidade.

Aquel-e cóntanos como sae no blog de Gloria Lago e cales deberían ser os grupos representantes de Galiza en Eurovisión.  Ademais, entre as propostas desta edición tamén se pode atopar unha morea de consellos para facer freixóns ou filloas, slimes faciliños, accesorios de cámara e incluso para falar malpicán ou dar cartos ás agachadas. Unha gran variedade de recomendacións para mellorar as nosas destrezas!

Do mesmo xeito, a #propostayoutubeira tamén vén cargada de opinións, dende vídeos-denuncia sobre os aparcamentos, reviews nostálxicas de discotecas, como de única é Galicia ata razóns polas que debemos parar o 8 de marzo. Fálame de San Sadurniño participa tamén con “Quixera”, un vídeo que nos permite achegarnos aos seus pensamentos.

SusanaSue somérxenos no corazón do entroido de Xinzo e mostra como viviu ela o Fareleiro deste ano 2018. O conflito medioambiental tamén se colou na #propostayoutubeira da man de Páramo Pictures e o seu vídeo musical “Alcolitos”.

Pola súa banda, a educación tamén ten o seu espazo na #propostayoutubeira. Xacobo de Toro mostra como empregar o Croma e Prompter coma ferramenta nas aulas ou como rachar todas as normas básicas do laboratorio e Pilar Ponte – A Profa ensínanos como nomear correctamente os elementos da cociña cunha pílula informativa. Recursos pedagóxicos que demostran que o ensino e o Youtube poden ir da man.

Sen dúbida, todas estas propostas youtubeiras demostran que podemos falar de todo no Youtube!

 

Oferta formativa en Compostela

O Concello de Santiago ofrece seis obradoiros youtubeir@s nos centros socioculturais con 15 prazas en cada un. As persoas participantes deberán levar os seus propios aparellos.

Youtubeir@s á conversa no Culturgal

O sábado do Culturgal, xuntáronse a conversar tres youtubeir@s con Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra como anfitrión. Durante case media hora Rocío, Raquel e David achegáronnos ao seu xeito de entender a esencia youtubeira.

Raquelma González, representando a Corasón de Churrasco [gañadoras do Premio ao Mellor Video-Facermos no 2017 con “Guiso especial Anti-San Valentín (abstéñanse delicad@s)”] confesou que elas se converteron en youtubeiras un domingo no que madrugaron de máis e non tiñan nada mellor que facer. Rocío Romar, reprensentando ao I.E.S Urbano Lugrís de Malpica [gañador@s no 2017 a Mención honorífica ao vídeo con maior calidade lingüística con “Seis pasos para falar malpicán”] reflexionou sobre a importancia de que @s docentes se adapten ao alumnado para que adquira os coñecementos precisos dun xeito máis atractivo, máis acorde ao seu mundo e máis experiencial. Jun Dinamita, David Otero Fumega [gañador na pasada edición a Mención honorífica ao enxeño e á creatividade co seu vídeo “SmartFol G6! Unha REVIEW moi especial…”], comentou que tod@s temos que buscar unha vía de escape creativa para satisfacer a nosa necesidade de comunicar.

Entre tod@s conversaron arredor do estereotipo d@s youtubeir@s, a monetarización no YouTube, as potencialidades do galego na videocreación e o traballo invisible na realización dos vídeos. Tod@s coincidiron nunha cousa, o seu consello para tod@s vós é que mostredes @ youtubeir@ que levades dentro!

Youtubeir@s chega ao Culturgal!

Youtubeir@s presentarase publicamente nun formato conversa o sábado día 2 ás 13.00 horas no Espazo Foro da feira.

O Proxecto Youtubeir@s estará presente este ano na máis grande Feira das Industrias Culturais Galegas, o Culturgal, que terá lugar o 1, 2 e 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. O sábado día 2, antes do xantar, no Espazo Foro daranse a coñecer ao público as peculiaridades do proxecto e as accións que se desenvolverán nesta nova etapa 2017/2018, entre as que destacan os Premios Youtubeir@s, que recuncan na súa segunda edición.

Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en representación de todas as entidades que levan a cabo este proxecto, sentarase á conversa con tres youtubeir@s para falar sobre a creación máis influínte do momento: a creación no Youtube. Raquelma González de Corasón de Churrasco, Rocío Romar, profesora no I.E.S Urbano Lugrís de Malpica e o youtubeiro Jun Dinamita, todas elas gañadoras dalgún premio na pasada edición dos Premios, falarán da súa actividade na rede social, das súas canles, dos contidos e das súas motivacións á hora xerar contidos deste tipo.

Unha cita ineludible para que che pique a curiosidade youtubeira, porque estamos máis que convencidos de que todos e todas levamos un Youtubeir@ en bruto dentro de nós! Animaste a vir?

Programación do Culturgal

Uso de cookies

Como todos os sitios de internet este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia navegando. Se continúa navegando está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies