Día das Redes Galegas

Cristina Rodríguez _ Nervios, calor, moitos nervios. Encantada e asustada de participar no Día das Redes Sociais na Facultade de Comunicación e Ciencias Sociais, do campus de Pontevedra, para falar de youtubeir@s (pero moi atacada).


Tras as correspondentes presentacións e ver o vídeo Mostra a youtubeir@ que levas dentro! lanceime a contarlles que era Youtubeir@s. Un proxecto nacido nunhas xornadas sobre mocidade, organizadas pola UDC en Carballo, nun curso do verán tempo atrás, e no cal as técnicas e técnicos dos servizos de normalización lingüística de distintos concellos, das catro provincias, detectamos a ausencia da nosa lingua nas redes sociais (na rede Youtube), e onde todos achegamos a nosa colaboración para que a nosa lingua, o galego, estea presente nos medios dixitais e audiovisuais. De aí naceu a proposta.

É unha iniciativa, actual, dinámica, completa, levada a cabo por nove concellos, a deputación da Coruña e as tres universidades galegas, co obxectivo de fomentar a presenza do galego nos vídeos de You Tube e desenvolta a través de varias liñas de acción: o concurso de creación e difusión de vídeos de opinión e videotitoriais en galego, entre todas as persoas maiores de 14 anos (sen límite de idade), que queiran compartir algún coñecemento ou opinar sobre algún tema de interese, a través de vídeos autoproducidos subidos a YouTube nunha canle ou de xeito independente; a proposta youtubeir@ (a través dos votos do público a través de Facebook e logo a escolla do xurado; a presenza en festivais audiovisuais, feiras culturais (Culturgal, Carballo Interplay, con youtubeir@s da pasada edición) e maior dinamización nas redes sociais; cursos de formación para youtubeir@s consolidados e neoyoutubeir@s (no concello de Santiago impartíronse sete) e sen a xestión de Illa Bufarda non se podería levar a cabo. A verdade é que se falar en público xa dá respecto, que o estean a gravar e emitir por streeming… medo.

O concurso, a quen está dirixido? Como xa adiantara, para todo o público en xeral. Para todas as persoas que nos queirades contar algo ou que vos pete. Revisamos as características, condicións dos vídeos e canles participantes, ademais de repasar as modalidades? Hai tres categorías para participar, vídeo-opinarmos, vídeo-facermos e a diferenza da edición anterior, nesta contamos coa canle, a proposta youtubeira (a máis votada en Facebook) e con catro recoñecementos ou galardóns: pola eficacia comunicativa, a calidade lingüística, a calidade técnica (como estudantes de comunicación sabedes moi ben) e pola creatividade.

En canto á temática salientei o tema da muller, da igualdade, quizais por proximidade co Día da Muller, e as propostas de colectivos e de asociacións como o Colectivo Lila, a Asociación veciñal As Marías, e tamén a participación das gañadoras do pasado ano, Teño unha horta en San Sadurniño, que cos seus vídeo- facermos confirmamos que Youtube é unha ferramenta educativa completamente válida, en galego, da nosa realidade, da terra, da casa, de calquera cousa.

Na presente edición non houbo tantos vídeos de opinión sobre o galego, tópicos ou de Galicia: non falo galego porque… Se na pasada pretendiamos fomentar a presenza do galego na canle de Youtube, nesta coido que se consolidou. O galego é lingua normal de comunicación dos vídeos perfectamente válida para transmitir calquera contido. Mirando os vosos rostros, coido que se cabe vos interesan os datos cuantitativos (é alumnado de Comunicación).

Subliño que entre as dúas edicións, a que arrincou o proxecto e esta, acadamos o obxectivo do aumento considerable do número de inscricións de vídeos en galego (230 fronte a 200; 23 canles con cinco vídeos mínimo inéditos e con gran calidade técnica). Conto convosco, cos vosos vídeos en Youtube, para a terceira edición.

Respecto á participación por idades, o 40 % das persoas participantes atópase entre os 30 e os 50 anos, mentres que, sorprendentemente, o 31 % corresponde á franxa de entre os 18 e 30 anos. Neste sentido destacamos que o 13 % das e das aspirantes ao galardóns corresponden a idades superiores aos 50 anos (que é o público obxectivo desta iniciativa, nesta edición, que buscou fomentar o uso de Youtube neste nivel xeracional. Por provincias, A Coruña cun 62 %, Pontevedra o 23 % seguida de Ourense o 10 % e Lugo cun 5 % e unha de Dílar, Granada.

E, con pouco máis que contar e o tempo xusto, vemos o vídeo de As Cousas do Choio “Como escaquearse dunha comida familiar” (co que se identificaron moitísimo) e o de “Viaxar” de Aarón Vilariño Figueiras (como produto de calidade técnica e boa calidade lingüística). Moitísimas grazas pola vosa atención. Agardo ver os vosos vídeos en Youtube para a vindeira edición.

 

Comenta nas nosas redes sociais

Uso de cookies

Como todos os sitios de internet este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia navegando. Se continúa navegando está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies