Lista de reprodución ao vivo

O pasado  3 de outubro tivo lugar a Lista de Reprodución ao Vivo no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela.  A actividade, que transcorreu de 18.00 a 20.00 horas, uniu a medio centenar de persoas desexosas de participar e vivir a experiencia. Con todo, seis espazos, seis canles de Youtube en galego e tres roldas para mergullarse e  desvirtualizar a youtubeir@s.

Xandobela. Educación e Dinamización Sociocultural,   encargada da xestión da actividade, recibiu a todas as persoas asistentes ofrecendo de inicio seis títulos suxerentes que agochaban tras de si a cada youtubeir@.  Deste xeito, cada participante tiña a oportunidade de escoller a cegas tres títulos levándose  pola intuición e adentrándose nunha lista de reprodución viva e interactiva.  Ao mesmo tempo os  creadores e creadoras de contidos dixitais agardaban nos seus respectivos  espazos a entrada dos seus seguidores e seguidoras para revelar por vez primeira a súa verdadeira identidade.

Juan O Choio e o seu neto Román Castaño das  Cousas do Choio  baixo o título “Botar a rede e facerse coa net”, arrancaron os sorrisos do público a través das súas creacións e vivenzas á hora de abordar as gravacións e reaccións da veciñanza en canto os seus vídeos se fixeron virais.

“Comer e rañar todo é empezar” serviu a Laura Cruxeiras para presentarse como creadora da canle Corasón de Churrasco. Relatou a súa experiencia  dende a creación da mesma  como algo anecdótico  entre compañeiras de piso ata chegar a conectar con outr@s  youtubeir@s co dúo Blanca&Tinta.

Isabel Villanueva, xestora da  canle O galego mola e baixo  o título   ”Cun megapíxel e un calcetín” compartiu a experiencia de ser youtubeira e creadora nas Redes e da importancia que teñen estas na súa vida.

Tras o título “The Big Gal Theory”,  o youtubeiro Xacobo de Toro e a súa canle Xacobo de Toro onde a ciencia é a protagonista.  Falou do uso do audiovisual nas aulas e explicou trucos e recursos de creación que facilitan a realización de contidos divulgativos para as Redes.

Cruz Piñón de Teño unha horta en San Sarduniño, co seu vídeo vivo “Sementei garavanzos e nacéronme followers”, conectou á primeira coa xente máis  nova ao combinar toda a sabedoría do campo e tecnoloxía a través da súa horta e da súa canle.   Puxo en valor  a comunidade youtubeira e falou do moito que esta inflúe de xeito positivo na súa vida.

O galego como impulsor de creación foi un dos temas nos que Eira Losada fixo fincapé baixo a premisa “Unboxing Motor Gal. 18 OU”.  Fixo un repaso da súa traxectoria e evolución a través da súa canle Nubes baixo ti  tanto a nivel de contidos como a nivel técnico.

Así, a Lista de Reprodución ao Vivo rematou coma un encontro  onde  as persoas asistentes tiveron  a oportunidade de conversar e coñecer a youtubeir@s de preto, coñecer  o seu proceso creativo, compartir anécdotas e reflexionar sobre o futuro na rede.  A xornada puxo fin nun pequeno convivio final de intercambio de sensacións, onde todas as persoas asistentes deixaron comentarios  por escrito  a cada vídeo vivo.

Comenta nas nosas redes sociais

Uso de cookies

Como todos os sitios de internet este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia navegando. Se continúa navegando está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies