Premio Mil Primaveras ao proxecto máis innovador!

O sábado día 21 o Proxecto youtubeir@s estivo no Pazo da Cultura de Pontevedra recollendo o Premio Mil Primaveras  promovido e organizado pola CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.

Os Premios Mil Primaveras créanse coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Con estes premios preténdese recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Un dos obxectivos da convocatoria destes premios, alén de recoñecer a calidade dos proxectos que se desenvolven no ámbito da normalización lingüística, é contribuír á súa difusión e que poidan servir como modelo e inspiración para o traballo de promoción do uso e prestixio da lingua.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Pois dun total de 47 proxectos presentados, o noso Proxecto Youtubeir@s conseguiu levarse o premio ao proxecto máis innovador, do que nos sentimos moi orgullosas e ademais nos dará azos para continuarmos e mellorarmos o noso traballo.

Isto é o que di o xurado:

Recoñeceuse o Proxecto Youtubeir@s (concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, Deputación Provincial da Coruña e universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma, xa que ten unha grande atracción na xente nova. Así mesmo, valorouse que este proxecto emprega linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube, alén de prestixiar o emprego desta rede social como ferramenta creativa. Neste proxecto é tamén salientable a colaboración de diferentes servizos de normalización lingüística de entidades locais e universitarias e a evolución e mellora do proxecto nas sucesivas edicións.

Puidemos desfrutar dun acto moi agradable e ameno, dinamizado polos regueifeiros Luís Caruncho e Lupe Blanco. Recolleu o premio Jose Antonio Pereira Gil, alcalde da Baña, acompañado das técnicas e técnicos e representacións política das distintas administracións que organizamos o Proxecto.

Os outros proxectos premiados cos que puidemos compartir a nosa experiencia foron :  o Modelo Burela do IES Perdouro (premio ao mellor proxecto estabilizado), Falemos de ti e min do IES de Soutomaior (premio ao mellor proxecto novo), Desafío 48 h do IES María Casares de Oleiros (premio á mellor comunicación e impacto), Youtubeir@s de 13 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña (premio ao programa máis innovador), Eu presumo de galego do IES de Melide (premio ao mellor proxecto destinado á mocidade) e GCiencia (premio ao mellor proxecto dun ámbito sectorial).

Desde o Proxecto Youtubeir@s queremos felicitar a CTNL por esta iniciativa de posta en valor de propostas normalizadoras da nosa lingua así como ao resto dos proxectos premiados.

Mil primaveras máis para a nosa lingua!

Comenta nas nosas redes sociais

Uso de cookies

Como todos os sitios de internet este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia navegando. Se continúa navegando está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies