AS BASES

BASES XERAIS

          1. Youtubeir@s – Concurso de vídeos na Rede transcorre do 1 de decembro de 2016 ao 28 de abril de 2017. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde.
          2. As persoas participantes deben inscribirse a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal Todos os vídeos participantes teñen que estar publicados na plataforma de vídeo Youtube (sen restricións de privacidade) antes do 28 de abril de 2017 coas etiquetas #youtubeiras #youtubeiros na descrición.
          3. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos que queiran transmitir algún coñecemento e/ou opinar sobre algún tema que lles interese a través de vídeos autoproducidos.
          4. Cada autor ou autora pode inscribir tantos vídeos como desexe. No momento da inscrición o autor ou autora debe escoller a categoría na que quere inscribir cada vídeo: vídeo-facermos ou vídeo-opinarmos.
          5. A duración máxima de cada vídeo presentado é de 5 minutos.
          6. Os vídeos teñen que estar realizados en galego.
          7. Os vídeos participantes deben estar licenciados baixo calquera das licenzas Creative Commons.
          8. Fican expresamente excluídos os traballos de índole comercial ou publicitaria e aqueles vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.
          9. A entrega dos premios realizarase nun acto público que se anunciará con antelación publicamente.
          10. A organización resérvase o dereito a empregar os vídeos participantes na promoción do propio concurso.
          11. A participación neste concurso significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado designado.

ACLARACIÓN DAS BASES: o obxectivo principal de Youtubeir@s – Concurso de vídeos na Rede é incrementar a presenza do galego na rede social Youtube. É por iso que só entrarán a concurso aqueles vídeos realizados a partir do 1 de decembro de 2016.

INSCRICIÓN

O prazo límite para inscribir os vídeos a concurso é o 28 de abril ás 00.00 h.

As inscricións realizaranse a través do formulario dispoñible na web do do proxecto:  www.youtubeiras.gal

No caso de que a persoa participante sexa menor de idade, esta inscrición irá acompañada da autorización do pai/nai ou titor/a legal mediante o documento que se facilita na web do proxecto Youtubeir@s.

CATEGORÍAS

Establécense dúas categorías de participación segundo o contido:

  • VÍDEO-FACERMOS > Vídeo-titorial no que se mostran saberes e procesos de elaboración para que outra xente os poida aprender. Por exemplo, unha receita, un truco de maxia, o uso dun programa informático, manualidades…
  • VÍDEO-OPINARMOS > Vídeo no que, de xeito argumentado, se expón unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese. Por exemplo, sobre un libro, un filme, unha serie, sobre temas de actualidade, moda ou tendencias…

PREMIOS

Establécense os seguintes premios por categoría:

CATEGORÍA VÍDEO-FACERMOS >> 1.000€
CATEGORÍA VÍDEO-OPINARVOS >> 1.000€

Haberá catro mencións honoríficas:

CREATIVIDADE >> 500€
EFICIENCIA COMUNICATIVA >> 500€
CALIDADE TÉCNICA >> 500€
CALIDADE LINGÜÍSTICA >> 500€

Cada persoa participante non poderá recibir máis dun premio ou mención.
As contías serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.
Se o xurado así o considera pode haber premios declarados desertos ou compartidos.

CRITERIOS DE VALORACIÓN

  • Enxeño e creatividade. Valorarase a orixinalidade da peza a nivel visual, sonoro, do propio contido e do xeito de transmitilo.
  • Calidade técnica da peza tanto a nivel visual como sonoro.
  • Eficiencia comunicativa do vídeo na transmisión do contido tanto a nivel oral como visual. Valoraranse as dotes interpretativas e o uso dos recursos propios da linguaxe audiovisual e a súa capacidade de incidencia no público.
  • Calidade lingüística. Valorarase o uso coidado e correcto da lingua en todas as súas variantes dialectais (calidade fonética, léxica, sintáctica, etc.)

RESOLUCIÓN DO CONCURSO

O xurado con voz e voto estará composto por cinco persoas relacionadas co ámbito audiovisual, tecnolóxico e da lingua. Na decisión do xurado estará presente unha persoa con voz e sen voto dos servizos de normalización lingüística das entidades promotoras do concurso para levar a cabo tamén as funcións de secretaría.

A listaxe de finalistas publicarase con anterioridade á data de entrega de premios, ao mesmo tempo será anunciada na web e comunicada a cada participante finalista.

A resolución do xurado darase a coñecer o 26 de maio nun acto de entrega de premios público e aberto.

Podes descargar as bases completas nesta ligazón.

youtubea-05facebookb-04correoa-02