AS BASES

1.OBXECTIVOS

Os premios Youtubeir@s teñen como finalidade ser acicate da creación e difusión de vídeos de opinión e videotitoriais en galego. Procuran a súa promoción e visibilización a través da Rede así como o recoñecemento daqueles de maior creatividade, calidade técnica, eficiencia comunicativa e calidade lingüística.

2.DESTINATARI@S

Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos que queiran transmitir algún coñecemento e/ou opinar sobre algún tema de interese a través de vídeos autoproducidos subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. No caso de que a persoa participante sexa menor de idade, esta inscrición irá acompañada da autorización do pai/nai ou titor/a legal mediante o documento que se facilita na web do proxecto Youtubeir@s.

3.CARACTERÍSTICAS E CONDICIÓNS DOS VÍDEOS E CANLES PARTICIPANTES

  • Todos os vídeos participantes teñen que estar publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018 na plataforma de vídeos Youtube, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. No caso de presentar canles de vídeos teñen que conter polo menos 5 vídeos realizados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, estar en galego e ter na descrición os cancelos #youtubeiras #youtubeiros, sen restricións de privacidade.
  • Os vídeos individuais que sexan presentados a Youtubeir@s teñen que estar integramente en galego.
  • As canles de Youtube presentadas deben ter a maioría dos vídeos en galego.
  • Os títulos dos vídeos, as descricións e os subtítulos permanentes (de habelos) teñen que estar en galego.
  • Os vídeos que concorren de xeito individual teñen que ter unha duración máxima de 5 minutos.
  • Fican expresamente excluídos os traballos de índole comercial e aqueles vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

4.INSCRICIÓN E PRAZO

  • O prazo para inscribir os vídeos e canles no Premio Youtubeir@s é do 13 de febreiro de 2019 ao 27 de setembro de 2019 ás 23.59 h. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde.
  • As persoas participantes deben inscribirse a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal
  • Cada autor ou autora pode inscribir tantos vídeos ou canles como desexe. No momento da inscrición o autor ou autora debe escoller a categoría na que quere inscribirse.

5.CATEGORÍAS

  • VÍDEO-FACERMOS > Vídeo que mostra os teus saberes e procesos de elaboración a través dun titorial para que outra xente poida aprender.
  • VÍDEO-OPINARMOS > Expón unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese e dun xeito argumentado.
  • CANLE > Poderase presentar a Youtubeir@s a canle propia con todos os seus vídeos. Nesta categoría valorarase a calidade na creación de contidos, a traxectoria, a constancia e a repercusión (número de visualizacións, comentarios, interaccións…)
  • VÍDEO-CANTARMOS > Vídeo musical que abrangue versións, composicións orixinais, coreografías, ata parodias e adaptacións de temas independentes ou dos máis comerciais.

6.PREMIOS

  • Establécense os seguintes premios:

Premio ao mellor vídeo-facermos >> 1.000€
Premio ao mellor vídeo-opinarmos >> 1.000€
Premio á mellor canle >> 1.000€
Premio ao mellor vídeo-cantarmos >> 1.000€
Premio á creatividade >> 500€
Premio á eficiencia comunicativa >> 500€
Premio á calidade técnica >> 500€
Premio á calidade lingüística >> 500€
#propostayoutubeira >> 500€

  • Cada persoa participante pode recibir máis dun premio e se o xurado así o considera pode haber premios declarados desertos ou compartidos.
  • As contías serán únicas e estarán suxeitas ás retencións que lles correspondan consonte a normativa tributaria.

7.XURADO, SELECCIÓN, CRITERIOS DE VALORACIÓN E ENTREGA DE PREMIOS

  • O xurado con voz e voto estará composto por cinco persoas relacionadas co audiovisual, coa xeración e consumo de contidos dixitais e co traballo na área da normalización da lingua.
  • O xurado valorará os seguintes criterios:

Creatividade. Valorarase a orixinalidade visual e sonora da peza, o propio contido e o xeito de transmitilo.
Calidade técnica da peza tanto visual como sonora.
Eficiencia comunicativa do vídeo na transmisión do contido tanto oral como visual. Valoraranse os dotes interpretativos ou comunicativos e o aproveitamento dos recursos propios da linguaxe audiovisual e a súa capacidade de incidencia no público.
Calidade lingüística. Valorarase o uso coidado e correcto da lingua en calquera das  súas variantes dialectais (calidade fonética, léxica, sintáctica etc.)

  • A listaxe de finalistas publicarase con anterioridade á data da entrega de premios, ao mesmo tempo será anunciada na web e comunicada a cada participante finalista.
  • A resolución final do xurado darase a coñecer nun acto de entrega de premios público  e aberto, que se anunciará publicamente e con suficiente antelación, e ao que se comprometen a asistir as persoas finalistas.

8.BASE FINAL

  • A organización resérvase o dereito a empregar os vídeos participantes na promoción do proxecto Youtubeir@s.
  • A participación nestes premios significa a completa aceptación destas bases e das decisións do xurado designado.

Descarga aquí as bases.

Uso de cookies

Como todos os sitios de internet este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia navegando. Se continúa navegando está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies