Entradas na categoría: Actividades

Lista de reprodución ao vivo

O pasado  3 de outubro tivo lugar a Lista de Reprodución ao Vivo no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela.  A actividade, que transcorreu de 18.00 a 20.00 horas, uniu a medio centenar de persoas desexosas de participar e vivir a experiencia. Con todo, seis espazos, seis canles de Youtube en galego e tres roldas para mergullarse e  desvirtualizar a youtubeir@s.

Xandobela. Educación e Dinamización Sociocultural,   encargada da xestión da actividade, recibiu a todas as persoas asistentes ofrecendo de inicio seis títulos suxerentes que agochaban tras de si a cada youtubeir@.  Deste xeito, cada participante tiña a oportunidade de escoller a cegas tres títulos levándose  pola intuición e adentrándose nunha lista de reprodución viva e interactiva.  Ao mesmo tempo os  creadores e creadoras de contidos dixitais agardaban nos seus respectivos  espazos a entrada dos seus seguidores e seguidoras para revelar por vez primeira a súa verdadeira identidade.

Juan O Choio e o seu neto Román Castaño das  Cousas do Choio  baixo o título “Botar a rede e facerse coa net”, arrancaron os sorrisos do público a través das súas creacións e vivenzas á hora de abordar as gravacións e reaccións da veciñanza en canto os seus vídeos se fixeron virais.

“Comer e rañar todo é empezar” serviu a Laura Cruxeiras para presentarse como creadora da canle Corasón de Churrasco. Relatou a súa experiencia  dende a creación da mesma  como algo anecdótico  entre compañeiras de piso ata chegar a conectar con outr@s  youtubeir@s co dúo Blanca&Tinta.

Isabel Villanueva, xestora da  canle O galego mola e baixo  o título   ”Cun megapíxel e un calcetín” compartiu a experiencia de ser youtubeira e creadora nas Redes e da importancia que teñen estas na súa vida.

Tras o título “The Big Gal Theory”,  o youtubeiro Xacobo de Toro e a súa canle Xacobo de Toro onde a ciencia é a protagonista.  Falou do uso do audiovisual nas aulas e explicou trucos e recursos de creación que facilitan a realización de contidos divulgativos para as Redes.

Cruz Piñón de Teño unha horta en San Sarduniño, co seu vídeo vivo “Sementei garavanzos e nacéronme followers”, conectou á primeira coa xente máis  nova ao combinar toda a sabedoría do campo e tecnoloxía a través da súa horta e da súa canle.   Puxo en valor  a comunidade youtubeira e falou do moito que esta inflúe de xeito positivo na súa vida.

O galego como impulsor de creación foi un dos temas nos que Eira Losada fixo fincapé baixo a premisa “Unboxing Motor Gal. 18 OU”.  Fixo un repaso da súa traxectoria e evolución a través da súa canle Nubes baixo ti  tanto a nivel de contidos como a nivel técnico.

Así, a Lista de Reprodución ao Vivo rematou coma un encontro  onde  as persoas asistentes tiveron  a oportunidade de conversar e coñecer a youtubeir@s de preto, coñecer  o seu proceso creativo, compartir anécdotas e reflexionar sobre o futuro na rede.  A xornada puxo fin nun pequeno convivio final de intercambio de sensacións, onde todas as persoas asistentes deixaron comentarios  por escrito  a cada vídeo vivo.

Premio Mil Primaveras ao proxecto máis innovador!

O sábado día 21 o Proxecto youtubeir@s estivo no Pazo da Cultura de Pontevedra recollendo o Premio Mil Primaveras  promovido e organizado pola CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.

Os Premios Mil Primaveras créanse coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Con estes premios preténdese recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Un dos obxectivos da convocatoria destes premios, alén de recoñecer a calidade dos proxectos que se desenvolven no ámbito da normalización lingüística, é contribuír á súa difusión e que poidan servir como modelo e inspiración para o traballo de promoción do uso e prestixio da lingua.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Pois dun total de 47 proxectos presentados, o noso Proxecto Youtubeir@s conseguiu levarse o premio ao proxecto máis innovador, do que nos sentimos moi orgullosas e ademais nos dará azos para continuarmos e mellorarmos o noso traballo.

Isto é o que di o xurado:

Recoñeceuse o Proxecto Youtubeir@s (concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, Deputación Provincial da Coruña e universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma, xa que ten unha grande atracción na xente nova. Así mesmo, valorouse que este proxecto emprega linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube, alén de prestixiar o emprego desta rede social como ferramenta creativa. Neste proxecto é tamén salientable a colaboración de diferentes servizos de normalización lingüística de entidades locais e universitarias e a evolución e mellora do proxecto nas sucesivas edicións.

Puidemos desfrutar dun acto moi agradable e ameno, dinamizado polos regueifeiros Luís Caruncho e Lupe Blanco. Recolleu o premio Jose Antonio Pereira Gil, alcalde da Baña, acompañado das técnicas e técnicos e representacións política das distintas administracións que organizamos o Proxecto.

Os outros proxectos premiados cos que puidemos compartir a nosa experiencia foron :  o Modelo Burela do IES Perdouro (premio ao mellor proxecto estabilizado), Falemos de ti e min do IES de Soutomaior (premio ao mellor proxecto novo), Desafío 48 h do IES María Casares de Oleiros (premio á mellor comunicación e impacto), Youtubeir@s de 13 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña (premio ao programa máis innovador), Eu presumo de galego do IES de Melide (premio ao mellor proxecto destinado á mocidade) e GCiencia (premio ao mellor proxecto dun ámbito sectorial).

Desde o Proxecto Youtubeir@s queremos felicitar a CTNL por esta iniciativa de posta en valor de propostas normalizadoras da nosa lingua así como ao resto dos proxectos premiados.

Mil primaveras máis para a nosa lingua!

Lista de reprodución ao vivo

Xornada de Youtubeir@s en conexión

Durante a mañá do sábado 8 de xuño no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña levouse a cabo un encontro de youtubeir@s con dous obxectivos claros: desvirtualizar a outros creadores e creadoras do Youtube  e intercambiar ideas, reflexións e novos retos de cara o futuro.

Na xornada, dinamizada por Ben Curiosa,  participou un grupo interxeracional e multidisplinar con  moitas ganas de  poñer en común proxectos e crear redes de colaboración. Foi así, como a partir das dez e media da mañá foron sucedendo as diferentes actividades que estaban programadas.

Rompeuse o xeo creando de xeito colectivo unha Liña do Tempo. “Puxéronme internet na casa”, “creei a miña propia canle” ou  o Despacito de Luis Fonsi -o vídeo con máis visualizacións da historia-  compuxeron os fitos e momentos claves desta primeira dinámica. 

A “Monetización”, “Datos e métricas”, “Temáticas e novos formatos” foron os grandes temas que serviron para traballar en subgrupos, xerar debates e compartir pareceres. Non deixaron de fluír experiencias, opinións e reflexións que puxeron sobre a mesa cuestións sobre procesos creativos e  técnicos, ferramentas de traballo, consellos para acadar unha masa crítica suficiente de visitas e subscritores e así poder acadar, se este fora o obxectivo,  a profesionalización.

A esta primeira dinámica sucedeulle a posta en común de ideas para fortalecer a comunidade youtubeir@ a curto e longo prazo. Unha escolma de suxestións arredor das redes, da lingua galega, de infraestruturas ou de organización deron paso a unha análise sobre os camiños de futuro da propio portal de Youtube.

Tamén houbo un tempo para que cada youtubeir@ puidese facer a presentación da súa canle onde xurdiron  preguntas e debates de cara a resolver teimas comúns, que continuarían intercambiando nunha  sesión vermú pola cidade vella. 

Conexión, descuberta, inspiración, comunidade, marabilla, folgos, tecnoloxía, construtivo, reflexivo, agradable, futuro…todas elas foron palabras que se compartiron ao peche dun encontro no que se respirou moito entusiasmo por crear novos contidos, compartir experiencias, e  xerar tecido de youtubeir@s.

Podes ampliar a información con esta Memoria de Youtubeir@s en Conexión

Youtubeir@s en conexión

Formacións youtubeiras

Esta edición de Youtubeir@s comezou moi forte coas formacións. Durante os meses de febreiro e marzo fixemos 13 formacións: 8 en Santiago de Compostela, 3 en Moaña e 2 en Ames. Non paramos!

E como cada quen ten unha relación diferente coa videocreación e co mundo do Youtube, houbo 3 tipos de obradoiros diferentes:

· Achegamento básico ao mundo youtubeiro: As profesionais de Illa Bufarda explicaron o proxecto Youtubeir@s e as novidades dos Premios nesta terceira edición. A maior parte destas formacións foron en centros de ensino con alumn@s da ESO e de bacharelato que medraron co Youtube. Como é lóxico, saben moito! Por isto, en todos os grupos houbo quen gañou o bingo youtubeiro que facía de fío condutor durante os 90 minutos de cada unha destas formacións.

· Ferramentas básicas para a videocreación no Youtube: As youtubeiras Marga Rodríguez Tilve (As Cousas do Choio) e Laura Villaverde (Chola&Lola) puxeron en práctica o proceso de creación audiovisual. Durante 6 horas, repartidas en 3 sesións, o alumnado pasou por todas as fases da creación youtubeira: concentráronse na idea, redactaron o guión, experimentaron coa gravación e coa edición, subiron o vídeo a Youtube e moito máis!

· Formación para youtubeir@s non “millenials”: Este obradoiro durou 12 horas repartidas en 6 sesións. As asistentes foron youtubeiras da “xeración silenciosa” e do “baby boom”, mulleres con moito que contar e con máis dificultades no manexo das novas tecnoloxías. As formadoras, as integrantes de Illa Bufarda. Foron sesións moi prácticas centradas na creación de ideas, no manexo da cámara, na actitude fronte a este dispositivo e nas posibilidades expresivas d@s youtubeir@s.

Lembra que nesta web tamén tes á túa disposición recursos formativos

Conéctate á comunidade e multiplícate!

Youtubeir@s na MICE

O Museo do Pobo Galego, inspirado polo tema proposto este ano para celebrar o Día Internacional dos Museos -hiperconectados-, convidou o programa Yoububeir@s a formar parte das actividades paralelas da Mostra Internacional de Cine Etnográfico que vai pola XIII edición.

Protagonizou o acto unha selección, feita ao caso, de dezasete traballos presentados polos youtubeiros e as youtubeiras nestas dúas convocatorias do programa.

Foi un percorrido ben interesante por varias mostras da nosa cultura popular, desde unha explicación sobre a vestimenta tradicional e o xeito de facer algúns produtos enxebres da nosa alimentación como o pan, as chulas ou os bolos do pote ata o divertimento do domingo falereiro ou dos xoguetes de antano, e o traballo, no mar, nos muíños ou no oficio dos construtores de gaitas.

Após os vídeos, e cando xa o público asistente puidera ver canto pode dar de si a atención á nosa lingua e á nosa cultura desde os espazos sociais da rede, houbo tempo para conversar con algunhas das persoas que participaron cos seus traballos: Diego Prieto, de Tradigaita, Román Castaño e Margarida Rodríguez, d’As cousas do Choio, e Lucía Junquera e Silvia López de Son do pan.

Practicamente todos os vídeos que se viron, e nomeadamente os realizados polas youtubeiras e youtubeiros presentes na mesa do coloquio, deixaban diante da cámara uns protagonistas diferentes de quen guionizara e gravara os traballos, e en moitos caos xente maior. Este foi, logo, un dos fíos condutores da conversa na que se explicou como percibían estas persoas alleas ao uso das redes e ao audiovisual este novo xeito de contaren a súa historia ou os seus saberes e asemade se puxo de relevo que esta canle ten cada vez un espectro máis amplo de usuarios e usuarias.

Houbo tamén abondas intervencións nas que se reafirmou a importancia de crear e divulgar contido en galego e sobre a nosa cultura como fórmula acaída para darlle normalidade. Neste sentido valorouse especialmente que se vehiculen na nosa lingua todos os xéneros youtubeiros e sobre calquera temática.

Desde o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, que conducía a mesa, agradeceuse, en nome de todas as entidades concellos e que convocan Youtubeir@s, a oportunidade que facilitaron a MICE e o Museo do Pobo Galego, como promotor, para dar maior difusión ao programa e aos traballos que participaron. Tamén se fixo público o agradecemento a Illa Bufarda como empresa que desenvolve todo o traballo técnico que fai posible as convocatorias e a todas as persoas que acudiron para contar a súa experiencia ou para escoitárena.

Gala de entrega dos #premiosyoutubeiros2018

Día das Redes Galegas

Cristina Rodríguez _ Nervios, calor, moitos nervios. Encantada e asustada de participar no Día das Redes Sociais na Facultade de Comunicación e Ciencias Sociais, do campus de Pontevedra, para falar de youtubeir@s (pero moi atacada).

Finalistas 2018

O venres 6 de abril reuniuse o xurado da segunda edición dos Premios Youtubeir@s, integrado por Adrián Dios, Anxos Sobriño, Estela Romasanta, Iván Capón e Laura Cruxeiras. O xurado tivo que valorar as 230 inscricións desta edición e desa reunión saíron @s 26 youtubeir@s finalistas do 2018. As candidaturas gañadoras coñeceranse na gala dos Premios Youtubeir@s. O gran día será o 20 de abril ás 20 h no Teatro Colón da Coruña, e o acto estará presentado pola compañía de teatro A Panadaría. Pódense reservar xa as entradas na seguinte ligazón.

Uso de cookies

Como todos os sitios de internet este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia navegando. Se continúa navegando está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies