Entradas coa etiqueta: #propostayoutubeira

O público ten moito que dicir na #propostayoutubeira

O martes 20 de febreiro pechouse o prazo para realizar a #propostayoutubeira cun total de 17 vídeos que se poden votar ata o 15 de marzo a través de Facebook.

Por primeira vez nos Premios Youtubeir@s o público ten voz á hora de outorgar un premio propio. Son as persoas que votan as diferentes propostas as que deciden que cinco vídeos deben pasar pola valoración do xurado. Entre a selección final o xurado desta edición escollerá finalmente a #propostayoutubeira gañadora.

Moita creatividade na #propostayoutubeira

Entre os vídeos recibidos hai unha gran variedade temática e, sobre todo, moita orixinalidade.

Aquel-e cóntanos como sae no blog de Gloria Lago e cales deberían ser os grupos representantes de Galiza en Eurovisión.  Ademais, entre as propostas desta edición tamén se pode atopar unha morea de consellos para facer freixóns ou filloas, slimes faciliños, accesorios de cámara e incluso para falar malpicán ou dar cartos ás agachadas. Unha gran variedade de recomendacións para mellorar as nosas destrezas!

Do mesmo xeito, a #propostayoutubeira tamén vén cargada de opinións, dende vídeos-denuncia sobre os aparcamentos, reviews nostálxicas de discotecas, como de única é Galicia ata razóns polas que debemos parar o 8 de marzo. Fálame de San Sadurniño participa tamén con “Quixera”, un vídeo que nos permite achegarnos aos seus pensamentos.

SusanaSue somérxenos no corazón do entroido de Xinzo e mostra como viviu ela o Fareleiro deste ano 2018. O conflito medioambiental tamén se colou na #propostayoutubeira da man de Páramo Pictures e o seu vídeo musical “Alcolitos”.

Pola súa banda, a educación tamén ten o seu espazo na #propostayoutubeira. Xacobo de Toro mostra como empregar o Croma e Prompter coma ferramenta nas aulas ou como rachar todas as normas básicas do laboratorio e Pilar Ponte – A Profa ensínanos como nomear correctamente os elementos da cociña cunha pílula informativa. Recursos pedagóxicos que demostran que o ensino e o Youtube poden ir da man.

Sen dúbida, todas estas propostas youtubeiras demostran que podemos falar de todo no Youtube!

 

Uso de cookies

Como todos os sitios de internet este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia navegando. Se continúa navegando está a dar o seu consentimiento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies