Saltar ao contido
Youtubeiras+ > 10 chaves para ter máis subscrición na túa canle

10 chaves para ter máis subscrición na túa canle

Rebuscar na inmensidade da Rede ás veces é como precipitarse ao abismo pero… con estes 10 consellos conseguirás posicionar mellor a túa canle para que te atopen e sen gastar un só céntimo!

Comezamos:

  • Coida a xente que xa te segue: Diríxete a ela, agradécelle que te vexan e intenta saber que cousas lle gusta e cales non. Logo con esa información xa fas o que ti consideres, pero é interesante coñecer o teu público. Se gustan da túa canle, van compartir os teus vídeos seguro! Contesta os comentarios que che fagan e sígueos/as nas súas redes. Podes lanzar preguntas (verbalmente ou a través das tarxetas), pedir que che comenten algo en concreto, facer enquisas de insta e mil historias máis (nunca mellor dito). O tema é botarlle imaxinación! 
  • Fai bos contidos: Isto é moi obvio á par que subxectivo… claro. Busca contidos orixinais, innova no formato, na forma de contar, aproveita todos os recursos dispoñibles na rede, usa música e efectos sonoros, grava con toda a calidade posible e procura que o son se escoite ben. Critica o teu propio traballo e esíxete un chisco máis cada día! Non pares nunca de aprender!
  • Planifica algún sorteo: Isto leva o seu traballiño de planificación pero dá os seus resultados. Podes facer algún sorteo entre as persoas que xa te seguen e pedirlles algo a cambio (compartir, comentar…). Podes facelo no propio Youtube ou, se tes, nas túas redes sociais asociadas.
  • Traballa a túa identidade dixital noutras redes sociais: Isto é moi importante! Aínda non tes redes sociais asociadas á canle? Pois anímate, mide forzas e comeza pola que máis te convenza ou onde creas que se atopan as persoas que poden ser seguidoras potencias da túa canle. Busca unha estética coidada e coherente en todas as túas redes, que unifique cores, tipografías, formas…, e emprega un ton comunicativo semellante ao dos vídeos para que sexa máis identificable co teu estilo e imaxe.
  • As miniaturas, ese amor a primeira vista: Pois si, tal cal. Amor a primeira vista é o que conseguen algunhas canles que traballan moito as miniaturas de cada vídeo. Os ollos botan chispas cun só fotograma! Prepara un bo deseño e xa verás que feito queda. Esta imaxe tamén che pode servir para promover os teus vídeos  noutras redes sociais. Na primeira gala de entrega de premios Youtubeir@s, alá polo 2017, Iñaki Quenerapú fixo un monólogo ma-ra-bi-llo-so arredor das malas pasadas do “PLAY” enriba das nosas miniaturas
  • Participa noutras canles (fai colabs!): Comenta, participa e interactúa con outras canles. Que non se apodere de ti a timidez, ábrete e dáte a coñecer a outros creadores e creadoras que de seguro están desexando ter máis rede creativa á súa volta. Outra forma de participar noutras canles é facer colabs con youtubeir@s que teñan similitudes cos teus contidos, así chegarás a un público que seguro adorará a túa canle. 
  • Crea un bo título: Crea un título que conteña as palabras chave para entender o contido do vídeo e que chame a atención. Non te pases creando expectativa (un visionado frustrado non é boa cousa) pero tampouco sexas eslamiado/a. Escolle o título con base no formato: as listas de cousas, por exemplo, “10 ideas xeniais para non atragoarte nas ceas de nadal”, tamén os vídeos con tempo limitado, “Aprende a coser en 5 minutos” (Por certo, viches os vídeos do xurado deste ano?) …
  • A descrición do vídeo… Uf, que preguiza!: Veña, ho! Se che está quedando moi ben… Xa case vai! Sé orixinal, crea un texto con gancho e evita o contido duplicado do título.  Outra boa idea é engadir no texto a ligazón para subscribirse directamente. Faino mellor nas primeiras liñas para que se vexa facilmente. Aproveita e personaliza a ligazón: https://www.youtube.com/subscription_center?add_user=onomedatuacanle (cambia o texto onomedatuacanle polo nome da túa canle e esta ligazón xa levará directamente á xanela emerxente para a subscrición)
  • Recordatorios, sempre!: Non te canses de facelo! Fai chamadas verbais e emprega as tarxetas nos últimos segundos de cada vídeo para que a xente se subscriba á túa canle e reciba notificación na campaíña a cada novo contido. As tarxetas de Youtube son moi sinxelas de usar e tes múltiples opcións: tarxetas de subscrición, tarxetas a outros vídeos teus e se tes moita xente subscrita ata podes incorporar a ligazón do teu web. 
  • Coida a lingua e participa en Youtubeir@s: Consello definitivo! Presenta todos os teus vídeos e canles aos Premios Youtubeir@s 2020. Ademais de optar a premios gorentosos, os teus vídeos serán incluídos nas listas de reprodución do concurso, serán difundidos a través do twitter do proxecto e Youtubeir@s dará un bo pulo a todos os creadores e creadoras! Emprega os cancelos #yotubeiras e #youtubeiras #youtubeengalego para que sexa máis doado atoparte na inmensidade do Youtube.  Ah, coida a lingua, que non costa nadiña e a túa xente subscrita ha agradecelo!

A crear, youtubeir@s! 

* Texto creado en 2020