Saltar ao contido
    Youtubeiras+ > Novas > novas > 30 ANOS DE INTERNET EN GALEGO: DE VIEIROS A YOUTUBEIRAS+

    30 ANOS DE INTERNET EN GALEGO: DE VIEIROS A YOUTUBEIRAS+

    En febreiro de 1993, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) estableceu a primeira conexión galega a Internet para integrar os grupos de investigación galegos no circuíto científico internacional. O primeiro servidor web aparecería só uns meses despois na Facultade de Física da USC. Porén, a primeira páxina no noso idioma non chegaría até 1994… na universidade galesa de Aberystwyth. Só consistía nunha listaxe de ligazóns a recursos galegos e fora creada polo coristanqués Alfonso Xavier Canosa como resultado dun curso sobre HTML, sen moita continuidade.

    Como chegamos dunha simple lista de ligazóns creada en Gales a un universo de redes sociais cheo de influenciadoras, memes, divulgación científica, cociña… en galego?

    Os comezos

    Xa hai 30 anos, en 1996, a empresa ferrolá Item:)aga rexistrou o primeiro dominio privado en galego. Vieiros. The Galician District comezou agrupando recursos na rede referidos a Galiza, de informacións institucionais a rutas de turismo rural. Tamén contaba cun dicionario galego-inglés-español, acceso a varias bibliotecas e un apartado dedicado á arte. Cos anos, creou unha auténtica comunidade con formatos innovadores: entrevistas formato chat, relatos eróticos, as primeiras cibercoberturas electorais e un traballo xornalístico referente sobre o movemento Nunca Máis.

    Pouco despois, xurdiron outros espazos de agregación. Galiciacity funcionou como buscador temático e Fillos de Galicia construíu unha comunidade virtual na diáspora, co seu famoso Atopadoiro para localizar familiares. A Galipedia non chegaría até o ano 2003. Tamén faltaba moita infraestrutura lingüística, polo que a plataforma Galego21.org comezou a fornecer recursos informáticos como XIS, o primeiro navegador en galego, presentado no ano 1998. De xeito paralelo, unha comunidade aberta de persoas voluntarias fundou o Proxecto Trasno para levar o galego ao software libre. En 2001 fundouse en Santiago de Compostela Dinahosting, empresa especializada en aloxamento web. Isto permitiría a aparición do dominio .gal o 25 de xullo de 2014.

    As primeiras comunidades

    Coa chegada da web 2.0, a participación individual disparouse. Os blogues permitiron que calquera persoa puidese publicar de xeito fácil, e aqueles en galego agrupábanse na comunidade descentralizada coñecida como Blogomillo. Existían milleiros de bitácoras persoais con temáticas diversas. En 2006, Blogaliza.org contabilizaba máis de dous mil blogs; en 2010, superaban os vinte e cinco mil.

    Esta comunidade de xente afeccionada, sen ánimo de lucro nin vinculación institucional, democratizou a publicación en galego e normalizou a súa presenza na rede. Aínda que hoxe estea case desaparecido, o Blogomillo sentou as bases para o Galitwitter e as redes sociais actuais.

    As primeiras redes sociais

    Alén da rede dos blogues, apareceron tamén as primeiras redes sociais, sempre con presenza da comunidade galega. Para recoller os pódcasts na nosa lingua, naceu Podgalego no ano 2006. Máis adiante ampliaríase coas iniciativas de Youtube en galego, Twitch en galego e a Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, todas baixo a vontade de agrupar e difundir o contido en galego nas redes.

    Por outra parte, apareceron redes sociais concibidas desde e para a Galiza como Chuza!, de actualidade. Nela, calquera persoa usuaria podía enviar novas e a comunidade decidía con votos cales chegaban á portada. En só dous anos superou os 2.500 rexistros e as 10.000 visitas diarias.

    Aínda así, para que as interfaces das redes sociais xeralistas puidesen ser configuradas en galego, a comunidade galegofalante protagonizou diversas reivindicacións. O caso máis paradigmático foi o de Twitter/X cunha campaña que logrou que #twitterengalego fose trending topic a nivel estatal. Despois dun intenso traballo de tradución voluntaria, en febreiro de 2013 a plataforma incorporou o galego na súa versión web. Pola contra, Instagram e Tiktok continúan sen ofrecer unha interface no noso idioma a pesar das demandas.

    A actualidade… e o futuro

    A comunidade galega nas redes sociais creceu de xeito exponencial, multiplicando as plataformas, os formatos e as persoas creadoras. Hoxe hai xa quen vive das redes en galego: unha profesionalización impensábel hai só unha década. Este florecemento foi acompañado por iniciativas o Carballo Interplay ou Youtubeiras+. A nosa historia está recollida neste outro artigo.

    Mais o camiño continúa a ter obstáculos: os algoritmos penalizan o galego, en moitas plataformas non é posíbel configuralo como idioma nin filtrar contidos para encontrar o que se produce na nosa lingua. Algunhas redes tradúcennos forzosamente e outras non recoñecen ben o que dicimos no subtitulado automático. Aínda así, a comunidade resiste e non para de crear.


    Celebremos estes 30 anos da Internet en galego, os 10 anos de Youtubeiras+ e os moitos anos que virán no futuro!

    Para saber máis:

    ROMERO RODRÍGUEZ, Daniel; VAQUERO QUINELA, Isabel (2001): Da periferia á rede: Internet en Galicia. Lingua e contidos, Edicións Xerais de Galicia.

    CANABAL, S.; GAGO, M.; LÓPEZ, X. (2006): «Da blogosfera ao blogomillo: Bitácoras, lingua e cultura en Galicia», Grial, vol. 44, nº 171, pp. 130-135. Dispoñíbel en: http://www.jstor.org.ezbusc.usc.gal/stable/29752801

    VEIGA IZAGUIRRE, M.: Ao principio foi Vieiros. Do Blogomillo ao Galituíter [Liña do tempo]. Dispoñíbel en: https://www.tiki-toki.com/timeline/entry/1402210/Ao-principio-foi-Vieiros.-Do-Blogomillo-ao-Galituter/

    YÁÑEZ, M. (2022): O outro lado da pantalla. Unha historia da internet galega [Vídeo]. Dispoñíbel en: https://youtu.be/vUpomr7fgtU

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *