Saltar ao contido
    Youtubeiras+ > Novas > novas > A GALA DE YOUTUBEIRAS+ EN MODO PÓDCAST: CAPÍTULO 1

    A GALA DE YOUTUBEIRAS+ EN MODO PÓDCAST: CAPÍTULO 1

    O pasado sábado 7 de febreiro o Teatro Jofre de Ferrol acolleu a gala de entrega de premios Youtubeiras+ coa gravación ao vivo do capítulo 1 do Podcast Youtubeiras+ da man de Leila Fernández (O faiado podcast) e Carlos Vieito (Exército Mekemeke). Ademais contou co acompañamento musical de Russ e interpretación en lingua de signos. No discorrer do pódcast deuse a coñecer o fallo do xurado, que decidiu seis dos sete galardóns, así como tamén o Premio do Público, que determinou unha votación dixital na que participaron 2326 persoas.

    O palmarés deste ano é:

    Os galardóns contan cunha dotación económica total de 7500 euros, repartidos da seguinte maneira: as categorías Canle e Creación de Contidos están dotados con 1250 euros, mentres que no resto de categorías as canles persoas premiadas levan 1000 euros.

    O xurado, conformado por Carlos Pereiro, Jon Amil, María Rúa, Mónica Fernández e Uxío Broullón, xustificou na acta a súa decisión nos seguinte termos:

    O Premio Revelación foi para O Búnker Debuxos, canle da que o xurado destacou “por sorprender e abraiar a través da animación orixinal e artesanal, dándolle unha nova vida e unha volta a memes de noso”. Patri Otero recibiu o premio na categoría de Calidade lingüística por “utilizar e fomentar o bo uso da lingua galega, así como a súa normalización dun xeito exemplar”.

    Chutenmeme acadou o premio na categoría Rede por “conseguir a través do humor xerar novos lazos virtuais” e por “facer medrar a comunidade dixital galega”. Fóra de mapa conseguiu o premio Pódcast por “usar as súas voces para crear un conxunto de pezas sonoras en forma de xanela coa que achegarmos a culturas, minorías e linguas, cunha edición coidada e profesional”. O xurado ademais validou o voto emitido pola comunidade, que decidiu entregarlle o Premio do Público ao vídeo “Cada historia, unha vida” do CEIP Tarrío, de Xurxo Varela.

    Rodri Míguez recibe o premio na categoría de Canle “polo seu labor xornalístico, a súa traxectoria e a promoción da música en galego de xeito altruísta”. Nuria Grandío acada o premio na categoría de Creación de Contidos por Konachadas “pola calidade visual, a súa imaxinación e a súa capacidade en converter calquera temática nunha mensaxe reflexiva, divertida e reivindicativa apta para todos os públicos”.

    Finalmente, o xurado destacou en termos xerais a dificultade para a toma de decisión por mor da cantidade e calidade das canles presentadas, xa que nesta edición aspiraron aos Premios Youtubeiras+ 126 canles, sumando contidos en galego ás diversas plataformas e espallando a nosa lingua nas diferentes temáticas.

    Parabéns a todes!

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *