Os Premios Youtubeiras+ xa teñen gañadoras! O Pazo da Cultura de Narón acolleu o sábado 1 de febreiro a gala de entrega, que presentou Javi Sánchez e que contou coa actuación musical do grupo De Ninghures. Ao longo da gala, deuse a coñecer o fallo do xurado, que decidiu seis dos sete galardóns, así como tamén o Premio do Público, que determinou unha votación dixital na que participaron 5056 persoas.
O palmarés deste ano é:
- Premio revelación | Galiactiva
- Premio rede | Rebelico Revista
- Premio calidade lingüística | Luís do Río
- Premio do público | “A Revolución Galega de 1846” de Orgullo Galego
- Premio canle de YouTube | Exército Mekemeke
- Premio canle de TikTok | Sara Seco
- Premio creación de contidos | Prado Rúa
Os galardóns contan cunha dotación económica total de 7500 euros, repartidos da seguinte maneira: as categorías Canle de Youtube e Canle de TikTok están dotados con 1250 euros, mentres que no resto de categorías as canles persoas premiadas levan 1000 euros.
O xurado, conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023, xustificou na acta a súa decisión nos seguinte termos:
Exército Mekemeke recibe o premio na categoría de canle de YouTube “pola coidada estética empregada, a calidade técnica, a periodicidade das publicacións e a súa transversalidade”. Sara Seco acada o premio na categoría de Canle de TikTok “pola súa constancia e regularidade, polo seu compromiso en moi diferentes causas (entre elas a da lingua) e polo establecemento dun “amplo abano de colaboracións”. Prado Rúa faise co Premio á Creación de Contidos “pola súa versatilidade e pola súa repercusión, así como polo seu contido, entre o cal destaca o específico para a recuperación de palabras galegas”.
O Premio Revelación foi para Galiactiva, canle da que o xurado destacou “o uso e a introdución da lingua galega nun ámbito en que aínda ten escasa presenza, mais de importancia social crecente, e pola promoción de hábitos saudables”. Luís do Río recibiu o premio na categoría de Calidade lingüística polo seu “coidado no uso da lingua oral en todos os niveis” e a súa aposta pola “revitalización ou a recuperación léxica ao servizo dun meritorio didactismo”.
Rebelico Revista acadou o premio na categoría Rede pola “capacidade de convencer ou trasladar unha comunidade real ao mundo virtual” e pola “retroalimentación e a expansión amosadas”. O xurado ademais validou o voto emitido pola comunidade, que decidiu entregarlle o Premio do Público ao vídeo A revolución galega de 1846, da canle Orgullo Galego.
Finalmente, o xurado destacou en termos xerais “a calidade e a variedade das canles e propostas presentadas”. Este ano aspiraron aos Premios Youtubeiras+ até as 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok, amais de 41 vídeos.
Javi Sánchez presentou a gala, na que se repasou e a historia da Internet a través de homenaxes a diferentes formatos nativos da Rede. Javi tamén fixo xirar o espectáculo ao redor do lema desta oitava edición dos Premios Youtubeiras+, Fachenda ao cadrado. Precisamente, a fachenda pola traxectoria dos galardóns e pola grande actividade desenvolvida pola comunidade creadora de contidos en galego converteuse nun dos leitmotivs da noite. Ao longo da gala propuxo unha votación ao público para definir como pronunciar o símbolo + do novo nome do certame, saíndo gañadora a opción “máis“.
Parabéns a todes!