O certame Youtubeiras 2023 xa ten gañadoras! O sábado 17 de febreiro celebramos a gran gala de entrega de premios na que se desvelaron as persoas e canles que o xurado destacou en cada unha das oito categorías que integraron esta sétima edición dos premios á creación de contidos en galego no YouTube.
A gala, conducida por Nuria Vil e Gabri Fuentes, contou coa actuación de Mondra e as intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e a coordinadora de Youtubeiras, Carme Pereiro.
Nesta edición, na que participaban vídeos subidos entre novembro de 2022 e novembro de 2023, presentáronse 68 canles diferentes. A esta cifra cómpre sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia a través das redes sociais. En cómputo xeral, todos os vídeos subidos neste período polas 68 canles concorrentes representan máis de 32.400 minutos en galego en YouTube.
E… cales foron as canles premiadas?
O xurado desta edición estivo conformado por Nee Barros, quen levou o Premio Youtubeira na edición anterior e que se define como divulgadore cultural, escritore e youtubeire; Fátima Souto Muñiz, bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas, e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram. Este xurado decidiu, segundo se recolle na acta das súas deliberacións, o seguinte palmarés:
- O premio Youtubeira foi para Recuncho Gamer. O xurado salientou a súa ampla “actividade en todas as redes”, a súa “orixinalidade” e a súa vontade de “incorporar referentes doutros ámbitos no mundo dos videoxogos para lle dar maior visibilidade”.
- O premio Canle recoñeceu este ano a OU Ké! O xurado escolleu a esta Canle pola “súa profesionalidade, a súa calidade técnica e o seu coidado na estética”, así como polo seu “impacto”, pola súa “integración entre os medios de comunicación” e “pola súa pluralidade de voces”.
- O premio Youtubeira Revelacion recaeu en O faiado Podcast. O xurado puxo en valor a súa capacidade parar “xerar espazo para a cultura pop en galego” e “chegar ás xeracións máis novas”. Tamén subliñou a súa aposta por “crear un universo transmedia con presenza nas tres redes empregadas pola mocidade (instagram, tiktok e youtube)”.
- O premio Vídeo distinguiu a peza Unha fin de semana en londres, da canle todomalva Gz. O xurado destacou a súa capacidade para “transmitir tanta intimidade nun vídeo”, así como a súa “orixinalidade no formato e a construción do relato”.
- O premio Calidade Lingüística levouno olaxonmario. O xurado recoñece na acta a súa “capacidade de difusión” e a súa “conexión coa lusofonía. Tamén valora “o coidado da lingua” e “a conservación dos trazos dialectais”.
- O premio pioneiro distinguiu a FicaCoabola. O xurado gabou a “entrega e dedicación” desta canle para “xerar contidos e crear comunidade” ao redor da actualidade deportiva local.
- O premio Rede foi para Youtube en Galego por ser, a ollos do xurado, “unha canle feita para dar a coñecer e fortalecer as relacións entre persoas creadoras”. Nese senso, o xurado enxalzou o seu traballo anovador ao impulsar “un tecido asociativo arredor do youtube en galego”.
- Por último, o premio do público acadouno Savia Nova. O xurado decidiu ratificar o vídeo máis votado proposto polo público: De Galicia a Namibia estudando guepardos. Na acta do xurado, “púxose en valor a calidade técnica, o impacto e a orixinalidade do tema tratado”.
Ao longo da noite, entregamos os oito galardóns nos que se divide o certame, todos eles acompañados cunha dotación económica de mil euros, agás o premio do público, que conta con 500 euros.
Parabéns a todas, todos, todes!