1. Obxectivos
Os premios Youtubeiras+ teñen como finalidade estimular a creación en galego no YouTube e en TikTok con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas creadoras na Rede.
2. Participantes
Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de seren menores de idade, a inscrición irá acompañada da autorización da persoa titora legal mediante este documento.
3. Características e condicións das canles presentadas
As canles de YouTube e/ou TikTok que participen no concurso deben ter a maioría dos vídeos en galego. Alén disto, cumprirán as seguintes condicións:
- Contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras.
- Non ter restricións de privacidade.
- Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, de habelos, estarán en galego.
- Os vídeos poden conter subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.
Non se poden presentar listas de reprodución aos premios.
Ficarán expresamente excluídos os traballos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.
4. Inscrición e prazos
O prazo para presentar candidaturas aos Premios Youtubeiras+ vai do 24 de setembro ao 15 de novembro de 2024 ás 23.59 h. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde.
Cada persoa creadora pode inscribir no certame máis dunha canle. Farao a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal, onde indicará o URL da(s) canle(s).
5. Premios
Establécense sete premios: dous de 1250 € e cinco de 1000 €. Repartirase un total de 7500 € nos seguintes premios:
- CANLE de YouTube, dotado con 1250 €. Optan a este premio as canles de YouTube inscritas. Valorarase tanto a calidade dos contidos como a calidade lingüística á hora de transmitilos, a creatividade, a periodicidade da publicación de contidos, o establecemento e o mantemento de comunidade (uso doutras redes sociais, colaboracións, creacións colectivas…) e a repercusión dos contidos no YouTube, noutras redes sociais e nos medios de comunicación.
- CANLE de TikTok, dotado con 1250 €. Optan a este premio as canles de TikTok inscritas. Valorarase tanto calidade dos contidos como a calidade lingüística á hora de transmitilos, a creatividade, a periodicidade da publicación de contidos, o establecemento e o mantemento de comunidade (uso doutras redes sociais, colaboracións, creacións colectivas…) e a repercusión dos contidos no TikTok, noutras redes sociais e nos medios de comunicación.
- CREACIÓN DE CONTIDOS, dotado con 1000 €. Optan a este premio as persoas creadoras das canles inscritas, sexan de YouTube ou TikTok. Valorarase a capacidade de crear contido de referencia, as aptitudes comunicativas, a calidade do uso da lingua e a creatividade. Tamén se valorará a calidade dos contidos, a súa periodicidade e a súa repercusión na sociedade. Quen gañe o Premio á Creación de Contidos será membro do xurado na vindeira edición dos Premios Youtubeiras+.
- REVELACIÓN, dotado con 1000 €. Poderán optar a este premio todas aquelas persoas que non se inscribisen nos Premios Youtubeiras nin fosen propostas para o Premio do Público en ningunha das edicións anteriores, e que presenten unha canle de YouTube ou TikTok que conteña polo menos un vídeo subido despois do 15 de novembro de 2023. Valorarase a capacidade de xerar novas temáticas, ideas, formatos e contidos, amais da introdución da lingua galega nun campo no que sexa pouco usada.
- CALIDADE LINGÜÍSTICA, dotado con 1000 €. Optan a este premio as canles inscritas, sexan de YouTube ou Tiktok. Valorarase a calidade e o coidado do uso da lingua, en todas as súas variantes dialectais, na canle (niveis fonético, gramatical e lexical).
- REDE, dotado con 1000 €. Optan a este premio as canles inscritas, sexan de YouTube ou TikTok. Valorarase que a canle teña a capacidade de crear e fortalecer a rede virtual (crear comunidade a través do YouTube e/ou TikTok, ademais doutras redes sociais vinculadas) ou a rede real (crear vídeos de xeito colectivo e/ou promovidos polo tecido asociacionista).
- DO PÚBLICO, dotado con 1000 €. Este premio outorgaráselle ao vídeo de YouTube ou TikTok máis votado de entre os propostos polo público. Resultará gañador aquel que, despois dun proceso de votación na Rede e da ratificación por parte do xurado, consiga máis votos (véxase a epígrafe específica do Premio do Público).
Todas as categorías terán tres finalistas. Non poderán repetir como finalistas nunha categoría as persoas ou canles que gañasen nesa categoría nas dúas últimas edicións dos Premios Youtubeiras. É posible que cada participante sexa finalista en dúas categorías, aínda que non se lle outorgará máis que un único premio nunha soa categoría. Ningún dos premios ficará deserto. Pode haber premios compartidos, de o xurado o estimar oportuno.
As contías serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria vixente.
6. Premio do público
Calquera persoa poderá presentar suxestións para o Premio do Público, dotado con 1000 €, a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal. Despois de verificar que cumpren estas bases, o proxecto Youtubeiras+ publicará os vídeos participantes. Unha persoa pode facer máis dunha proposta, mais en ningún caso poderá recomendar os seus propios vídeos. A escolla do gañador non dependerá do número de veces que sexa proposto.
Os vídeos que opten ao Premio do Público deben reunir estes requisitos:
- Estar publicado no YouTube ou TikTok con posterioridade ao 15 de novembro de 2023.
- Estar en galego.
- Os títulos dos vídeos, as descricións e os subtítulos permanentes, de habelos, estarán en galego.
- Os vídeos poden conter subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.
- Ficarán expresamente excluídos aqueles vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.
O prazo para formalizar propostas como público vai do 24 de setembro ao 15 de novembro de 2024 ás 23.59 h.
Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación, que se difundirá nas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro de 2024 ás 23.59 h.
Os tres vídeos que reciban máis votos nese prazo serán os finalistas do Premio do Público e o xurado ratificará esa votación de acordo coas bases xerais.
7. Xurado, selección, criterios de valoración e entrega de premios
O xurado estará composto por cinco persoas relacionadas co audiovisual, a xeración e o consumo de contidos dixitais e/ou co traballo na área da normalización da lingua.
Unha destas persoas será a gañadora do Premio Youtubeira en 2023.
O xurado valorará as canles no seu conxunto, agás no Premio á Creación de Contidos, no que se valorará o labor das persoas creadoras de xeito individual.
O xurado valorará os seguintes elementos:
- Calidade lingüística. Valorarase o uso coidado e correcto do galego en todas as súas variantes dialectais (calidade fonética, lexical, sintáctica etc.).
- Calidade dos contidos e diversidade das temáticas e dos perfís das persoas creadoras.
- Calidade técnica mínima da canle ou dos vídeos, tanto visual como sonora.
- Capacidade de transmitir os contidos e dotes interpretativos e/ou comunicativos.
A listaxe de finalistas publicarase con anterioridade á data da entrega de premios. Anunciarase na web www.youtubeiras.gal e comunicarase a cada participante finalista ao mesmo tempo.
A resolución final do xurado coñecerase nunha gala de entrega de premios pública e aberta á cal todas as persoas finalistas adquiren o compromiso de asistir. A data e o lugar en que se realizará anunciaranse coa suficiente antelación.
8. Incidencias nas inscricións
Se unha inscrición presenta calquera erro, a organización dos Premios Youtubeiras+ informará a persoa interesada de como debe emendala. Así que se corrixan as deficiencias detectadas, poderá participar no certame.
O prazo para solucionar as posibles incidencias nas inscricións irá do 25 de novembro ao 5 de decembro de 2024.
Así mesmo, no caso de que unha canle non reúna algún dos requisitos establecidos nestas bases, a persoa que a inscribiu será informada do(s) motivo(s) da súa exclusión do concurso.
As persoas participantes poderán contactar coa organización dos Premios Youtubeiras+ a través das diferentes redes sociais do proxecto e do correo electrónico premios@youtubeiras.gal.
9. Base final
A organización resérvase o dereito a empregar os vídeos das canles finalistas na promoción do proxecto Youtubeiras+ en todas as súas edicións.
A participación nos Premios Youtubeiras+ 2024 implica a completa aceptación destas bases e das decisións do xurado que se designe.