Saltar ao contido
Youtubeiras+ > Bases Youtubeiras+ 2025

Bases Youtubeiras+ 2025

1. Obxectivos

Os Premios Youtubeiras+ teñen como finalidade estimular a creación en galego nas redes sociais con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas creadoras na rede.

2. Participantes

Poden optar a estes premios as persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame. As persoas menores de idade precisarán para inscribirse a autorización dunha persoa titora legal mediante este documento.

3. Características e condicións das canles

As canles deben ter a maioría das publicacións en galego. Alén disto, cumprirán as seguintes condicións:

  • Contar como mínimo con tres publicacións subidas a partir do 16 de novembro de 2024.
  • Non ter restricións de privacidade.
  • Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, de habelos, estarán en galego.

Non se poden presentar listas de reprodución.

Ficarán expresamente excluídas aquelas candidaturas que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

4. Inscrición e prazos

O prazo para presentarse aos Premios Youtubeiras+ vai do 17 de setembro ao 16 de novembro de 2025 ás 23.59 h. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde.

Cada persoa creadora pode participar no certame con unha ou máis canles por medio dunha única inscrición. De querer rexistrar proxectos diferentes para que se avalíen por separado, cubrirá cadansúa inscrición por proxecto. Farao a través do formulario que figura na web youtubeiras.gal, onde indicará o URL da(s) canle(s).

5. Premios

Repartirase un total de 7500 € nos seguintes premios:

  1. CANLE, dotado con 1250 €. Valoraranse tanto a calidade dos contidos e a periocidade da súa actualización como a calidade lingüística á hora de transmitilos, o coidado técnico, a creatividade e o aproveitamento dos recursos das plataformas, ademais da repercusión da canle tanto nas redes sociais como nos medios de comunicación.
  2. CREACIÓN DE CONTIDOS, dotado con 1250 €. Valoraranse a capacidade de crear contido de referencia, con repercusión na sociedade, de xeito regular e as aptitudes comunicativas, incluídos o bo uso da lingua galega e a creatividade. Quen gañe o Premio á Creación de Contidos será membro do xurado na vindeira edición dos Premios Youtubeiras+.
  3. PODCAST, dotado con 1000 €. Valoraranse o deseño sonoro, a guionización, a produción e a capacidade comunicativa en galego, así como a periodicidade dos episodios e a presenza do podcast en diversas plataformas.
  4. REVELACIÓN, dotado con 1000 €. Poderán optar a este premio todas aquelas canles que non se inscribisen nestes premios nin fosen propostas para o Premio do Público en ningunha das edicións anteriores. Valorarase a capacidade de xerar novas temáticas, ideas, formatos e contidos, amais da introdución da lingua galega nun campo no que sexa pouco usada.
  5. CALIDADE LINGÜÍSTICA, dotado con 1000 €. Valoraranse a calidade e o coidado do uso da lingua, tanto na variedade estándar como en calquera das súas variedades dialectais.
  6. REDE, dotado con 1000 €. Valorarase que a canle teña a capacidade de crear e fortalecer a rede virtual (crear comunidade a través das redes sociais) ou a rede real (crear publicacións de xeito colectivo e/ou promovidas polo tecido asociacionista).
  7. DO PÚBLICO, dotado con 1000 €. Este premio outorgaráselle ao vídeo do YouTube máis votado na web youtubeiras.gal de entre os propostos polo público (véxanse as súas condicións específicas na páxina seguinte).

Todas as categorías terán catro finalistas. Non poderán repetir como finalistas nunha categoría as canles que gañasen premio nas dúas últimas edicións. Cada participante será finalista como máximo en dúas categorías, aínda que neste caso non se lle outorgará máis que un único premio. Ningún dos premios ficará deserto. Pode haber premios compartidos, se o xurado o estima oportuno.

As contías serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria en vigor.

6. Premio do público

Calquera persoa poderá presentar cantas suxestións queira para o Premio do Público, dotado con 1000 €, a través do formulario que encontrará na web youtubeiras.gal. Só se aceptarán as que se refiran a vídeos publicados no YouTube que non sexan de quen os propón. Despois de verificar que cumpren estas bases, o proxecto Youtubeiras+ dará a coñecer os vídeos que participan nesta categoría do certame. A escolla do gañador non dependerá do número de veces que sexa proposto.

Os vídeos que opten ao Premio do Público deben reunir estes requisitos:

  • Estar publicado no YouTube con posterioridade ao 16 de novembro de 2024.
  • Estar en galego.
  • Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, de habelos, estarán en galego.
  • Poden conter subtítulos de activación opcional noutras linguas.
  • Non promover unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

O prazo para formalizar propostas vai do 17 de setembro ao 16 de novembro de 2025 ás 23.59 h.

Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación, que se difundirá nas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado na web youtubeiras.gal do 24 de novembro ao 5 de decembro de 2025 ás 23.59 h.

Os catro vídeos que reciban máis votos nese período de tempo serán os finalistas do Premio do Público. O xurado ratificará a votación de acordo coas bases xerais.

7. Xurado, selección, criterios de valoración e entrega de premios

O xurado estará composto por cinco persoas relacionadas co audiovisual, a xeración e o consumo de contidos dixitais ou o traballo na área da normalización da lingua. Unha delas será a gañadora do Premio á Creación de Contidos da edición anterior.

O xurado valorará as canles no seu conxunto, agás no Premio á Creación de Contidos, no que se terá en conta o labor das persoas creadoras de xeito individual. Para isto, empregará os seguintes criterios de avaliación:

  • Calidade lingüística: uso coidado e correcto do galego en todas as súas variantes dialectais.
  • Calidade dos contidos e orixinalidade temática dos perfís das persoas creadoras.
  • Calidade técnica mínima ben da canle, ben do podcast ou dos seus contidos, tanto visual como sonora.
  • Dotes interpretativos e/ou comunicativos.

A listaxe de finalistas publicarase na web www.youtubeiras.gal e comunicarase individualmente por correo electrónico ao mesmo tempo.

A resolución final do xurado coñecerase nunha gala de entrega de premios pública e aberta á cal todas as persoas finalistas adquiren o compromiso de asistir. A data e o lugar en que se realizará anunciaranse coa suficiente antelación.

8. Incidencias nas inscricións

Se unha inscrición presenta calquera erro, a organización dos Premios Youtubeiras+ informará a persoa interesada de que debe emendala e como facelo. Así que se corrixan as deficiencias detectadas, poderá participar no certame. O prazo para solucionar calquera incidencia irá até o 28 de novembro de 2025.

Así mesmo, no caso de que unha canle non reúna algún dos requisitos establecidos nestas bases, a persoa que a inscribiu será informada do(s) motivo(s) da súa exclusión do concurso.

As persoas participantes poderán contactar coa organización dos Premios Youtubeiras+ a través das diferentes redes sociais do proxecto e do correo electrónico premios@youtubeiras.gal.

9. Base final

A organización resérvase o dereito a empregar os contidos das canles finalistas na promoción do proxecto Youtubeiras+ en todas as súas edicións. De igual xeito, resérvase o dereito de interpretar estas bases se o xulga necesario.

A participación nos Premios Youtubeiras+ 2025 implica a completa aceptación destas bases e das decisións do xurado que se designe.