Saltar ao contido
Youtubeiras+ > Bases Youtubeiras+ 2026

Bases Youtubeiras+ 2026

1. Obxectivos

Os Premios Youtubeiras+ teñen como finalidade estimular a creación en galego en todas as redes sociais con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas creadoras na rede.

2. Participantes

Poden optar a estes premios as persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame. As persoas menores de idade precisarán para inscribirse a autorización dunha persoa titora legal mediante o modelo que se facilita neste documento.

3. Características e condicións das canles

As canles deben ter a maioría das publicacións en galego. Alén disto, cumprirán as seguintes condicións:

  • Contar como mínimo con tres publicacións subidas a partir do 16 de novembro de 2025.
  • Non ter restricións de privacidade.
  • Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, de habelos, estarán en galego.

Non se poden presentar listas de reprodución.

Ficarán expresamente excluídas aquelas candidaturas que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

4. Inscrición e prazos

O prazo para presentarse aos Premios Youtubeiras+ vai do xoves 17 de setembro ao domingo 15 de novembro de 2026 ás 23.59 h. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde.

Cada persoa creadora pode participar no certame con unha ou máis canles por medio dunha única inscrición. De querer rexistrar proxectos diferentes para que se avalíen por separado, cubrirá cadansúa inscrición por proxecto. Farao a través do formulario que figura na web youtubeiras.gal, onde indicará o URL da(s) canle(s).

5. Premios

Nesta décima edición outorgaranse oito premios, sete con dotación económica e un sen ela, o honorífico á traxectoria. En total entregaranse 7500 €, distribuídos da seguinte forma:

  1. PREMIO HONORÍFICO Á TRAXECTORIA, sen dotación económica. Este premio recoñece persoas ou proxectos dixitais que, ao longo dos anos, contribuíron á creación de contidos en galego, de forma que hoxe son referentes polo seu compromiso, calidade e impacto na comunidade. Valorarase a traxectoria, a influencia exercida sobre outras persoas creadoras, a constancia e a capacidade de inspirar novas xeracións no ámbito dixital.
  2. CANLE, dotado con 1250 €. Este premio recoñece proxectos dixitais centrados nunha temática ou ámbito específico. Valoraranse a especialización e a capacidade de crear material de referencia nun eido, así como a calidade dos contidos e a periodicidade da súa actualización. Tamén se terá en conta a calidade lingüística á hora de transmitilos, o coidado técnico, a creatividade, o aproveitamento dos recursos das plataformas e a repercusión tanto nas redes sociais como nos medios de comunicación. Valorarase ademais a capacidade de abrir novos espazos para a creación de contidos en galego e de favorecer a súa presenza en comunidades e públicos onde non é habitual.
  3. CREACIÓN DE CONTIDOS, dotado con 1250 €. Este premio recoñece proxectos dixitais que ofrecen contidos variados ou non centrados nunha única temática, nos que a personalidade, o estilo ou a perspectiva das persoas creadoras constitúen o principal fío condutor. Valoraranse a capacidade de crear contido de referencia con repercusión social de xeito regular, as aptitudes comunicativas, a creatividade e o bo uso da lingua galega. Quen gañe o este premio formará parte do xurado na vindeira edición dos Premios Youtubeiras+.
  4. PÓDCAST, dotado con 1000 €. Valoraranse o deseño sonoro, a guionización, a produción e a capacidade comunicativa en galego, así como a periodicidade dos episodios e a presenza do pódcast en diversas plataformas.
  5. REVELACIÓN, dotado con 1000 €. Poderán optar a este premio todas aqueles proxectos dixitais cunha traxectoria inferior a dous anos desde a publicación dos seus primeiros contidos en lingua galega. Valorarase a capacidade de xerar novas temáticas, ideas, formatos e contidos, amais da introdución da lingua galega nun campo no que sexa pouco usada.
  6. CALIDADE LINGÜÍSTICA, dotado con 1000 €. Valoraranse a calidade e o coidado do uso da lingua, tanto na variedade estándar como en calquera das súas variedades dialectais.
  7. REDE, dotado con 1000 €. Valoraranse proxectos dixitais capaces de crear e fortalecer unha comunidade, xa sexa virtual, fomentando a interacción e participación en redes sociais, ou real, promovendo iniciativas vinculadas a colectivos. Recoñécese a capacidade de xerar vínculos, colaboración e participación activa arredor do contido.
  8. DO PÚBLICO, dotado con 1000 €. Este premio outorgaráselle ao vídeo do YouTube máis votado na web youtubeiras.gal de entre os propostos polo público (véxanse as súas condicións específicas na páxina seguinte). Admitiranse só propostas de proxectos que non recibisen este galardón en anteriores edicións.

Todas as categorías con dotación económica terán catro finalistas. Non poderán repetir como finalistas nunha categoría as canles que gañasen premio nas dúas últimas edicións. Cada participante será finalista como máximo en dúas categorías, que poderán ser tres se unha delas é Calidade Lingüística. Só se lle outorgará a cada participante un máximo de dous premios, sendo un deles o de Calidade Lingüística. Ningún dos premios ficará deserto. Pode haber premios compartidos, se o xurado o estima oportuno.

O premio Honorífico á traxectoria non dispón de finalistas, outórgao directamente a organización do certame sen intervención do xurado, e anunciarase con antelación á gala de entrega de premios.

As contías serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria en vigor.

6. Premio do público

Calquera persoa poderá presentar un máximo de dúas suxestións para o Premio do Público, dotado con 1000 €, a través do formulario que encontrará na web youtubeiras.gal. Só se aceptarán as que se refiran a vídeos publicados no YouTube que non sexan de quen os propón nin de proxectos que recibisen este galardón en anteriores edicións. Despois de verificar que cumpren estas bases, o proxecto Youtubeiras+ dará a coñecer os vídeos que participan nesta categoría do certame. A escolla do gañador non dependerá do número de veces que sexa proposto.

Os vídeos que opten ao Premio do Público deben reunir estes requisitos:

  • Estar publicado no YouTube con posterioridade ao 16 de novembro de 2025.
  • Estar en galego.
  • Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, de habelos, estarán en galego.
  • Poden conter subtítulos de activación opcional noutras linguas.
  • Non promover unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

O prazo para formalizar propostas vai do 17 de setembro ao 15 de novembro de 2026 ás 23.59 h.

Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación, que se difundirá nas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado na web youtubeiras.gal do 23 de novembro ao 4 de decembro de 2026 ás 23.59 h.

Os catro vídeos que reciban máis votos nese período de tempo serán os finalistas do Premio do Público. O xurado ratificará a votación de acordo coas bases xerais.

7. Xurado, selección, criterios de valoración e entrega de premios

O xurado estará composto por cinco persoas relacionadas co audiovisual, a xeración e o consumo de contidos dixitais ou o traballo na área da normalización da lingua. Unha delas será a gañadora do Premio á Creación de Contidos da edición anterior.

O xurado valorará as canles no seu conxunto, agás no Premio á Creación de Contidos, no que se terá en conta o labor das persoas creadoras de xeito individual. Para isto, empregará os seguintes criterios de avaliación:

  • Calidade lingüística: uso coidado e correcto do galego en todas as súas variantes dialectais.
  • Calidade dos contidos e orixinalidade temática dos perfís das persoas creadoras.
  • Calidade técnica mínima ben da canle, ben do pódcast ou dos seus contidos, tanto visual como sonora.
  • Dotes interpretativos e/ou comunicativos.

A listaxe de finalistas publicarase na web youtubeiras.gal e comunicarase individualmente por correo electrónico ao mesmo tempo.

A resolución final do xurado coñecerase nunha gala de entrega de premios pública e aberta á cal todas as persoas finalistas adquiren o compromiso de asistir. A data e o lugar en que se realizará anunciaranse coa suficiente antelación.

8. Incidencias nas inscricións

Se unha inscrición presenta calquera erro, a organización dos Premios Youtubeiras+ informará a persoa interesada de que debe emendala e como facelo. Así que se corrixan as deficiencias detectadas, poderá participar no certame. O prazo para solucionar calquera incidencia irá até o 27 de novembro de 2026.

Así mesmo, no caso de que unha canle non reúna algún dos requisitos establecidos nestas bases, a persoa que a inscribiu será informada do(s) motivo(s) da súa exclusión do concurso.

As persoas participantes poderán contactar coa organización dos Premios Youtubeiras+ a través das diferentes redes sociais do proxecto e do correo electrónico premios@youtubeiras.gal.

9. Base final

A organización resérvase o dereito a empregar os contidos das canles finalistas na promoción do proxecto Youtubeiras+ en todas as súas edicións. De igual xeito, resérvase o dereito de interpretar estas bases se o xulga necesario.

A participación nos Premios Youtubeiras+ 2026 implica a completa aceptación destas bases e das decisións do xurado que se designe.