Memoria, apoderamento, diversión e aprendizaxe das novas tecnoloxías. Este é o enriquecedor resultado dunha simbiose con moitas potencialidades e grandes camiños que percorrer por diante: a das persoas maiores cunha plataforma como YouTube. O certo é que de primeiras, cando pensamos nunha youtubeira ou youtubeiro ao uso, o máis habitual é que nos veña á cabeza algunha persoa moza que xa case nacese sabendo utilizar YouTube. Mais, como adoita acontecer, non é de todo xusto quedármonos nesa primeira impresión: o YouTube galego é para todas as xeracións, para todas as idades!
Boa proba disto son canles de YouTube coma Contos do mar, Cóntallo a Cambados ou Memorias da Pontragha. As tres buscan poñer en valor a través do vídeo as vivencias de quen xa leva moita vida ás costas. Un particular taller de memoria, unha aula dixital e a ansia de buscar novas historias que contar foron a semente destes tres proxectos cos que moitas persoas non familiarizadas coas redes sociais e co YouTube entraron nestes lares dixitais.
Para coñecer de primeira man estas experiencias e achegármonos ás aprendizaxes e dificultades que puideron atopar polo camiño, falamos con Fátima Rodríguez, parte de Promove Consultoría, impulsora de canles como Contos do Mar, a Memoria dos Lugares ou Muros Memoria; con Maca e Balbina, profesora e alumna da aula de informática na que agromou Memorias da Pontragha (en Ordes); e con Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, creadores da webserie Cóntallo a Cambados, do Faiado da Memoria.
“Auténticas, coma a vida mesma!”
“O máis gratificante, sen dúbida, é que os vídeos os vexa moita xente, porque eu cada vez que os vexo, choro coa risa!”. Balbina fala ao teléfono coa mesma espontaneidade coa que se pon diante da cámara. E é que ten experiencia nisto: leva máis de seis anos vinculada ás aventuras audiovisuais que ela e as súas veciñas impulsan da man de Maca na Asociación Brisas do Quenllo da Pontragha. Primeiro foron videotitoriais, logo pequenas historias contadas e gravadas por elas mesmas, e este último ano decidiron implicar tamén a mocidade da asociación coa procura das imaxes para acompañar os audios das máis maiores.
“Gústame porque aprendo cousas que non sabía: gravar, poñerme diante dunha cámara, armar unha historia… “
“Maca pónnolo moi fácil, montamos o tinglado todo e sae estupendo! Gústame porque aprendo cousas que non sabía: gravar, poñerme diante dunha cámara, armar unha historia… Todos os vídeos co mandilón posto, tal e como andaba eu pola casa. Facíame graza porque ás veces saiamos coma o cu, pero á larga, se o pensas ben, somos auténticas, coma a vida mesma!”. Balbina, como youtubeira que é, practica todos os días o manexo das novas tecnoloxías, pero, ademais de creadora, tamén é consumidora do YouTube. Os vídeos de receitas de cociña son os seus preferidos, aínda que a precaria conexión á Internet na aldea lle dificulta ás veces navegar pola plataforma.
O xerme de Memorias da Pontragha naceu na cabeza de Maca: “A maioría delas xa utilizaban YouTube para buscar cousas no día a día, así que me parecía que podía ser moi guai que elas se viran tamén subindo cousas a esta plataforma que consultaban. É unha motivación facer vídeos e presentármonos aos Premios Youtubeiras!”, explica. Ela ten claro todo o que pode achegar a xente maior ao Youtube, “coñecementos, unha maneira moi natural de explicar as cousas, unha fala auténtica… Elas enriquecen a rede e teñen moitísimo que contar”. Moito que contar, e moito que festexar: moitos vídeos acabaron en xuntanzas ao redor da comida. “Ata creamos un club gastronómico! Youtubeiras, a parte de ser un certame que lles mola moito, dá pé a novas formas de pasar tempo xuntas”, valora Maca.
Contos do Mar: verse ante a cámara para apoderarse
“As persoas maiores non adoitan darlles valor ás súas historias, moi anuladas no caso das mulleres, e YouTube permite que perduren no tempo e que se visibilicen”
Esteiro, Teo, Ames, Santa Comba, Padrón, Vedra, Carnota, Dumbría, Fisterra… A idea de Promove Consultoría de captar no YouTube o patrimonio inmaterial que acumulan as persoas maiores xa viaxou por varios lugares galegos. “A experiencia piloto en Esteiro, onde contamos historias xeolocalizadas no mapa para logo crear tamén un roteiro, gustounos tanto que quixemos continuala”, explica Fátima Rodríguez. “Eu destaco, sobre todo, o que supón para todas elas a nivel de apoderamento. Non adoitan darlle valor ás súas historias, moi anuladas no caso das mulleres, e YouTube permite que perduren no tempo e que se visibilicen, ademais de ser un punto de encontro interxeracional, entre netos, netas e avoas”.
A parte de alfabetización dixital foi clave tamén nestoutros proxectos, onde unhas gravaban ás outras coa cámara do móbil. “Tratábase de aprender e de pasalo ben; era fácil que se viñesen arriba e que se botaran a contar historias en clave de humor, picantes…”. Con todo, o máis ilusionante estivo na difusión e no impacto en redes dos vídeos, sobre todo en Facebook, a rede que máis manexan elas mesmas. “Unha vez que se subiron empezaron a moverse moito, ata o punto de que as paraban pola rúa! E iso era motivo de orgullo para elas”, explica Fátima.
Vídeos que cruzan o charco
E non só se viralizaron entre a veciñanza máis achegada. Un poder das creacións audiovisuais das persoas máis maiores no YouTube ten que ver coa gran capacidade de alcanzar proxección internacional a conta da poboación galega migrada en países latinoamericanos e europeos, onde resoaron as historias que contaban. “Esta foi unha parte moi chula do proxecto, houbo persoas de fóra que deixaron comentarios, e nas estatísticas de visualizacións víanse perfectamente as conexións destes vídeos coas colonias de persoas emigradas”. Sabemos ben que o YouTube non ten fronteiras, e as memorias destas youtubeiras teceron así un valioso fío entre a emigración e Galiza.
Isto mesmo tamén o conseguiu a webserie Cóntallo a Cambados, creada por Faiado da Memoria, unha asociación que ten como obxectivo a busca e a dixitalización de material gráfico, audiovisual, sonoro e documental sobre Galiza en xeral, e Vilagarcía de Arousa en particular. “Chegaron mensaxes dende Arxentina! Foi emocionante. Elas estaban tremendamente encantadas de recibir este apoio emocional a esa idade, cando nunca pensas que vas ser parte do mundo virtual”, relatan Antonio e Margarita, quen dirixiron o proxecto. Participaron nel un total de 15 persoas de entre 50 e ata 96 anos de idade. “Viviron o proceso de gravación dun xeito moi natural, rápido se desinhibían”, comentan.
O Faiado da Memoria ten xa unha longa traxectoria na Internet, e esta canle supón o salto a YouTube a través dunha webserie. Grazas a isto, moita xente maior, especialmente de Cambados e de Vilagarcía, está pulando por rachar coa fenda dixital e manterse conectada aos proxectos da asociación. “Hai quen nos pide pola rúa que lles expliquemos como ver os vídeos ou a páxina web, e nós creámoslles accesos directos ao YouTube para que entren máis facilmente”, explican Antonio e Margarita, que non descartan levar adiante unha segunda parte da webserie. “Hai moitas historias aínda por contar!”.
O reto: perder o medo
“A clave está en ensinarlle á xente maior as posibilidades de YouTube”
Estes tres son bos exemplos de que YouTube é fogar para persoas de todas as idades, mais o certo é que a fenda dixital supón un atranco á hora de que as xeracións máis maiores sexan partícipes da plataforma como creadoras. “Sen ninguén que lles abra unha porta, é difícil. Hai unha mestura de descoñecemento e respecto que bota para atrás. A clave está en ensinarlle á xente maior as posibilidades de YouTube, e facerlle ver que lle pode achegar moitas cousas boas e interesantes: outras visións, formas distintas de facer…”, explica Maca. “A idea de subir un vídeo”, prosegue, “nin sequera se lles pasa pola cabeza: teñen Internet como un ente no que sobe contido xente dun perfil moi determinado, nova e estudada”.
Por iso, é “inevitable” que o primeiro achegamento a YouTube veña da man dalgunha asociación ou entidade – como é o caso dos proxectos protagonistas desta reportaxe -,e non tanto por unha inquedanza propia das persoas máis maiores. Con todo, hoxe a semente youtubeira xa prendeu en toda a xente partícipe destas canles. As experiencias son positivas e enriquecedoras, e visibilizalas e poñelas en valor pode estimular a vea creativa de moitas máis persoas. Porque si, está claro: o YouTube galego é para todo o mundo!