Saltar ao contido
Youtubeiras+ > Edicións anteriores

Edicións anteriores

Youtubeiras chega á sétima edición baixo o lema: Rede aberta, rede diversa!” para incentivar, consolidar, difundir e fortalecer a creación de vídeos en galego no YouTube. Nesta nova edición ponse o foco sobre a diversidade da comunidade de persoas creadoras en galego, en constante crecemento e capaz de abranguer nas súas canles todas as temáticas en calquera formato.

Belén Puime, Fátima Souto, Irene Pin, Nee Barros e Rodri Míguez conformaron o xurado desta edición, na que se repartiron oito premios, para os cales se inscribiron 68 canles e 24 vídeos para o Premio do Público, sumando máis de 32.400 minutos de vídeos en galego no YouTube -desde o 15 de novembro de 2022 (data a partir da cal se comezou a dar validez para presentarse aos premios deste ano) até o día de peche das inscricións (17 de novembro de 2023)-.

A gala de entrega de premios celebrouse o 17 de febreiro de 2024 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, foi conducida por Gabri Fuentes e Nuria Vil e contou coa actuación musical de Mondra.

Esta edición estivo organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Moaña, O Grove, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

PALMARÉS PREMIOS YOUTUBEIRAS 2023

GALERÍA DE IMAXES

Fotos La Diapo.

No 2022 Youtubeiras pon o foco na comunidade de youtubeiras e youtubeiros xa creada é dá comezo á sexta edición reivindicando o continuo crecemento desta rede, que cada día é máis forte e máis diversa. “Para rede, a nosa!” é o lema escollido para a edición de 2022, que simboliza a seguridade e orgullo de termos unha rede de creadores/as de calidade xerando contido no YouTube.

A sexta edición deste proxecto repartiu 7500 € en oito premios, para o que contou con 40 vídeos propostos para o Premio do Público e 75 canles inscritas, supoñendo un incremento do 77,27 % a respecto da edición anterior. De entre todas as propostas, o xurado formado por Alba Rodríguez, Carmen Nieto, Elvira Narcellas, Mario Brión e Mónica Fernández tivo que elixir as canles galardoadas.

O 28 de xaneiro febreiro de 2023 tivo lugar a gala de entrega de premios no Pazo da Cultura de Carballo de man de Cristina Collazo, acompañada pola música de LaMontagne e PicoAmperio.

Esta edición estivo organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Carballo, Moaña, Negreira, O Grove, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

PALMARÉS PREMIOS YOUTUBEIRAS 2022

GALERÍA DE IMAXES

Fotos Xiana Quintas.

A quinta edición de Youtubeiras preséntase como un espazo magnético que atrae a cada vez máis persoas a sumarse á comunidade youtubeira e a expandirse na rede, baixo o lema “Youtubeiras, magnetismo en liña”. Con el, apélase a consolidación e a un pousar seguro e sólido que camiña recto de cara o futuro e que trae boas previsións a nivel de creación de contidos en galego.

No 2021 formaron parte do xurado Adrián Lede, Esther Estévez, Fernando Ramallo, Noemí García e Sonia Méndez, cuxo traballo consistiu en visualizar e valorar o labor das 44 canles presentadas -que até o momento levaban producidos 2613 vídeos-, así como ratificar a votación do público entre os 64 vídeos propostos ao Premio do Público.

Despois dunha edición marcada polas restricións sanitarias, a Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) acolleu o venres 26 de novembro de 2021 a gala de entrega dos 12 premios repartidos nesta edición. Un evento conducido e amenizado polas Tanxugueiras.

Esta edición estivo organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de A Baña, Ames, Moaña, Negreira, O Grove, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

PALMARÉS PREMIOS YOUTUBEIRAS 2021

GALERÍA DE IMAXES

Fotos Xiana Quintas.

A situación sanitaria da COVID-19 e o confinamento das persoas marca a cuarta edición de Youtubeir@s, que se centrou na parte máis virtual do proxecto co propósito de canalizar a vitalidade creativa das posibles persoas receptoras, ampliando as temáticas e referentes do YouTube en galego, tal como se marcou co lema: “A expandir a rede”.

Neste ano, rexistrouse a máxima participación de vídeos ao certame até agora, duplicando case a da edición pasada e alcanzando un total de 536 vídeos presentados de 113 persoas creadoras. Tamén houbo un maior participación no voto do público, sendo 5.615 persoas as que participaron deste proceso. Brais Romero, Mabel Montes, Matías Tarrío, Rosa Moreiras e Xoana avaliaron as canles e vídeos presentados, como membros do xurado, para outorgar os 12 premios desta edición.

A gala de entrega de premios foi substituída pola emisión dunha serie de entrevistas con finalistas e gañadoras conducidas por Lucía Aldao e María Lado.

Esta edición estivo organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

PALMARÉS PREMIOS YOUTUBEIR@S 2020

ENTREVISTAS FINALISTAS

Aldaolado entrevistan aos finalistas do Premio Youtubeir@:

  • María Rúa (Pradorua)
  • Mario Brión (Olaxonmario)
  • Éric Dopazo (Un rapá Transquilo)

Aldaolado entrevistan aos finalistas do Premio Canle:

  • María Rúa (Pradorua)
  • Darío Lago (O Son das Ideas)
  • Éric Dopazo (Un rapá Transquilo)

Aldaolado entrevistan aos finalistas do Premio Vídeo:

  • Aarón Vilariño
  • Alberta Álvarez (Cativos na Cociña)
  • Ana Lamas (A Lobeira Today)

ENTREVISTAS GAÑADORAS

Aldaolado entrevistan xs gañadorxs dos premios:

  • Público | Pablo Rodríguez Vila
  • Vídeo | Aarón Vilariño
  • Canle: María Rúa (Pradorua)
  • Youtubeir@: Marío Brión (Olaxonmario)

Aldaolado entrevistan xs gañadorxs dos premios:

  • Pioneiro | Helena Antía López (Cousas RarismASMR)
  • Didáctico: Diego Ferraz (Naturiza)
  • Musical: Álvaro Alvite (FØ Records)
  • Impacto | Miguel S. Conde (Aquel-e)

Aldaolado entrevistan xs gañadorxs dos premios:

  • Calidade Lingüística | Tita Álvarez (Cativos na Cociña)
  • Calidade Técnica | Antón Varela
  • Creatividade | Darío Lago (O Son das Ideas)
  • Comunicación | Éric Dopazo (Un Rapá Transquilo)

Co lema “Conéctate á comunidade e multiplícate!” comezou a terceira edición de Youtubeir@s, facendo fincapé na importancia de que haxa cada vez máis creadoras de contidos en galego na Rede, ao tempo que se quere fortalecer e incentivar a comunidade youtubeira que vai en aumento.

Brais Nogueira, Inés Salvado, Johana Paradelo, Nel Vidal e Tomás Lijó foron os encargados de poñer enriba da mesa os nomes das canles e vídeos premiados desta edición. Como membros do xurado, avaliaron os 252 vídeos e 32 canles presentadas nesta edición, un aumento paulatino da participación no certame e tamén dos contidos en galego no YouTube. Ademais de repartírense os oito premios designados polo xurado, como novidade desta edición, creouse o Premio do Público, ampliando a implicación do público co proxecto e o número de galardóns a nove.

A gala de entrega de premios tivo lugar o venres 29 de novembro de 2019 no Teatro Principal de Santiago de Compostela foi presentada, con moito humor, pola actriz Patricia de Lorenzo, quen se enfundou na pel da súa personaxe Isaura, da montaxe teatral Fillas Bravas, do Grupo Chévere. Ao longo da súa presentación foi acompañada pola música e o baile de Manu TF DJ e coa elaboración en directo dun grafitti por parte de Iria Fafián.

Esta edición estivo organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

PALMARÉS PREMIOS YOUTUBEIR@S 2019

GALERÍA DE IMAXES

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS

Youtubeir@s alcanzou a súa segunda edición coa vontade de promover e visibilizar o uso do galego no YouTube -a rede social de vídeos máis grande do mercado dixital- con vídeos de opinión e videotitoriais. Baixo o lema “Mostra @ youtubeir@ que levas dentro!” promóvese fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dun novo axente con gran repercusión e impacto social como son @s youtubeir@s.

As persoas que formaron parte do xurado nesta edición foron Adrián Dios, Anxos Sobriño, Estela Romasanta, Iván Capón e Laura Cruxeiras. Encargáronse de avaliar as inscricións ao certame, que sumaron un total de 229 vídeos e 25 canles, das que resultaron oito propostas premiadas.

O Teatro Colón da Coruña acolleu na tarde do día 20 de abril de 2018 a gala de entrega de premios da man da compañía teatral A Panadaría, formada polas actrices Ailén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro.

Esta edición estivo organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de A Baña, Ames, Carballo, O Grove, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

PALMARÉS PREMIOS YOUTUBEIR@S 2018

GALERÍA DE IMAXES

Fotos Pilar Abades.

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS

No ano 2017 xurde o proxecto Youtubeir@s como un concurso de vídeos na rede, coa finalidade de incrementar o uso do galego na produción de audiovisuais que se transmiten a través das principais plataformas de Internet, así como de procurar a incorporación de contidos propios da nosa cultura ao fenómeno da autoprodución e divulgación de vídeos. Nesta primeira edición repartíronse dous premios e catro mencións honoríficas entre os 202 vídeos inscritos ao certame, valorados por Manuel Núñez Singala, María Lado, María Yáñez, Manolo González e Pablo Lamosa, que conformaron o xurado.

A gala de entrega de premios tivo lugar o venres 26 de maio no Teatro Principal de Ourense e foi conducida por Iria Pinheiro, acompañada polo monologuista Iñaki Quenerapú e a DJ Marta Verde.

Esta edición estivo organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, O Grove, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

PALMARÉS PREMIOS YOUTUBEIR@S 2017

GALERÍA DE IMAXES

Fotos Pilar Abades.

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS