Youtubeir@s xa leva tres edicións e son moitas as persoas e colectivos que presentaron vídeos e canles a concurso con moitos gañadores e gañadoras polo camiño. A que andarán as persoas premiadas o pasado ano?, novos vídeos?, novas canles?, novos proxectos?… Con estas catro preguntas saberemos se recuncan neste 2020, os seus gustos no Youtube en galego e unhas cantas curiosidades máis:
[Gañador do premio video-facermos 2019 con Malos Modais para un gas nobre e gañador á calidade técnica 2019 co videoclip Quero Fugir dos Novos]
Que fixeches co premio?
Basicamente, mercar material audiovisual vario e pagar unha viaxe a Nova York (que tiven que pospoñer!).
Vas participar este ano? Por que?
Claro, case todo o que creo fágoo en galego e axéitase ao certame, polo que presentarei os proxectos que vaia facendo (e algún que xa realicei despois da anterior edición).
3 creadores/as do Youtube en galego
Custoume quedar só con tres, pero aí van: Toxío, canle de viaxes que descubrín hai pouco e que ten vídeos que, ademais de estar moi traballados, son moi entretidos de ver (e aprendes unha morea de cousas!). Nubes baixo ti, porque sobe de todo e penso que é o tipo de contido que se require para expandir a lingua pola Rede. Ultimamente estou enganchado aos vídeos de cotenol, do lgx15. Son como charlas TED, pero arredor da lingua e a min resúltanme moi interesantes. As intervencións de Aldaolado son as miñas favoritas.
Un consello para gañar Youtubeir@s
Facer o que che guste e como che guste. Todos temos algo que contar, sexa diante ou, como é o meu caso, detrás das cámaras. O importante é pasalo ben creando, porque é a única maneira de dar o máximo e, ademais, se finalmente non tes sorte, iso xa non cho quita ninguén. Penso que o obxectivo de crear un vídeo ou comezar unha canle non ten que ser gañar o concurso, senón facer algo que che gusta e, sobre todo, formar parte dunha comunidade. Youtubeir@s é só unha razón máis para facelo en galego, e aí é onde penso que está o bonito do certame.
ROCÍO ROMAR E XACOBO DE TORO (XEOCLIP)
[gañadores do premio video-opinarmos 2019 co vídeo Como se forma un cantíl]
Que fixestes co premio?
Investimos os cartos en mercar unha cámara nova que nos permitise mellorar a calidade da nova quenda de vídeos do noso proxecto educativo de xeoloxía, xeografía e paisaxe XeoClip.
Ides participar este ano? Por que?
Os profesores integrantes de XeoClip pensamos participar con novos vídeos que fixemos ao longo do 2019 sobre o litoral de Galicia. Queremos divulgar o traballo feito e Youtubeir@s parécenos unha boa plataforma para dalo a coñecer aínda máis e refrendar a súa calidade. Os vídeos de divulgación científica en galego teñen que ter o seu espazo no Youtube, con exemplos de Galicia que sexan universais e que sirvan para a docencia e a divulgación en calquera parte do mundo. Xacobo de Toro tentará participar cunha nova temática de materiais para producir vídeos educativos nunha nova canle que está a desenvolver. Aínda que está focalizada en educación, moitos dos consellos son extensibles a calquera produción audiovisual.
3 creadores/as do Youtube en galego
Aarón Vilariño, A Lobeira today e O Son das ideas
Un consello para gañar Youtubeir@s
Non fagas nada coa intención de gañar. Faino porque che apetece e gozas contribuíndo a espallar ideas, receitas, ciencia, cancións, chismes en galego… ou axudar a outros coas túas ideas, coñecementos ou reflexións. Faino co amor da aprendizaxe continua, e tentándoo facer cada día un chisco mellor. Fíxate e analiza como son os planos, a iluminación, o son, os formatos e o xeito de comunicar daqueles youtubeiros que segues e che gustan, pero tamén das grandes obras do cinema… A linguaxe audiovisual é universal. Un consello para alguén que comeza e quere facer un gran vídeo: que desenvolva un bo guión, saber do que se fala. É a mellor arma para planificar a onde queres chegar co teu vídeo, como e que vas dicir e o tipo de planos que vas gravar. Ser espontáneo, simpático pero á vez rigoroso e respectuoso e tendo por seguro que co galego podes chegar a todos os currunchos do planeta.
[gañadoras na categoría de vídeo-cantarmos 2019 co seu vídeo O queimaserebros]
Que fixestes co premio?
O Queimaserebros foi un proxecto para nós, que non nos dedicamos súper profesionalmente ao audiovisual, moi ambicioso. Creo que é o máis serio ata agora e fixémolo con moito mimo e invertindo moito tanto en paixón como economicamente. Grande parte da produción foi a feita por Marina (directora, productora e deusa en todos os aspectos) polo tanto, o premio serviu para poder compensar, en parte, todo iso e outra pois como aforro, xa que a Marina quedáronlle as ganas e a ilusión de seguir creando con nós, e vivir novas experiencias, aínda que non sabemos cando poida ser pero queda un camiño aberto e supoño que con cousiñas chachis por descubrir.
Ides participar este ano? Por que?
Pois a verdade non podemos responder rotundamente cun si. Blanca e Tinta estivo bastante parado por diversas circunstancias. De vez en cando xuntámonos para unir forzas, ideas e creatividade, pero sen ningún proxecto claro. Actualmente estamos traballando (tanto Antía como Laura) en proxectos moi persoais e indagando en novas cousas. Anti está explorando máis no traballo gráfico (seguide a @lachicadelapisa para ver un pouco do seu percorrido e coñecer as famosas barallas e ‘batallas’, como ela di) e Laura intentando aprender máis sobre o ámbito musical. Pode que subamos algún vídeo pero non creo que nesta edición sexa un proxecto tan ambicioso como o anterior que presentamos, mais de facelo, o que sabemos seguro é que o gozaremos e transmitiremos a nosa sensación, tanto se é un ensaio aleatorio como unha meditación profunda (hahaha).
3 creadores/as do Youtube en galego
Ben, creo que xa non é un segredo que nos encantan Aquel-e e Olaxonmario moitísimo. Esas xa serían dúas boas pesas a recomendar. Máis temos o pracer de compartir un novo descubrimento, é unha rapaza que o fai súper ben e ten moito talento. Trátase de María Prado, prado_rua, e mirádea porque, de verdade, mola moito moitísimo o que fai. Estamos in love!
Un consello para gañar Youtubeir@s
Fagas o que fagas (pon bragas), faino tendo ilusión e tendo ganas. Pase o que pase, iso é o que levas! Non todo depende de nós pero cando hai motivación xa estamos sumando moitos puntos e non tedes nada que perder.
[gañador do premios á mellor canle 2019]
Que fixeches co premio?
Pois a verdade é que son unha persoa moi aforradora e aínda o teño intacto.
Vas participar este ano? Por que?
Non creo que participe, estou pensando en fechar a canle. A exposición pública desgasta moito e neste momento non me apetece seguir en youtube.
3 creadores/as do Youtube en galego
Un consello para gañar Youtubeir@s
Os dous últimos anos apenas concordei con nada do que decidiu o xurado, polo que non creo que sexa o mellor para responder esa pregunta. Sempre se lle dou máis importancia á calidade dos vídeos que á continuidade ou intención das canles. O meu consello é que combines vídeos que saibas que van funcionar con vídeos que che apeteza facer, así a audiencia vai ir medrando e seguro que adaptándose a ti. ah, e xestionar ben as redes sociais 🙂
[gañadora na categoría de calidade lingüística 2019 co seu vídeo 21 días improvisando]
Que fixeches co premio?
Inverti-lo na maqueta de música que estou a produzir.
Vas participar este ano? Por que?
Si! Porque estivem fazendo algumha cousinha, e aí sigo.
3 creadores/as Youtube en galego
Olaxonmario, Aquel-e e A Lobeira Today
Un consello para gañar Youtubeir@s
Inda nom sei como o fijem eu, como para aconselhar nada a ninguem.
[Gañadora na categoría de creatividade 2019 coa súa canle Cativos na cociña]
Que fixeches co premio?
Uf! Principalmente, apoiar a economía do fogar.
Vas participar este ano? Por que?
Si, seguramente enviaremos algún vídeo. É un moi bo xeito de dinamizar e manterse activ@
3 creadores/as do Youtube en galego
Xacobo de Toro Cacharrón, Nubes baixo ti e A Lobeira Today
Un consello para gañar Youtubeir@s
Ai! Pois poñer toda a paixón no que fagas… e máis paixón!
[gañadora na categoría de Eficiencia Comunicativa 2019 co seu vídeo Rosalía ft. Rosalía – Malaxente]
Que fixeches co premio?
O premio foi investido na produción do novo disco que acabo de sacar “A luz prendida”
Vas participar este ano? Por que?
Aínda non o sei. Considero que son Youtubeira no referente a que creo contido para a miña canle, mais no eido musical as cousas funcionan dun xeito diferente a outro tipo de canles. Teño varios vídeos producidos este ano e aínda estou vendo se os podo presentar ou non.
3 creadores/as do Youtube en galego
Non teño favoritos
Un consello para gañar Youtubeir@s
Para gañar non teño consello. O único que podo facer é animar a xente a crear contido para Youtube na nosa lingua, que é moi necesario e que se bota moito de menos. Necesitamos ter máis xente creadora e unha maior diversidade nos temas e nos tipos de canles, por iso animo a todo o mundo a que se lance, sobre todo as xeracións que veñen detrás. Despois, todo o que poidamos gañar en mellorar a calidade tanto audiovisual coma de contido, mellor que mellor, pero o camiño faise paso a paso.
[gañadoras na categoría de #propostayoutubeira 2019 co seu vídeo Flow do Toxo, vídeo oficial]
Que fixeches co premio?
O premio repartímolo en dúas tandas, unha musical para pagar o custo de produción da maqueta (polo menos algunha parte, hehe) e a outra partida para a produtora do vídeo, para que nos faga outro xDDD Resumindo, empregámolo para facer máis contido audiovisual e mellorar a calidade dos nosos videos, xa que a maior parte facémolos nós e temos moito que mellorar.
Ides participar este ano? Por que?
Si claro! Participaremos encantadas! Adoramos a iniciativa e levamos unha grata sorpresa ao vernos como finalistas propostas polo público! Unha honra coñecer Youtubeir@s desa forma, é necesario e fermoso formar parte de proxectos que valoren as creacións audiovisuais en galego.
3 creadores/as do Youtube en galego
Son moitas as que nos gustan! Aí van algunhas: Corentena Producións, Como distinguir as bandeiras LGTB+, A Rabela, Illa Bufarda, Boyanka Costova, Os xogos da Lobeira Today – Sabes ou non? ….
Un consello para gañar Youtubeir@s
Un consello, que difícil! Non se nos dá ben iso de aconsellar pero o que si temos claro é que hai que facer as cousas con amor, dende o íntimo e con paixón pola nosa cultura e a nosa terra! E non pensar en ganhar, aínda que soe a topicazo. O importante é participar, coñecerse, gozar, divertirse e compartir co resto de participantes, tecer redes entre as creadoras galegas, así é como se lle dá vida á nosa lingua.