Se un busca “neofalante” en Twitter un dos primeiros resultados será un meme do @villadacrus2 que amosa un can en dúas posturas: primeiro anoxado, despois manso. A tese do documento vén a ser que a xente de Twitter –e, en particular, do Galituiter— pode estar día si e día tamén repartindo paus uns a outros… cunha excepción: que apareza alguén dando os primeiros pasos na lingua. Entón imponse o armisticio para dar unha benvida calorosa ás persoas chegadas ao punto de encontro común: o galego.
O can do Villa e os debates infindos do Galituiter poderían xulgarse irrelevantes de non ser porque, dende hai anos, o galego é minoría entre as persoas máis novas: menos da metade da xente entre 5 e 14 o ten como primeira lingua. Falla a transmisión xeracional: os pais educan as crianzas en castelán e o ‘eu’ pasa a ser ‘yo’, que diría Séchu Sende e canta O Leo.
Todo isto cando menos ata pisar por vez primeira o Avante de Santiago ou o Auriense en Ourense! Agora en serio: con esta ruptura, a supervivencia do galego pasa a depender da figura das neofalantes (aquelas persoas que deciden dar o salto ao galego cando xa van coa vida a medias —ou nun terzo—). E resulta que as redes sociais, tan terribles e perniciosas noutros aspectos, poderían botar unha man nesta recuperación.
Para falar de neofalantes e redes sociais, poucos mellores que Fernando Ramallo, membro do xurado de Youtubeiras 2021 e profesor titular da UVigo que dende hai máis dunha década estuda o fenómeno. “Hai varias clases de neofalantes”, explica. Resumidamente, están as persoas que falan galego en todos os eidos da vida; as que o usan no día a día pero manteñen as redes en castelán –non vaia ser que me entre C. Tangana no perfil e non me entenda— e, finalmente, as persoas neofalantes dixitais: en galego nas redes e en castelán fóra delas. C. Tangana, por certo, é de pai vigués, así que entender seguro que entende.
En calquera caso, a historia está en que as redes axudan. Pero como? Pois de dúas formas. Por un lado, Youtube, TikTok e tamén Twitter —se ben algo menos— poden servir como efecto chamada para cambiar de idioma. E, unha vez pegado o cambio, hai tamén a posibilidade de que sirvan a modo de laboratorio no que dar os primeiros pasos antes de apostalo todo.
Este foi o caso de Santiago Martínez (24 anos), que –atención ao paradoxo— mudou ao galego nunha estadía en Madrid hai xa un lustro. Un tempo atrás, aínda en Galicia, tentara dar o cambio tras pasar polas aulas dunha desas profesoras que inspiran. “Pero o ambiente no que estaba entón era castelanfalante. Penso que estrañou… non se me invitou a facelo. A seguinte vez foi máis doado”, explica.
Houbo que facer 500 quilómetros de infinda estepa para que Santiago –outro Adrián Solovio— volvera a se atopar co galego. E, como en Madrid non tiña ninguén con quen practicar, botou man das redes para dar o paso. Isto permitiulle estar “afastado de xente que podería non entendelo, como pasou a primeira vez. Pode que sexa máis resiliente fronte ás opinións do resto nas redes”, engade.
Ao pouco tempo, o cambio asumido estendeuse ás primeiras conversas con amigos e, antes de darse de conta sequera, estaba feito. A historia de Santiago é un exemplo perfecto do poder das redes para lanzarse a unha nova lingua. Pero non todas valen. O profesor Ramallo destaca, neste aspecto, a necesidade de contar cunha veciñanza dixital receptiva e amable: “O que a persoa neofalante potencial precisa é que nada máis entrar non lle caian xa catro avisos de «que mal falas», porque nese caso volve para atrás. Na escola, nas interaccións persoais hai máis vixilancia. Mentres que nas redes é máis «este escribe así… para diante!»”.
Desaconséllase entón o mal humor e a crítica “a saco”. Por iso tamén certas redes sociais danlles máis a benvida ás persoas neofalantes que outras. TikTok e, sobre todo, Youtube, veñen construíndo nos últimos anos unha comunidade rica, diversa e cun mood positivo que se pega e comparte. Iván Iglesias, neeumatiko, olaxonmario, Cousxs, Cousas RarismASMR, os Non Vale Furar… non collerían todas as persoas creadoras aquí. En moitas das súas canles son habituais tamén reflexións sobre a lingua que poden remover algunha que outra conciencia diglósica.
TikTok e, sobre todo, Youtube, veñen construíndo nos últimos anos unha comunidade rica, diversa e cun “mood” positivo que se pega e comparte.
Xa dixemos que o segundo caso de axuda nas redes é o do efecto chamada. Esa foi a historia de Andrea Obenza, de 26 anos, @songalega no TikTok. Andrea naceu en Canarias e medrou en Vilagarcía entre círculos castelanfalantes. Como xa predicían os xenios do Non saímos do lixo –auténticos pioneiros do Youtube galego— o neofalantismo chegou en Santiago co contacto con novos ambientes.
O problema de Andrea quedaba entón en manter a lingua máis alá do mes de xuño tras regresar ás vellas compañías de costumes. Aí foi onde entraron en xogo as redes: “[nelas] é máis fácil manter o tipo, fronte ás dinámicas do día a día. Non tes, por exemplo, esta conversa na que todo o mundo fala castelán e ti, por inercia, tamén cambias”. E engade: “se o instituto no que estudas ou o lugar no que traballas te empurra ao castelán axuda moito ver esa forza que hai nas redes sociais. É un soporte, é un apoio”.
Andrea, politóloga de formación, tívoo moi claro ao escoller o galego para os seus contidos nas redes. Dende hai un ano publica tiktoks analizando a actualidade política de Galicia e España en palabras claras e directas. “Coñezo xente que me di «se fago contido nas RRSS non sei se facelo en castelán ou en galego».
E dito todo o bo… cómpre arrefriar outro pouco o caldo. O profesor Ramallo apunta que si, é certo, que as redes teñen un papel claro na chegada de novos falantes… pero que non fan todo o traballo. Deixa un aforismo para ir pensando polo camiño: “Non debemos ser optimistas, pero si dar esperanza”. Resumindo, Youtube, TikTok e demais son apoios que lle poden botar unha man ao auténtico motor dunha lingua: a vontade de falala.