Con moita enerxía para seguir alborotando o algoritmo, es gañadories responden a este cuestionario sobre as redes, a creación de contidos e o futuro de Youtubeiras+.
PREMIO CREACIÓN DE CONTIDOS | KONACHADAS
Se tiveses que ser unha peza de artesanía galega, cal serías?
Como boa fan da artesanía galega esta pregunta fáiseme moi, moi complicada… pero vou quedar que sería un dos aneis de formas orgánicas e con brillos de Milena Colella.
A quen lle darías ti un premio Youtubeiras+?
A Iris Gestoso! O meu espazo seguro nas redes sociais. Unha tía chulísima que sigo dende sempre, que é inspiración e que é das persoas máis divertidas das redes todas.
Que lle dirías ao algoritmo se o tiveses diante?
3 palabras: O GALEGO EXISTE.
Que vas facer co premio?
Pois sinceramente: gastalos no meu descanso que boa falta me fai para que a cabeciña me siga funcionando 🤣
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
Que cada vez haxa máis xente inscrita e que sexa máis complicado dar os premios porque teñamos un exceso de talento na creación de contigo en galego 🤭
PREMIO CANLE | RODRI MÍGUEZ
Que canción usarías como banda sonora do teu triunfo en Youtubeiras+?
Vou cun fado portugués, “Valeu a pena” de María da Fé.
A quen lle darías ti un premio Youtubeiras+?
A todas esas persoas que no seu día a día traballan por influenciar con cabeza, ética e compromiso á xente máis nova, loitando por aportar espazos de representación, visibilidade e prestixio á nosa lingua e á nosa cultura.
Que lle dirías ao algoritmo se o tiveses diante?
“Que che fixen eu, ghelipollas?”
Que vas facer co premio?
Seguramente traballar nunha serie de vídeos máis elaborados, fuxindo do contido rápido para traballar algo máis na divulgación musical con algo máis de profundidade. Aínda está por concretar, pero invertireino en novo e mellor contido.
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras+?
Pois mantería este formato, porque é ideal, pero me encantaría que puidera medrar ata o punto de chegar a ter a visibilidade e recoñecemento a nivel social e empresarial dos Mestre Mateo. Os alicerces están postos, agora a seguir traballando para levar isto a un seguinte nivel.
PREMIO PÓDCAST | FÓRA DE MAPA
Se puidésedes crear unha categoría para premiar algunha minoría lingüística europea, a cal lle dariades un galardón?
Por merecementos, aos falantes de córnico, vale, é certo que o 99,5% úsano como 2º idioma, que haberá ben pouca xente que o ten como lingua habitual, e con todo durante décadas houbo activistas capaces de estandarizar o idioma, ensinalo, divulgalo, lograr que haxa unha comunidade de centos de falantes e mesmo realizar campañas políticas coas que lograr que legalmente teña protección no Reino Unido… algo que tendo en conta que a lingua botou un século “a durmir”, sen falantes que o empregasen pois ten moito mérito.
A quen lle darías ti un premio Youtubeiras+?
Aos de Non vale furar, que están a facer un contido sobre fútbol, de calquera categoría, espectacular.
Que lle dirías ao algoritmo se o tiveses diante?
Que sexa como a xente e que trate a tod@s igual.
Que vas facer co premio?
O trofeo queda mesmo ben xunto a TV, o premio pois aínda o teño que pensar, pero cando menos xustifica certas subscricións.
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras+?
Gustaríame que máis administracións, ou mesmo a TVG se sumasen ou colaborasen coa iniciativa, e por tanto Youtubeiras+ fose maior, con máis visibilidade e máis impacto.
PREMIO DO PÚBLICO | XURXO VARELA
Se o teu alumnado fose o xurado de Youtubeiras+, a quen cres que premiarían?
Son tantos e tantas que non sabería dicir, gústanlle contidos moi distintos a cada un!
Se o teu alumnado fose viral por algo, por que cres que sería?
Probablemente polo seu escaso filtro ou por facer preguntas imposibles de responder.
A quen lle darías ti un premio Youtubeiras+?
Gústanme moitas e moitos creadores de contido en galego, pero ultimamente sigo moito a Miguel García (@mgmiguelgarcia) e encántame. Tamén me gustan @ant0ntisim0, @luatrillooreiro e @maricarnota…
Que lle dirías ao algoritmo se o tiveses diante?
Que se porte moito mellor co galego, que o precisa! Que non faga sombra ao noso contido!
Que vas facer co premio?
Como xa dixen, gastarémolo en accións educativas no CEIP de Tarrío. Aínda non decidimos cales!
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras+?
Coa mesma organización pero con aínda maior voz, con moitos máis creadores e creadoras de contido en galego! E que coñezan o Youtubeiras+ por todo o planeta! 🙂
PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA | PATRI OTERO
Se foses unha palabra en galego, cal serías?
Diría que “rabuda”, porque creo que se hai algo no que destaco é por ser unha persoa con carácter que di as cousas claras 🤭
A quen lle darías ti un premio Youtubeiras+?
Daríallo a todas as persoas que día a día seguen empregando o galego e defendéndoo a pesar de todos os prexuízos e trabas que sofre a nosa lingua. Grazas eles e elas aínda temos unha lingua viva e con futuro 💙
Que lle dirías ao algoritmo se o tiveses diante?
“Que problema tes con que fagamos contido en galego?” 🤣
Que vas facer co premio?
Pois hai pouco cambiei de móbil para mellorar a calidade das gravacións, polo que en verdade xa vai ir destinado a amortizar ese gasto. De todas formas para min o importante do premio, máis aló da contía económica, era que se recoñecera o meu traballo e labor en redes. Iso é o que verdadeiramente me levo 🤗
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras+?
Continuando co camiño que está seguindo agora, que é moi prometedor para a creación de contido en galego. Gustaríame que se ampliaran categorías e que lograse máis recoñecemento e visibilidade a nivel mediático, ao igual que poden ter outras galas do audiovisual.
PREMIO REDE | CHUTENMEME
Autoproclámaste “alcalde de Youtubeiras+”, cal vai ser a túa primeira medida no goberno?
Declararei persoas non gratas as seguintes: Ana Rosa Quintana, Piligrín, o ghicho dos anuncios do ratibrom e Chechu Lopes.
A quen lle darías ti un premio Youtubeiras+?
A Lilium, por claro favoritismo e porque por un sorriso seu mataría.
Que lle dirías ao algoritmo se o tiveses diante?
Comunicaríalle a súa execución pública por diversos delitos, entre eles o máis importante, meterme tremebundo shadowban.
Que vas facer co premio?
Pagar o disfraz de alcade e invitar a cear a todes es miñes invitades… pensaredes “nada máis?” eu respostarei “non dá o diñeiro para máis, trouxen demasiada xente”.
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras+?
Non é unha pregunta que me corra presa, o futuro de Youtubeiras+ será en función do meu mandato… pero si que vexo unha cousa clara, o premio do público transformaríao nunha performance electoral.
PREMIO REVELACIÓN | O BÚNKER DEBUXOS
Se tiveses que ser algún vídeo mítico galego, cal serías? E Anxo e Fina?
Eu sería probablemente o mítico vídeo do señoriño que con toda a parsimonia ve o coche escarallado na cuneta e fala tranquilamente co accidentado. Represéntame moito ese homiño. Anxo e Fina seguramente serían o video do “cebolo”, polo seu carácter tolo e inesperado.
A quen lle darías ti un premio Youtubeiras+?
O público que contra vento e marea segue apoiando o contido en galego nas redes. Todos merecen un premio.
Que lle dirías ao algoritmo se o tiveses diante?
Que che fixen eu, ghelipollas?
Que vas facer co premio?
Aforrareino case todo, pero destinarei unha parte a mellorar o equipo co que fago O Búnker.
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras+?
Estaría moi ben facer máis comunidade entre os creadores, aínda que iso depende tamén de todos nós. Imaxino que Youtubeiras+ seguirá crecendo, e o talento será cada vez maior. Molaría moito que tivera un seguimento constante dos creadores en galego.