Saltar ao contido
    Youtubeiras+ > Novas > novas > CUESTIONARIO XS GAÑADORXS DOS PREMIOS YOUTUBEIRAS 2023

    CUESTIONARIO XS GAÑADORXS DOS PREMIOS YOUTUBEIRAS 2023

    Creativa, aberta, acolledora, extremista, radical, diva, falangueira, sorprendente, ilusionante, precaria, nova, combativa, crecente, reforzada, diferente e diversa….. así se refiren á rede youtubeira as persoas gañadoras desta edición. Rede aberta, rede diversa! 

    PREMIO YOUTUBEIRA | RECUNCHO GAMER

    A que figura histórica che gustaría convidar á túa canle?
    A Rosalía de Castro, para que vise algún vídeoxogo inspirado na obra dela como “A xustiza pola man”.

    Recoméndanos unha creadora de contido que sexa unha inspiración para ti a día de hoxe.
    Imposible quedar con unha, na parte de videoxogos, Scott The Woz é a miña referencia en como abordar ensaios; se teño que fixarme en quen lle dá a volta a temas para facelos atractivos, niso Ter é a raíña; e logo, o nivel de “memebilidade” que alcanzan os Galvanic Galizan Memes é unha fantasía (con referencias escuras aos Sonic incluídas).
    E no a día día tamén ando moi pendente doutras canles como son OU ké! e Toxío.

    En que vas gastar o diñeiro do premio?
    Pois tómomo case máis como unha recompensa polo tempo e medios invertidos sobre todo neste último ano e como unha pedriña máis para ir facendo viable o proxecto. E, como diría Antía Vidal de OU ké!, para máis axudas e pedriñas para ir facendo o camiño, “Patreon”!

    Define en 3 palabras a comunidade Youtubeira
    Crecente, nova e combativa.

    Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
    Con máis eventos e presencia Youtubeira ademais dos premios e da gala, que vérmonos unha vez ao ano sabe a pouquísimo!

    PREMIO CANLE | OU ké!

    A que persoa, que aínda non tivestes oportunidade, vos gustaría entrevistar nos próximos vídeos?
    Gustaríanos falar co Presidente da Xunta de Galicia cando faga os seus primeiros 100 días de goberno. Fóra do político, estamos tratando de diversificar e tratar temas como a cultura ou o deporte. No eido cultural pensamos (antes de que nos comera a campaña das galegas) en que nos gustaría falar con nominados galegos aos Goya. Como Xoel López ou María Vázquez…

    Recomendádenos unha creadora de contido que sexa unha inspiración para vós a día de hoxe.
    As do Faiado fan un traballo espectacular en redes. Iago de Recuncho Gamer é un tipo incansable creando contido. Toxío e Exército Mekemeke… Temos a sorte de coincidir con creadoras que pagan moito a pena, como Diego Freire de Noticias Dispersas que fai un dos mellores traballos xornalísticos de Galicia.

    En que ides gastar o diñeiro do premio?
    En mellorar o noso equipo. Hai un ano que montamos un estudio de streaming que fumos mellorando co paso dos meses e sempre hai un detalle que precisa ser solucionado. Unha mellor iluminación, mellor mesa… Toda axuda é pouca!
    ( ->www.patreon.com/ouke 🙂

    Define en 3 palabras a comunidade Youtubeira
    Creativa, ilusionante e precaria.

    Como vos gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
    Gustaríanos que non fose o dos creadores e creadoras que tiran a toalla porque non atopan o seu camiño ou o apoio necesario. Oxalá a comunidade siga medrando e descubríndonos talento.

    PREMIO VÍDEO | TODOMALVA GZ

    Con que persoa che gustaría colaborar nos teus contidos?
    Tiven moita sorte de xa puiden colaborar con moitas das persoas cuxo contido me gusta nas redes, pero agora mesmo creo que me encantaría facer algunha cousiña con Vera Santomé. Non lle vin contido en youtube pero é moi activa en Twitter.

    Recoméndanos unha creadora de contido que sexa unha inspiración para ti a día de hoxe.
    Sei que vai ser un cliché pero Olaxonmario leva xa unha chea de anos facendo contido en galego en distintas plaformas e paréceme un milagre que fora capaz demater a calidade e de seguir creando do mellor contido que hai en galego, custa moito manter ese nivel continuadamente. Despois as rapazas do Faiado e Cristais de Meraki paréceme que teñen uns proxectos super actuais e de boa calidade, adoro ver rapazas tendo conversas super variadas e lercheando en galego.

    En que vas gastar o diñeiro do premio?
    Farei unha viaxe coa estrela do vídeo, Aaron! A ver se facemos un video xuntes na Galiza este ano.

    Define en 3 palabras a comunidade Youtubeira
    Acolledora, diversa, sorprendente.

    Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
    Teño moitas ganas de ver en Youtubeiras algunha canle que ensine galego básico, máis tutoriais… E encantaríame que o formato de video-ensaio de unha hora e media sobre literalmente calquer tema atope o seu lugar no youtube en galego. Encantaríame que cheara a era de videos súper longos do estilo de Lindsay Ellis ou Jenny Nicholson.

    PREMIO YOUTUBEIRA REVELACIÓN | O FAIADO PODCAST

    A que persoa vos gustaría entrevistar para os próximos vídeos?
    Martiño Rivas e Ana Pontón

    Recomendádenos unha creadora de contido que sexa unha inspiración para vós a día de hoxe.
    Prado Rúa

    En que ides gastar o diñeiro do premio?
    En remodelar o noso faiado

    Define en 3 palabras a comunidade Youtubeira
    Diversa, falangueira e acolledora

    Como vos gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
    Que cada vez teña máis dicífil escoller os nominados pola cantidade e a calidade abrumadoras de Youtubeiras galegas

    PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA | OLAXONMARIO

    Con que persoa che gustaría colaborar nos teus contidos?
    Adoraría colaborar con Corina Porro, é un tipo de persoaxe que adoro, aparte sempre penso que tiña declaracións moi acertadas, tendo en conta a súa vagaxe vital. Tamén gostaría colaborar con aínda máis xente de paises lusófonos, penso que é importante tecer máis redes nesa dirección.

    Recoméndanos unha creadora de contido que sexa unha inspiración para ti a día de hoxe.
    As creadoras que máis consumo na actualidade son Pradorúa, Luis do Río e Sara Seco en TikTok e Instagram, no que se refire a Youtube é CybertronVGC, penso que é un gran comunicador no campo dos combates Pokemon aparte dunha persoa moi culta e naturalmente agradábel.

    En que vas gastar o diñeiro do premio?
    Metelo todo en preferentes, é un activo económico moi interesante e que ten unha mala fama inxustificada

    Define en 3 palabras a comunidade Youtubeira
    Extremista, Radical e Diva

    Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
    Un certame que incluise máis a creación multiplataforma, hoxe en día aínda que YouTube segue a ser unha plataforma de referencia está cada vez reservada a formatos de videos algo máis longos. Acho que as creadoras en TikTok, IG ou de Podcast tamén deberían ter as súas categorías dentro do proxecto xa que forman unha parte moi importante da creación galega.

    PREMIO REDE | YOUTUBE EN GALEGO

    Que persoa do YouTube, coa que aínda non colaborastes, elixiriades para traballar nos vosos contidos?
    Toda persoa creadora de contido, en calquera rede social que o faga, pode acollerse nas canles do Obradoiro Dixital Galego e será benvida a colaborar con nós. De feito, aínda que continuaremos traballando nas “Canles Cruzadas”, estamos abertas a propostas de novos formatos colaborativos tanto na nosa canle de “YouTube en galego”, como na de “Twitch en galego” ou no Instagram ou Twitter do Obradoiro Dixital Galego. Encantaríanos poder chegar a colaborar con todas e cada unha das persoas, cooperativas e asociacións que invisten o seu tempo en crear contido en liña, sexa cal sexa o formato ou a rede.

    Recoméndanos unha creadora de contido que sexa unha inspiración para vós a día de hoxe.
    Calquera das máis de 500 creadoras que teñen os seus máis de 700 proxectos ligados na nosa fermosísima páxina web https://obradoirodixitalgalego.gal son para nós unha fonte de inspiración e colaboración mútua. Non seriamos quen de escoller unha soa. Animámosvos a pasar e botar un ollo e mesmo rexistrar o voso proxecto, de balde, se é que aínda non o está e aproveitar todas as axudas e recursos que pomos ao dispor de quen o precise. Como dicía o noso Padriño a título póstumo, Xohán Vicente Viqueira, na Nosa Terra o 31 de maio de 1922: ai do que queira vivir egoístamente por sí e para sí! Morrerá e está de feito ja medio morto. O egoismo é o pai da morte!

    En que ides gastar o diñeiro do premio?
    O certo é que a dotación económica vainos axudar a investir en eventos e proxectos que axuden á visibilidade da asociación: obradoiros, faladoiros e “xantanzas” para todas aquelas persoas que devezan por coñecer creadoras, pasar un bo día desvirtualizándose ou inspirarse canda nós, investir no mantemento dunha marca e mais tomar parte de iniciativas como a CULTURGAL, na que xa participamos o ano pasado realizando directos e entrevistas. A nosa asociación nútrese das cotas das socias, moi económicas, así que o premio vénnos moi ben nese sentido.

    Define en 3 palabras a comunidade Youtubeira
    Creativa, Aberta e Acolledora.

    Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
    Dende a nosa perspectiva a comunidade creativa vai mais aló de YouTube. Hai que pór en valor á xente que leva dende os comezos de internet achegando contido en forma de blogues, podcast e vídeos, e tamén ás novas xeracións que crean e habitan os novos espazos, tanto en directo como na ampla variedade de vídeos curtos doutras redes sociais. Youtubeiras pode aspirar a se converter nos Mestre Mateo do contido en liña: multiplataforma, con prestixio e influencia mediática.

    PREMIO PIONEIRO | FICA COA BOLA

    Que figura do mundo deportivo elixirías para colaborar nos teus contidos?
    Do panorama estatal a Miguel Quintana (Radio Marca actualmente, moitos anos cunha canle propia no Youtube) ou La Media Inglesa (canle de Youtube especializada na Liga Inglesa). Do Youtube en Galego sen dúbida Non Vale Furar, aínda que levan bastante tempo sen ser constantes na súa actividade por mor do traballo. Fóra do fútbol encantaríame facer algún día un vídeo con Brais Doval ou co da Telejaita, con eles empecei a consumir vídeos en galego no mundo de Youtube.

    Recoméndanos unha creadora de contido que sexa unha inspiración para ti a día de hoxe.
    TQHT Podcast

    En que vas gastar o diñeiro do premio?
    Dende logo serán cartos para ‘re-inverter’ na propia Canle de Youtube. Hai tempo que un dos focos ofreceu a súa última contribución, non viría mal un micro novo, mellorar na calidade visual dos vídeos e seguir pagando o editor de vídeo. Basicamente iso, pero tamén adoitamos realizar viaxes para entrevistar a futbolistas galegos que andan espallados polo mundo. A vindeira ‘excursión’ podería saír deses cartos e así aforramos algo do noso peto. Tamén adoitamos facer viaxes pagadas do noso peto para entrevistar a futbolistas que compiten fóra da nosa terra. A seguinte quizais poida saír deses cartos.

    Define en 3 palabras a comunidade Youtubeira

    Crecente, reforzada e diferente

    Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
    Con moitísimas máis canles empregando o galego para xerar contido, con maior grado de fortaleza para a comunidade que xa xeramos as canles que agora mesmo formamos parte das Youtubeiras e por suposto, como mínimo, coa mesma implicacións das institucións. De nada vale o apoio para conseguir entre todos que isto medrara se agora non se mantén.

    PREMIO DO PÚBLICO | SAVIA NOVA

    A que persoa do eido medioambiental vos gustaría entrevistar nos próximos vídeos?
    Temos varias propostas entre man, pero a máis semellante ao estilo da que fixemos con Rubén Portas (a que nos fixo gañar o premio do público) e que nos encantaría facer, é con Armand Hernández, un investigador da Universidade de Coruña no programa Ramón y Cajal, que ten como área de traballo a paleoclimatoloxía e cambio global, un tema que nos parece de gran interese e relevancia coa situación actual.

    Recomendádenos unha creadora de contido que sexa unha inspiración para vós a día de hoxe.
    Pois a verdade que non temos un referente claro, nin unha fonte de inspiración concreta. Pero se tiveramos que mencionar algún, ocúrresenos “Lethal Crysis”, pola calidade audiovisual do seu traballo, e o contido que desenvolve, foi motivo de conversa e observación en varias ocasións por parte do equipo de Savia Nova.

    En que ides gastar o diñeiro do premio?
    Pois a ambición desmedida que nos levaba a pensar que podíamos gañar os dous premios, creounos a ilusión de invertir os premios en comprar uns billetes a Namibia, para grabar en persoa a Rubén Portas e a fauna salvaxe de África, pero dado que a realidade foi diferente ao soño, jejejeje, pois os cartos do premio irán na inmensa maioría a tratar de compensar o traballo de edición e grabación que realiza Breikus, e unha infima parte á celebración do galardón.

    Define en 3 palabras a comunidade Youtubeira
    Aberta, diversa e creativa.

    Como vos gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?

    Pois a verdade que xa foi moito mellor do que me imaxinaba, o cal me demostrou que se está a facer un gran traballo. Polo que nos gustaría que o futuro siga levando a mesma proxección, crecendo, gañando repercusión e espazo.