Con moita fachenda e ganas de seguir medrando responden es gañadories a este cuestionario sobre as redes, a creación de contidos e o futuro de Youtubeiras+. Sigamos espallando o galego na Rede!
PREMIO CREACIÓN DE CONTIDOS | PRADO RÚA
Que perfil ou conta que crea contidos en español che gustaría que se
pasara ao galego?
Ningunha en concreto, por min, todas! ;P
Botas en falta algunha temática ou tipo de contido que che gustaría ver no
panorama galego?
Gustaríame que houbese contas que fagan vídeos de maquillaxe e arte en
xeral.
En que vas gastar os cartos do premio?
En mellorar as ferramentas para aumentar a calidade técnica dos meus
vídeos.
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
Eu propoñería transformar Youtubeiras en Premios das redes sociais ou
algo así. O seu nome é bastante icónico, pero poderíaselle dar unha voltiña
para abrir máis o espectro. Certo é que que con ese “+” xa se abriu e está
xenial, pero tal vez lle mudaría o nome. Tamén me gustaría que tivese máis
impacto na sociedade galega, que se visibilizase máis nos medios de
comunicación tradicionais co fin de empoderar e outorgarlles prestixio.
Importantes xa son, por suposto, porque animan e axudan ás creadoras do
país a mellorar e a facer vídeos na nosa lingua. No futuro é imprescindíbel
que sigan sendo inclusives, para todes.
Cal é a “palabra que che gustaría que se empregase máis” que mellor
define Youtubeiras+?
Se tivese que escoller unha, diría que “troupeleo”. Esta verba define o ruído
que se fai co calzado ao camiñar, e as Youtubeiras abrimos camiño. En
primeiro lugar, porque nos facemos notar e estamos orgullosas do noso
traballo, da nosa identidade e da nosa lingua. E queremos que isto non
pase desapercibido. En segundo lugar, porque as primeiras creadoras
inspiráronnos (non sei se me podo incluír nisto) a crear, a poñerse diante
dunha cámara e falar sen complexos. E en terceiro lugar, porque nos
encanta vernos e celebrar o que estamos facendo <3
PREMIO CANLE DE TIKTOK | SARA SECO
Que perfil ou conta que crea contidos en español che gustaría que se
pasara ao galego?
Por soñar, Alexandra Pereira, que se note que é de Vigo!
Botas en falta algunha temática ou tipo de contido que che gustaría ver no
panorama galego?
Creo que precisamos True crime en galego con urxencia
En que vas gastar os cartos do premio?
Seguramente os investirei en material que me axude a mellorar na calidade dos
vídeos e en pagar a cota de autónomos, que é moi caro. (hahaha)
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
Gustaríame que se convertesen nos premios por excelencia da creación en
galego, e que estivesen abertos á creación en todas redes e con moitas máis
categorías.
Se Youtubeiras+ fose unha prenda de roupa, cal sería? E se fose un
complemento?
Se Youtubeiras+ fose unha prenda sería un mini vestido negro, o famoso “little black dress”
un fondo de armario, atemporal e que podes poñer para todo e de mil maneiras.
Se fose un complemento estou segura que unha balaklava vermella, porque as dúas están
de moda.
PREMIO CANLE DE YOUTUBE | EXÉRCITO MEKEMEKE
Que perfil ou conta que crea contidos en español che gustaría que se
pasara ao galego?
Todas. Sobre todo as contas de creadoras e creadores galegos que decidiron
facer o seu contido nunha lingua que non é a súa. Mais se tivese que escoller
algunhas canles de Youtube, estaría xenial ver a Rocío Vidal, Ter, Javi Santaolalla,
Jaime Altozano ou calquera canle que lle poña un mínimo de mimo ao seu
contido á hora de partillalo.
Botas en falta algunha temática ou tipo de contido que che gustaría ver no
panorama galego?
Hai moitas temáticas ás que o galego aínda non chegou, pero o que boto máis
en falta son a moitas creadoras e creadores que xa non soben vídeos á
plataforma. Gustaríame que houbese máis xente facendo vídeos de moitas
temáticas diferentes, mais sobre todo, que se alonguen no tempo e non
desaparezan.
En que vas/ides gastar os cartos do premio?
Os cartos xa se gastaron. Esta tempada o Exército Mekemeke lánzase a producir
o programa pola súa conta e realmente custa un ollo da cara. Aínda que os
cartos do premio non cobren nin a metade do que custa producir o programa,
realmente son como auga que cae do ceo.
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
Gustaríame que non perdesen a súa esencia youtubeira. A plataforma de
Youtube é un lugar ideal para crear comunidades e permite crear vídeos longos
pausados e non vídeos curtos de consumo rápido. Estamos vendo como
plataformas como Youtube volven a ter a acollida e impacto que anos pasados e
como “os grandes creadores”, que moven masas, están a voltar ao botón
vermello.
Se Youtubeiras+ fose un personaxe de Shin Chan, cal sería? E se fose
unha serie do Xabarín Club?
Máis que un personaxe, creo que o Youtubeiras+ é a clase dos xirasois do
parvulario de Futaba. Un aula onde colle todo o mundo e cada quen é diferente
do resto. E se fose unha serie sería, claramente, Doutor Slump.
PREMIO DO PÚBLICO | ORGULLO GALEGO
Que perfil ou conta que crea contidos en español che gustaría que se
pasara ao galego?
Se fose polos meus gustos persoais, a de Jabiertzo, unha canle de Youtube
que divulga desde China, pero el é vasco e ela chinesa así que é
entendible que non o faga haha. En canto a unha figura galega,
gustaríame que Xurxo Carreño -quen xa fai contido en galego- fixera todo
en galego, creo que ten unha capacidade enorme para chegar á
mocidade e poder influír neles a respecto do uso da lingua.
Botas en falta algunha temática ou tipo de contido que che gustaría ver no
panorama galego?
Aínda que xa hai canles como Comundoavoltas ou Toxío que tocan o tema
das viaxes, gustaríame ver aínda máis canles centradas en percorrer
lugares do mundo, ou tamén centradas no montañismo e sendeirismo.
En que vas/ides gastar os cartos do premio?
Aínda non temos nada planificado, pero posiblemente en mellorar o
material co que contamos e en futuros proxectos a desenvolver nos
vindeiros meses.
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
Sen dúbida un concurso no que se presentasen centos e centos de canles
en galego con contido diverso, iso significaría que o noso idioma medrou
no campo de internet e as redes sociais.
Se Youtubeiras+ fose unha persoa das que te votou no premio do público,
como cres que sería?
Como podo imaxinar a unha persoa que lle interese a Revolución Galega
de 1846? Pois non sei hehe, imaxino que alguén con moito interese na nosa
historia, un campo que tamén está a medrar nos últimos anos.
PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA | LUÍS DO RÍO
Que perfil ou conta que crea contidos en español che gustaría que se
pasara ao galego?
Case todos os perfís galegos que sigo fan contido en galego, así que non
sabería dicir ben. Molaríame que algunha grande canle de humor galega
fixese máis vídeos en galego, como a de David Suárez por exemplo.
Botas en falta algunha temática ou tipo de contido que che gustaría ver no
panorama galego?
Boto en falta vídeos de carpintería en galego.
En que vas gastar os cartos do premio?
Quizais merque unha cámara de fototrampeo de animais. En calquera caso,
aforrarei unha parte importante del, compensando os gastos que teño
feito para a realización dos vídeos, e que aínda non recuperei.
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
Gustaríame que incluíse máis plataformas, e nomeadamente Instagram,
que é na que máis traballo eu.
Cal cres que é a palabra en galego que mellor define Youtubeiras+? E a
que peor?
A que mellor o define: diversidade, e como consecuencia a que peor:
homoxeneidade.
PREMIO REDE | REBELICO REVISTA
Que perfil ou conta que crea contidos en español che gustaría que se
pasara ao galego?
Gustaríame que unha creadora como Totateki publicara o seu contido en galego.
Aínda que recentemente ten feito algúns vídeos na nosa lingua, a maioría fainos
en castelán, polo que sería marabilloso que publicara sempre en galego. Outro
creador que tamén me gustaría ver en galego é spicyjaime.
Botas en falta algunha temática ou tipo de contido que che gustaría ver
no panorama galego?
A nivel xeral gústame moito o tipo de contido que crean perfís como Ariane
Hoyos, Almu Carrión, Berta Pim ou Aloma Bye. Cada unha ten o seu estilo propio,
pero gustaríame que houbera perfís dese tipo na nosa lingua.
En que vas gastar os cartos do premio?
Aínda non o sei con certeza, pero seguramente merque unha cámara ou un
móbil para mellorar a calidade do meu contido e actualizar o material que uso.
Moitísimas grazas por este apoio!
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
A Youtubeiras augúrolle un moi bo futuro, xa que cada vez máis persoas están
comezando a crear contido en galego. Penso que foi un paso acertado incluír ás
creadoras en TikTok, xa que actualmente a rede é moi variada en distintas
canles. O futuro de Youtubeiras gustaríame que seguise a ser tan diverso como é
agora o presente, con creadores e temas de moitos tipos, para seguir a facer
medrar a nosa lingua.
Cal cres que sería a foliada na que mellor o pasaría Youtubeiras+?
Como Youtubeiras+ abrangue a xente de diversos estilos coido que todas
poderíamos encaixar no Ponte Farruca de Laza. Sempre hai espazo para botar
uns bailes, cantar, tocar e gozar dos bos concertos que programan ano tras ano.
O ambiente é súper divertido e hai tanto actividades foliadeiras como
educativas.
PREMIO PIONEIRO | GALIACTIVA
Que perfil ou conta que crea contidos en español che gustaría que se
pasara ao galego?
@edukemia encantaríame que se pasase!
Botas en falta algunha temática ou tipo de contido que che gustaría ver no
panorama galego?
Contido do meu eido. Do mundo do fitness, do deporte, de hábitos… coido
que é un espazo con moi pouco contido en galego.
En que vas gastar os cartos do premio?
Investireinos para o proxecto e seguir crecendo, concretamente a
potenciar algunha iniciativa que de visibilidade ao adestramento en
relación con Galicia.
Como che gustaría que fose o futuro de Youtubeiras?
Gustaríame que seguise crecendo e que se abordasen novas categorías
de premios. Vín moito talento e xente que se merece ser premiada.
Se Youtubeiras+ fose un deporte, cal sería?
O tríatlon, xa que combina moitos ámbitos e a creación de contido non
deixa de ser un deporte de fondo ; )