Neste 2026 facemos dez anos e queremos ollar para atrás para festexar que cada día a comunidade youtubeira é maior e reivindicar aquelas persoas pioneiras na creación de contidos na rede.
Comunidade, diversión, aprendizaxe, orgullo, lingua, reivindicación, diversidade, apoio… Nesta década de vida pasaron moitas cousas, o noso certame foi mudando e adaptándose aos tempos, desapareceron os premios Vídeo-Facermos e Vídeo-Opinarmos, o premio Impacto e o premio Musical (entre outros), rachamos co formato horizontal, expandímonos a todas as plataformas de Internet e coñecemos máis de 500 canles presentadas ao longo das edicións. Porén, hai cousas que non mudan e seguimos a fomentar a creación e visibilización de contidos en galego na rede, a apoiar economicamente as persoas creadoras e, por suposto, no concurso continuamos sen aceptar contidos con mensaxes violentas, denigrantes ou ofensivas.
Como xurdiu todo isto
No ano 2015 diferentes axentes da normalización lingüística comezaron a deseñar unha proposta para promover o uso e o consumo do galego en Internet. Paseniño, a idea foise consolidando e medrando até transformarse en Youtubeir@s en 2017, un concurso de vídeos na rede que na súa primeira edición estivo organizada por 15 entidades públicas entre concellos, universidades e a Deputación da Coruña. Premiamos xente que facía vídeotitoriais ou vídeos de opinión no YouTube coas categorías Vídeo-Facermos e Vídeo-Opinarmos con 1.000 € de premio cada un deles. Tamén tiñamos daquela mencións honoríficas porque creatividade e calidade non faltaba.

A primeira edición foi todo un éxito e como sabiamos que había moito talento, animamos a todo o mundo a mostrar @ youtubeir@ que levaba dentro nunha segunda edición aumentando o importe económico a 5.500 € e as categorías dos premios a oito. Con ganas de ter máis referentes e contidos que enchesen o YouTube coa nosa lingua, continuamos traballando e comezamos a ver cada vez maior variedade temática e formal.
En 2019 vimos como aumentaban os vídeos en galego na rede, o número de persoas creadoras de contidos e o público que nos seguía, apoiaba e comezaba a crear unha comunidade diversa e con moita vontade de levar o galego a todos os ámbitos. Este impulso da comunidade levounos a crear o premio do Público, pasando a entregar un total de 6.500 € en premios.
Unha pausa para coller pulo
A COVID-19 e o confinamento colléronnos por sorpresa e a cuarta edición de Youtubeir@s centrouse en expandir a rede, tanto de persoas creadoras como de persoas consumidoras de contidos en galego. A actividade non parou, tivemos 12 categorías de premios e máis de 5.600 persoas participaron na votación para o premio do público. Iso si, non puidemos celebrar a gala de entrega de premios, que se subsistiu por entrevistas virtuais coas persoas gañadoras.
Unha comunidade forte e diversa
No ano 2021 mudamos de nome, pasamos a ser Youtubeiras (sen o @) para continuar avanzando na accesibilidade. Despois da pandemia sentiámonos como espazo magnético que sumaba cada vez máis persoas á comunidade youtubeira, queriamos volver vernos as caras (máis alá das pantallas) e repartimos 12 premios nunha gala que tiña que recuperar o tempo perdido.
Así chegamos á sexta edición, cunha comunidade cada día maior e máis forte. Sentiamos un grande orgullo por termos unha rede de persoas creando contidos de calidade en galego no YouTube. A nosa rede continuou medrando e as inscricións do certame incrementáronse un 77,27 % a respecto da edición anterior. Reducimos o número de premios a oito e subimos a contía económica dos mesmos a 7.500 €.
A sétima edición de Youtubeiras definiuse porque cada vez era máis diversa a comunidade de persoas youtubeiras, as temáticas sobre as cales se creaban contidos e os formatos de Internet. Oito foron as canles galardoadas no certame e entre todas as persoas presentadas sumamos máis de 32.400 minutos de vídeos en galego no YouTube.

Novos tempos para novos formatos
Youtubeiras renace como Youtubeiras+ na edición de 2024 ao abrirmos a participación ás persoas creadoras de contidos en galego no TikTok (sen esquecernos do YouTube) e creamos novas categorías de premios. Un tema controvertido que tivo opinións dispares mais a creación de contidos xa estaba alén do YouTube, alcanzando gran repercusión noutras redes.
Na novena edición abrimos a participación no certame a todas as redes coa intención de dar cabida a todas as persoas que crean contidos en galego na rede, non só no YouTube e no TikTok. Rachamos co formato de vídeo para dar a oportunidade tamén a outras fórmulas como o pódcast. Con esta apertura tamén queriamos chegar ao maior número de persoas posíbel e xuntes alborotar o algoritmo, que invisibiliza o noso idioma e penaliza as persoas que crean contidos en galego.

Neste 2026 chegamos á décima edición, na cal queremos festexar todos os novos perfís que usan a nosa lingua nas redes sociais e reivindicar as persoas pioneiras no uso do galego en Internet. Fica connosco e axúdanos a facelo posíbel!
Veñan (polo menos) dez anos máis!
Pingback: 30 anos de Internet en galego: de Vieiros a Youtubeiras+ – Youtubeiras+