Saltar ao contido
    Youtubeiras+ > Novas > novas > DO COLECTIVO A YOUTUBE: PROXECTOS QUE CREAN COMUNIDADE NA REDE

    DO COLECTIVO A YOUTUBE: PROXECTOS QUE CREAN COMUNIDADE NA REDE

    É un idea común que as redes sociais disgregan e atomizan a sociedade. Dino dende hai anos no ámbito académico, e dino tamén os pais e nais que ven como a súa prole se mergulla nos móbiles no medio dunha comida familiar para scrollear tiktoks ata a foxa das Marianas. “Moita maquinita, moita maquinita…”. 

    Pero, tamén, as redes sociais — particularmente o Youtube— teñen unha cara distinta, unha cara que é adhesivo e non ácido, que une e conecta persoas en carne e óso para tecer novos lazos fronte a unha sociedade cada vez máis individualizada. É o caso das producións comúns, da colectividade, que anegan os repositorios de Youtube en todo o mundo e chegan tamén ás producións en lingua galega.

    O Fiadeiro de Vigo é un grande exemplo desta tendencia. Esta asociación naceu hai 25 anos e dende entón pugna por conservar e manter vivo o folclore cultural galego. Nos seus inicios sumaban medio cento de persoas: hoxe son xa medio millar, un crecemento que Aurora Muíños, responsable da comunicación en liña, atribúe a unha actividade en redes coidada e traballada: “cando nace o grupo o obxectivo é conservar ese patrimonio, iso é o que lles transmitimos ás persoas que veñen detrás. Pero coas redes sociais como Youtube xa non só o conservas senón que o difundes tamén”, incide.

    Dende hai anos acumulan na súa canle vídeos de produción propia e tirados do seu paso por certames e concursos televisivos: sempre bailando, sempre coa música, e sempre tamén cun acento no común que se deixa ver nas idades diversas das persoas integrantes.

    “Para nós [estar nas redes] é moi importante. E é importante tamén que a difusión se faga para a xente nova, que teñan orgullo de pertencer a este colectivo e se interesen pola nosa cultura”. Aurora, cuxos fillos forman tamén parte da asociación, valora a entrada en Youtube como un factor importante á hora de nutrir con novas gorxas e novas pandeiretas o conxunto: “as redes axudan a que se sumen persoas dunha idade intermedia, digamos de 20 a 30 anos. Pero tamén hai casos nos que os nenos e nenas ven unha actuación e alucinan”, explica. 

    O VENCELLO XERACIONAL

    En Galicia cóntanse a centos as asociacións, plataformas e grupos informais que, como o Fiadeiro de Vigo, fan un uso colectivo das redes sociais e do Youtube. Algunhas próximas no enfoque, como a coruñesa Son d’Aquí, outras como a xa célebre Teño unha horta en San Sadurniño, en certo modo pioneira da ollada colectiva e moi destacable tamén por integrar as xeracións máis veteranas no eido das redes, demostra que estas non son patrimonio exclusivo de millenials e coetáneas. 

    O Youtube e as demais redes, son habitualmente vistas como contedores pechados de xeracións: Facebook para a mediana idade, Instagram para os máis novos etc. Alén destas xeneralizacións, unha ollada detida revela que o contacto entre idades existe e, de feito, resulta produtivo e enriquecedor, sobre todo no eido destes proxectos colaborativos que contribúen a tecer pontes entre uns e outros.

    A canle de Senda Nova é un bo exemplo destas dinámicas. Constituída hai 14 anos, a plataforma da Costa da Morte organiza dende hai tempo unhas xornadas de sendeirismo distintas: “o noso fin non é tanto deportivo senón que buscamos sensibilizar sobre a conservación da natureza e o patrimonio”, explica José Manuel Menéndez, o seu presidente. 

    Baixo estas coordenadas, a asociación xunta persoas máis veteranas cunha ampla mocidade que se achega, da man das persoas maiores, a estes tesouros. O resultado é un grupo atípico, de idades diversas, unido pola transmisión interxeracional da necesidade de coidar o monte. A idea do colectivo latexa en cada unha das metraxes publicadas: “polo décimo aniversario preguntamos a cada persoa que era para eles a asociación… é unha forma de darse a coñecer, valora José Manuel.

    O caso é paralelo na xa amentada asociación O Fiadeiro, onde dan conta tamén deste compoñente ‘familiar’ e de unión entre os seus integrantes. “Ao comezo eramos xente nova –agora un pouco menos— e seguimos á fronte, pero detrás veñen as novas xeracións e temos unha convivencia plena porque á fin e ao cabo desfrutamos todos do mesmo. A idade é unha cuestión difuminada porque compartimos a mesma afección e movémonos”, incide Aurora.

    INTEGRACIÓN E SENSIBILIZACIÓN

    A transmisión de xeración en xeración sitúase como unha das contribucións maiores deste modelo colaborativo. Se as redes hexemónicas poden diluír a comunidade, as alternativas serven de pegamento para manter unha tradición compartida e grupal. Pero, alén de preservar o pasado, temos tamén casos de contas que axudan á cohesión da sociedade contemporánea, a do inmediato presente, e que contribúen á integración de colectivos diversos.

    Entre estas canles podemos situar nun lugar destacado a da Federación Down Galicia, que xa ten participado nos Premios Youtubeiras. Dende hai anos, a plataforma explota as rúas redes sociais cun fin principal: sensibilizar. Explícao Alba Iglesias, integrante do departamento de comunicación: “Tense mellorado moitísimo na conciencia social sobre as persoas con síndrome de Down, queda moito por facer aínda. A nosa teima é esa, sensibilizar as persoas que nos seguen (e as que aínda non) no moito que teñen para ofrecer as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”.

    O esforzo de Down Galicia en Youtube é intenso e dá bos froitos: contan cunha canle coidada a moi accesible. Entre o moito traballo desenvolto, un dos proxectos máis a destacar é o Orientaconsello’, unha serie de vídeos curtos nos que persoas integrantes da federación ofrécenlles orientación aos de fóra e aos de dentro para se desenvolver no mundo laboral. “Búscase apoiar a súa empregabilidade e integración”, resume Iglesias.

    TEMPO E DEDICACIÓN

    A creación destes contidos implica moitas horas, é por iso que as principais contas deste Youtube comunitario tamén recoñecen dificultades para seguir adiante coa construción de vínculos na Rede. Os vídeos son resultado do voluntarismo, de aí que tamén as producións non teñan unha regularidade estable: “leva o seu tempo e come recursos”, explican dende Down Galicia, que con todo, recoñecen o gran valor do audiovisual nesta tarefa de sensibilización.

    O caso é paralelo no Fiadeiro de Vigo, que arrabuñan oco para estas creacións no tempo libre e para continuar facendo medrar a canle: “Tiñamos todo un pouco ‘de man’ pero dun par de anos para aquí estamos moito máis enriba. Non só na difusión senón coidando un pouco a estética tamén. Dende entón comezaron a subir moito as interaccións”, valora Aurora Muíños, que remata: “o traballo en redes é laborioso, pero para nós resulta moi importante. Aínda que conserves patrimonio hai que vivir cos tempos”.