“A aprendizaxe que levo do meu paso como xurado de Youtubeiras é saber a cantidade de talento que hai nas redes“
Os galardóns serán entregados en Bertamiráns o día 26 de novembro ás 20.00 h. nunha gala de entrega de premios conducida por Tanxugueiras.
Adrián Lede (xornalista) e Sonia Méndez (directora e produtora) son dous dos membros do xurado desta edición de Youtubeiras 2021 xunto con Fernando Ramallo, Esther Estévez e Noemí García. A pasada semana tiveron a xornada de deliberación para decidir as canles finalistas e gañadoras do Youtube en galego deste ano. Falamos con Sonia e Adrián para que nos fagan unha valoración da súa experiencia.
Este ano, as bases mudaron e en vez de vídeos inscribíanse as canles completas. Aínda así, o material para visionar non era pouco. Para Adrián “ver Youtube é sempre un entretemento. Hai canles súper desfrutables!”. “A pesar do gran número de canles e vídeos para visionar, leveino bastante ben!”, comenta Sonia, que comprimiu o visionado en poucos días para ter as canles frescas e poder valorar todo mellor. “O mellor é facer flocos de millo e gozar!”, comenta Adrián.
A xornada de deliberación tivo lugar en Pontevedra e durou aproximadamente tres horas. Comentan que non foi moi complexa, houbo bastantes coincidencias e foi sinxelo chegar ao consenso nas candidaturas.
“Sorprendeume a frescura nos novos xeitos de comunicar e o uso da linguaxe inclusiva”
Sonia Méndez
O seu paso como xurado por Youtubeiras 2021 tamén deixa sorpresas e aprendizaxes. “A aparición de canles de ASMR en galego sorprendeume bastante e tamén a frescura de varias youtubeiras e youtubeiros novos no xeito de comunicar e no uso da linguaxe inclusiva” comenta Sonia. O que máis lle sorprendreu a Adrián foi a orixinalidade dalgunhas canles, “hai cousas que pensas que non existen no Youtube en galego, porque non chegas a elas polo que sexa, e si que hai contido súper divertido e moi orixinal que debería ter máis visibilidade”.
“Está emerxendo unha xeración con ideas novas e frescas”
Adrián Lede
Os dous membros do xurado concordan no talento das persoas creadoras que se presentaron nesta edición. “É unha comunidade moi interesante e a aprendizaxe que levo é coñecer todo o talento que hai nas redes, cada vez fanse cousas máis interesantes… penso que está emerxendo unha xeración con ideas novas e frescas”, reflexiona Adrián. “A verdade é que quedei moi sorprendida, para ben. As temáticas que lle preocupan á xente máis nova (e non tan nova) tamén mudan e iso vai verse sempre reflectido nas súas canles de expresión, neste caso, Youtube”, comenta Sonia facendo unha valoración tamén na evolución dos contidos nas redes.
#Lingua, #humor, #igualdade, #ciencia, #divulgación e #literatura son as palabras que propoñen Adrián e Sonia cando lles pedimos que definan esta edición en cinco palabras. Aínda que nesta edición se abre un abano moito máis amplo de temas, quedan ocos nos que crear: “Se cadra algo máis relacionado co audiovisual, canles de cinema!” bota en falta Sonia. Para Adrián “sería moi interesante que houbese máis persoas youtubeiras, nas que a personalidade e forma de comunicar estivese por riba das temáticas”.
As cartas xa están botadas e o xurado xa falou. Mañá, día 26 de novembro, coñeceremos as persoas gañadoras na grande festa do Youtube en galego!