Saltar ao contido
    Youtubeiras+ > Novas > novas > ENTREVISTA AO XURADO DOS PREMIOS YOUTUBEIR@S 2020

    ENTREVISTA AO XURADO DOS PREMIOS YOUTUBEIR@S 2020

     O QUE MÁIS LLE PRESTOU AO XURADO DE YOUTUBEIR@S E OUTROS SEGREDOS 

    As pantallas dos trebellos tecnolóxicos nas que o xurado de Youtubeir@s viu os vídeos desta edición quedaron botando fume. “Houbo tanta participación que parecía que nunca chegabas ao final. Quedoume o cu plano de estar sentada na cadeira!”, ría Xoana, unha das encargadas de valorar as candidaturas que se presentaron este ano. Foron, en concreto, 537 vídeos, 68 canles e 32 propostas do público. Abofé que puideron quedar exhaustas (e contentas)!

    Canda a cantante Xoana, tamén formaron parte do xurado o crítico de cinema Brais Romero, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras, e os xornalistas e comunicadores Matías Tarrío e Mabel Montes. Falamos en primicia cos tres primeiros para coñecer os segredos deste xurado que –ollo,  spoiler!–  moito se divertiu con esta experiencia.  

    “Nunca me vira en tal!”, confesa Rosa Moreiras, para quen esta era a primeira vez que exercía o rol de xurado nun proxecto “tan grande”. “Unha fin de semana puxen o pixama o xoves á noite e xa non o quitei ata luns cando fun traballar”, inmersa como estaba na “descuberta” dese “mundo de creatividade e riqueza” que hai no Youtube en galego. “Dáme a sensación de que había un pano que me tapaba un tesouro que agora coñecín”.

    O QUE MIRARON CON LUPA

    Se cadra Xoana xa estaba máis familiarizada coa “variedade” de contido desta plataforma, pero tamén ela descubriu perfís novos. “Buf! Eu paso doce horas ao día vendo Youtube”, esaxera, “empezo nun vídeo, vou saltando a outros e xa acabo vendo vídeos de cadeliños. Entro nun bucle total!”. Sabedora da cantidade e calidade do contido que hai nesta rede social, e consciente do “talento” que existe en Galicia, Xoana tivo moi en conta a “profesionalidade” dos vídeos á hora de avalialos. 

    E sobre criterios de valoración tamén falou dabondo Brais Romero, quizais por estar moi afeito a eles. “Á parte das cuestións que xa marcaban as bases, para min tamén é moi importante a honestidade, sobre todo nun proxecto con raíz na lingua”, revela, para axiña engadir que “notas que hai quen o fai unicamente para gañar premios, pero hai outra xente á que se lle ve que lle gusta de verdade”. Logo pénsao e matiza: “pero, oe, tampouco é que estea mal subir  ao carro, porque tamén se trata un pouco diso”. 

    Aínda que explica que “facer crítica de cinema non ten nada que ver con xulgar vídeos de Youtube”, coida que a súa experiencia previa lle axudou a organizarse mellor durante o proceso de visionado cunha exhaustiva toma de notas. “Isto é coma todo na vida!, non se pode deixar para o último día!”, di.

    Brais parece ter moi claro o seu diagnóstico sobre o Youtube galego actual. “Está en constante renovación, pero tamén algo precario, sen explotar de todo”, solta. Abre así o melón de propagar a “morea de talento” youtubeiro a outras canles e procurar rendibilidade para as creadoras: “por que os operadores de televisión non buscan aí novas caras? Por que non se fan accións comerciais aplicadas a este ámbito?”, pregúntase. “Non me parecería tan tolo que unha marca galega de iogures enviase un paquete de produtos a un youtubeiro ou youtubeira a cambio dun vídeo, por exemplo”.

    MOITA DIVERSIDADE, MOITAS IDEAS

    En xeral, tanto Brais Romero como Xoana e Rosa Moreiras coinciden ao destacar a gran diversidade das propostas participantes en Youtubeir@s. Pero cales son as temáticas e tipos de vídeos que máis abundan? Pois os titoriais (“de mil cousas e todas moi distintas!”), o contido sobre a propia lingua, os recursos didácticos ou os blogs de viaxes que che fan pensar iso de “marcho para alá!”. “Tamén hai moitos vídeos que introducen nesta rede social a cultura e a tradición galega. Modernízana!, e iso mola moito”, engade Xoana.

    E, pola contra, hai algo que botaran en falta? Por suposto!, porque sempre hai marxe de mellora para expandirse na rede! “A min gustaríame que houbese máis vídeos de deporte e exercicio físico en galego”, un tipo de contido “súper consumido” actualmente co conto de ter que pasar máis tempo na casa, opina Rosa Moreiras. 

    Á súa vez, Brais Romero apostaría por “cousas máis tolas: máis unboxings, máis ASMR…” A quen lle pareza que este contido é ridículo, non pode estar máis trabucado. “Eses vídeos son moi vistos! E mola que se lle quite o academicismo á normalización lingüística, porque a normalización non só se fai na RAG. Tamén se fai na rúa, en Twitter ou en Youtube”. Tamén en Twitch, engade, pois esta plataforma é cara a onde vai migrando a audiencia dixital. 

    E, ligado a todo iso, Brais lanza unha reivindicación a medio camiño entre a risa e a completa seriedade: “hai que crear máis memes galegos! Queremos poder mergullarnos no arquivo da CRTVG e facer máis memes de Gayoso”.

    E OS PREMIOS IRÁN PARA…

    Van rematando as conversas con Xoana, Rosa e Brais, pero nós non queremos –nin podemos!– arrincarlles unha exclusiva sobre o ditame do xurado nesta edición de Youtubeir@s. Haberá que agardar un chisco máis para coñecer os nomes que ergan os galardóns, pero non sufrades! Xa non queda nadiña! Logo de pasar esta ponte de decembro hase resolver o misterio. 

    O proceso de deliberación e de debate entre os membros do xurado foi a parte que máis lle prestou a Brais Romero. “Os vídeos pódelos ver ti só na casa, pero o guai é falar deles con outras persoas, sobre todo cando somos tan diferentes”. Para Rosa Moreiras, en cambio, tomar esta decisión foi o máis complicado de todo. “É que case todos merecerían este recoñecemento! Quédache esa mágoa, porque hai marabillas”. Algo semellante lle pasou a Xoana, que non quería traspasar a “fina liña” entre as preferencias persoais e os criterios de valoración.

    Aínda así, pídenlles ás participantes que non deixen de crear na nosa lingua. “Ese será o seu elemento diferenciador e o seu mellor recoñecemento”.  Que abran esa “porta cultural” que é o Youtube en galego, en palabras de Xoana, e que se boten a explorar.

     Preme aquí para ver a lista de reprodución dos/das finalistas!