O sábado 17 de febreiro de 2024 farase a entrega dos Premios Youtubeiras 2023. A gala realizarase no Teatro Principal de Santiago e contará coa condución de Nuria Vil e Gabri Fuentes e coa actuación musical de Mondra.
Esta gala procurará reivindicar o galego como un fogar integrador e diverso para a comunidade creadora de contidos na Rede. Entregaranse os galardóns nun evento no que haberá espazo para o humor, mais tamén para transmitir con rigor asuntos serios ao redor da lingua, da creación de contidos, das relacións interpersoais e tamén das redes sociais, un espazo que debe xerar sinerxías, afectos e debates, pero que en demasiadas ocasións se converte nun lugar virtual hostil. Nesta liña, a gala dos Premios Youtubeiras porá sobre o escenario proximidade e reflexión para remarcar o significado do lema que os galardóns asumen nesta edición: Rede aberta, Rede diversa!
Na gala brindaráselles protagonismo aos conceptos de fogar e de seguridade a través do trato próximo que quere empregar o equipo artístico da gala e tamén mediante a simboloxía. Neste senso, para introducir cada unha das categorías emprégase como elemento de escenografía diferentes obxectos evocadores que manteñen relación coa creación de contidos para soportes visuais. Obxectos que, sen dúbida, serán, ben recoñecibles para a comunidade youtubeira.
Datos
A gala* dos Premios Youtubeiras 2023 realizarase ás 20.00 horas no Teatro Principal. O acceso será de balde, mais cómpre retirar os convites previamente. Os puntos de distribución serán físicos: a Zona C (rúa Preguntoiro, 1, xusto na entrada á praza de Cervantes) no seu horario habitual (desde o martes 13 de febreiro até o sábado 17, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h) e o despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do inicio da gala (desde as 19.00 h).
* Como todos os anos, a gala contará con interpretación en lingua de signos.