Saltar ao contido
    Youtubeiras+ > Novas > novas > GALA DOS PREMIOS YOUTUBEIRAS+ 2024

    GALA DOS PREMIOS YOUTUBEIRAS+ 2024

    O sábado 1 de febreiro de 2025 terá lugar a entrega dos Premios Youtubeiras+ 2024. A gala será no Pazo da Cultura de Narón, estará presentada por Javi Sánchez Castro (Meiga-i) e contará coa actuación musical de De Ninghures. Nesta edición, a Gala de entrega de premios estará precedida por diversas actividades, como un Fiadeiro Dixital da man de Toxío, para dar a coñecer o que se está a facer en galego na Rede e un aperitivo previo á gala con directo nas redes, guiado por Gabri Fuentes.

    Nesta edición, mudamos o nome do proxecto para Youtubeiras+, xa que nos abrimos a outras redes coa participación das persoas creadoras de contidos en galego en TikTok. Estamos de mudanza! E nesta gala, co lema Fachenda ao cadrado queremos facelo visible reivindicar o orgullo pola nosa lingua e mostrar a fachenda que sentimos de vivir en galego e atopalo en todas as redes e todos os ámbitos da nosa vida.

    Fiadeiro dixital

    De 17 h a 17.50 h, Nuria Espasandín e Sergio Casal, de Toxío, estarán impartindo un Fiadeiro Dixital na sala de ensaios do edificio de aulas do Pazo de Narón. Este obradoiro pretende dar a coñecer os contidos en galego na Internet, ofrecer recursos na nosa lingua e animar a crear contidos na Rede con consellos prácticos.

    Está aberto ao público, baixo inscrición previa, para un máximo de 50 persoas.

    Aperitivo previo á gala

    A partir das 18 h terá lugar un aperitivo previo á gala na entrada do Pazo da Cultura, onde relaxarse antes da entrega de premios, posar diante da cámara, rexoubar sobre quen cres que serán as canles vencedoras e responder ás preguntas de Gabri Fuentes en directo para as nosas redes.

    Entrega de premios

    A gala de entrega de premios comeza ás 19 h no auditorio do Pazo da Cultura de Narón, conducida por Javi Sánchez Castro (Meiga-i) e coa actuación musical de De Ninghures. Ademais, contará con interpretación en lingua de signos. Ao rematar, a Charanga Alxibeira guiaranos ao café-teatro do propio Pazo, onde tomar uns petiscos.

    Para asistir podes retirar entrada gratuíta no propio Pazo da Cultura, vía telefónica no 981 102 897, de luns a sábado, de 09.30-14.00 e de 17.30-20.30, ou a través de taquilla.pazo@naron.gal.

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *