A gala da oitava edición de Youtubeiras+ será o 1 de febreiro de 2025 no Pazo da Cultura de Narón (mapa). Comezará ás 19 horas e contará coa presentación de Javi Sánchez Castro (Meiga-i) e a actuación musical de De Ninghures. Antes, a partir das 17 h, haberá un obradoiro con Toxío (inscrición) e ás 18 h terá lugar un aperitivo previo á gala, onde poderás rexoubar ou apostar sobre quen gañará cada premio, tamén verás por alí a Gabri Fuentes cun micro facendo un directo para as nosas redes, coidado que pregunta! E, despois da gala, a Charanga Alxibeira guiaranos aos petiscos no café-teatro do propio Pazo.
Queres asistir?
Para asistir podes retirar entrada no propio Pazo da Cultura, vía telefónica no 981 102 897, de luns a sábado, de 09.30-14.00 e de 17.30-20.30, ou a través de taquilla.pazo@naron.gal.
Como chegar?
Se vives lonxe de Narón, chegar alí en transporte público é posíbel, mais a volta un sábado á noite xa non o é tanto… Por iso, desde a organización queremos facilitar a vosa asistencia: creamos unha folla para facilitar compartir vehículo e tamén fretamos un autobús gratuíto desde Santiago de Compostela. Este último está reservado inicialmente para persoas representantes de canles finalistas, e poremos ao voso dispor as prazas que fiquen libres a partir do 22 de xaneiro de 2025.