
A gala da novena edición de Youtubeiras+ será o 7 de febreiro de 2026 no Teatro Jofre de Ferrol (mapa). Comezará ás 19 horas e contará coa presentación de Leila Fernández (O faiado podcast) e Carlos Vieito (Exército Mekemeke) e co acompañamento musical de Russ.
Antes, a partir das 18 h, na entrada ao teatro terás a posibilidade de facer unha quiniela sobre quen pensas que gañará en cada categoría e tamén verás por alí a Gabri Fuentes cun micro facendo un directo para as nosas redes, coidado que pregunta!
Queres asistir?
As entradas son de balde e estarán dispoñíbeis para todo o público asistente en ataquilla.com desde o día 3 de febreiro. Tamén poderás conseguilas na billeteira do teatro no propio día.
Como chegar?
Se vives lonxe de Ferrol, chegar alí en transporte público é posíbel, mais a volta un sábado á noite xa non o é tanto… Por iso, desde a organización queremos facilitar a vosa asistencia: creamos unha folla para facilitar compartir vehículo e tamén fretamos un autobús gratuíto desde Santiago de Compostela. Este último está reservado inicialmente para persoas representantes de canles finalistas, e poremos ao voso dispor as prazas que fiquen libres a partir do 26 de xaneiro de 2026.