Educación e YouTube fan unha parella fascinante! Hai un cento de motivos polos que a rapazada e o profesorado poden -e deben- botarse a navegar polo YouTube. Nel atoparemos recursos sobre ciencia, plástica, literatura e lingua, música, natureza… E que mellor que as escolas para tirar do fío desa rede máis didáctico e recoller unha boa saca de coñecementos.
O vídeo pode utilizarse de moi diversas maneiras: ben como apoio visual aos contidos ensinados nas clases, ben para facer explicacións nun formato diferente, ben para introducir a cativada na creación audiovisual… Sexa como for, non cabe dúbida de que o YouTube é unha boa ferramenta para adquirir novos saberes dunha maneira atractiva, amena e moi familiar para a xente nova. Precisamente desde a época do confinamento, a comunidade educativa viuse na obriga de acelerar a súa presenza na Internet, e xusto desa necesidade xurdiron canles moi interesantes baseadas no coñecemento compartido. Por iso, non atopamos mellor momento ca este para descubrir todo o que YouTube ten para ensinarnos.
Alá imos cunha guía rápida de experiencias e recursos. Tira do fío! Inspírate! Expándete!
Xacobo de Toro Cacharrón: Este é un caso paradigmático! Un profe youtubeiro que publica na súa canle materiais escolares e didácticos elaborados por el mesmo e o seu alumnado. Dá aulas de bioloxía e xeoloxía no IES Urbano Lugrís de Malpica e dende o ano 2009 sobe as súas propias vídeo-leccións ao YouTube, o medio co que consegue empatizar co estudantado e formular as aulas dunha maneira máis innovadora e interactiva. Os “xeoclips” gravados a vista de paxaro e presentados xunto coa profesora Adela Otero son alucinantes, con viaxes por cantís, covas e outras paisaxes do litoral galego. Ata o de agora acumula máis de 622.000 visualizacións totais e, ollo!, no ano 2018 gañou o premio vídeo-opinarmos de Youtubeir@s con este vídeo:
Noemí Díaz Vázquez: Estoutra profesora tamén decidiu subir ao carro do YouTube. A través dos seus vídeos, Noemí explica contidos de educación plástica visual e audiovisual, bioloxía e xeoloxía para a rapazada da educación secundaria. Ademais, colga titoriais para facer actividades na aula virtual e no Drive. Segundo ela mesma explica, foi precisamente a raíz do confinamento cando decidiu poñerse ao día cos vídeos educativos. E faino por varias razóns: porque potencian os distintos estilos de aprendizaxe, permiten a accesibilidade para estudantes con dificultades, aumentan a capacidade de concentración e a motivación, respectan os diferentes ritmos do alumnado, aseguran explicacións entretidas e informais, transmiten proximidade, crean expectación… E a ela, como profesional, o YouTube deulle a posibilidade de crear a súa propia carta de material e mellorar as súas habilidades TAC. Soa todo moi ben, non si? Bótalle un ollo e “pérdelle o medo a gravar os teus vídeos”!
Neeumatiko: Nee é un estudante de 2º de bacharelato que creou unha canle de YouTube cando comezou o confinamento para subir resumos do temario de literatura galega de cara á selectividade. Poesía de vangarda, teatro galego, nova narrativa galega… Nee fai un repaso funcional e ameno pola historia da nosa literatura a través duns cantos vídeos de grande axuda para quen se atopa ás portas desa sempre temida proba. De aquí en diante, Nee continuará a andaina por esta canle con vídeos prácticos e recomendacións literarias. Avante, que o futuro de Neeumatiko promete!
Aturuxo Films: Baixo este nome desprégase o proxecto pedagóxico de “alfabetización cinematográfica” do IES de Cacheiras (Teo). Trátase dun traballo cunha longa traxectoria detrás e que pretende fomentar o pensamento crítico a través da creación audiovisual na aula. Del xorde tamén Imaxinando Músicas, en colaboración co Conservatorio de Música de Santiago. Esta experiencia cinematográfica é todo un referente no ámbito estatal e conta con recoñecementos do Ministerio e da Consellería de Educación e dun total de 50 festivais de cine. Na súa páxina web atoparás información, recursos e material didáctico sobre a filosofía de Aturuxo Films, e na súa canle de YouTube están todas as creacións feitas polo alumnado. para non perder!
Radio Semente, de Semente Compostela: Semente Compostela é un centro para crianzas de 2 a 12 anos que ten como obxectivo dar resposta ás necesidades das familias que queren educar a cativada en galego. Na súa conta de YouTube, Semente Compostela comezou un novo programa radiofónico ben interesante a raíz do confinamento. Radio Semente, como así se chama, arrancou a súa aventura no mes de maio como un proxecto comunitario elaborado entre as educadoras e as crianzas dende as súas casas. Un claro exemplo de como as redes serven para coidar deses vínculos tecidos nas escolas a través da creatividade e da participación activa da rapazada.
Pequenos musiquiños: A directora da orquestra Musia ensínanos, a través de vídeos curtos e dende a súa “saliña musical”, o nome das notas, as figuras, os instrumentos de corda e de vento… E moito máis! Botando man das redes sociais, a canle de Pequenos Musiquiños incentiva tamén a participación da cativada con algunhas actividades e xogos. Un proxecto educativo para collerlle o gusto ás aulas de música.
O Son das Ideas: “Intentamos achegar a ciencia a todo o mundo a golpe de animación”. Así se presentan nestoutra canle de YouTube, onde nos explican as Leis de Newton nada máis e nada menos que con Dragon Ball. A calquera se lle resiste a ciencia desta maneira! Como funciona o botafumeiro, por que hai persoas terrachaístas, que pasa cando caemos, como pesar a Terra cun péndulo… Estes e outros moitos contidos así de sorprendentes poden atoparse no Son das Ideas, que ademais presenta un podcast “onde se xuntan curiosidade, lóxica e leria!”.
Naturiza: Estoutro proxecto tamén se dedica á divulgación científica e ambiental en galego. Nacido recentemente en Vigo da man de Diego Ferraz Castiñeiras, ambientólogo e oceanógrafo, esta canle publica unha chea de contidos: por que teñen nome as borrascas, que propoñen os diferentes partidos políticos a respecto do medio ambiente, de que fala a lei do cambio climático, por que producimos tanto marisco, en que se diferencia o clima do tempo atmosférico… O seu creador divulga non só en formato de vídeo, senón tamén mediante un blog e un podcast, igual ca O Son das Ideas. Queda co nome, é moi recomendable para a rapazada!
#DígochoEu: Este espazo da Televisión de Galicia aclara dúbidas cotiás ao redor da lingua galega. Con tips dun minuto colgados no Instagram, no YouTube e agora tamén en TikTok, Esther Estévez axúdanos a falar e a escribir en galego un pouco mellor tomando como referencia a normativa RAG. Contido de rápido consumo moi útil para asimilar unha norma ortográfica ou a forma galega daquelas palabras influídas polo castelán.
Abal e BOO: Imos agora con outra das temáticas fundamentais para tratar coa cativada, a educación sexual. Abal e BOO son Alberto e Antía, axente e técnica de igualdade de xénero. E que andan a facer no YouTube? Pois eles comezaron subindo vídeos para o seu alumnado e acabaron creando toda unha sección de longo percorrido: “Non sextresen”. Nela falan de violencia de xénero, diversidade e curiosidades históricas. Ademais, na súa outra sección “o noso dicsionario” explican palabras relacionadas co ámbito da educación sexual. Moi necesario!
Aulas Galegas: Este último é un portal educativo desenvolvido desde o confinamento por un colectivo de profesores e profesoras para poñer á disposición da comunidade recursos en galego na rede. Na súa conta de YouTube podemos encontrar contos narrados ou cantados, pequenas leccións de lingua, medio ambiente, educación plástica, economía, inglés, física e química… E tamén actividades do máis variado, dende como facer un iogur cremoso na casa ata como preparar as herbas de san Xoán. Unha canle completa que volve demostrar as grandes posibilidades do YouTube no ámbito educativo.