Nesta edición de Youtubeiras+ queremos multiplicar os contidos en galego nas redes sociais con tres formacións en liña. Tanto se xa creas contido para redes como se tes ganas de comezar, son para ti. Tamén se o que che interesa é coñecer máis referentes na creación de contidos en galego.
Os mércores 7, 14 e 21 de outubro ás 19 h María Rúa (@prado_rua), Nuria Grandío (@konachadas) e Nee Barros (@neeumatiko) compartirán os seus trucos e aprendizaxes sobre ecosistema dixital galego.



Como ser unha “turras” sen parecelo: consellos para tecer unha narrativa audiovisual axeitada para as túas redes sociais con María Rúa
María Rúa (@prado_rua) leva seis anos e medio facendo vídeos nas redes sociais e neste tempo foi aprendendo e experimentando para conectar coa audiencia (e non aburrila). Se non sabes como darlle forma ao que queres contar nas redes sociais, neste pequeno curso aprenderás a tecer unha narrativa atractiva para os teus vídeos de formato curto.
Vémonos o 7 de outubro ás 19.00 h.
Crear contido con estratexia: das ideas ás redes sociais con Nuria Grandío
Nuria Grandío (@konachadas) quere poñer un pouco de orde no caos das redes sociais e ensinarache a comezar a comunicar nas redes sociais dun xeito máis estratéxico, definindo obxectivos, buscando unha identidade propia, analizando os contidos e formatos, e organizando os recursos propios dun xeito realista e sostible no tempo. Porque non todo vai ser facer caso do algoritmo.
Anota na axenda o 14 de outubro ás 19.00 h.
Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais con Nee Barros
Nee Barros (@neeumatiko) dará a coñecer o potencial das redes sociais en galego e as voces actuais que crean contido na nosa lingua. Aprenderás a localizar perfís inspiradores, iniciativas que os agrupan e converter as redes nun recurso educativo vivo. Aínda que esta formación está especialmente pensada para o profesorado está aberta a todo o público.
Agardamos por ti o 21 de outubro ás 19.00 h.
Pingback: O proxecto Youtubeiras+ lanza un novo galardón honorífico á traxectoria na creación dixital para celebrar a décima edición dos seus premios – A DETROIT VIGUESA