O Youtube e as demais redes, son habitualmente vistas como contedores pechados de xeracións: Facebook para a mediana idade, Instagram para os máis novos etc. Alén destas xeneralizacións, unha ollada detida revela que o contacto entre idades existe e, de feito, resulta produtivo e enriquecedor, sobre todo no eido destes proxectos colaborativos que contribúen a tecer pontes entre uns e outros.
A canle de Senda Nova é un bo exemplo destas dinámicas. Constituída hai 14 anos, a plataforma da Costa da Morte organiza dende hai tempo unhas xornadas de sendeirismo distintas: “o noso fin non é tanto deportivo senón que buscamos sensibilizar sobre a conservación da natureza e o patrimonio”, explica José Manuel Menéndez, o seu presidente.
Baixo estas coordenadas, a asociación xunta persoas máis veteranas cunha ampla mocidade que se achega, da man das persoas maiores, a estes tesouros. O resultado é un grupo atípico, de idades diversas, unido pola transmisión interxeracional da necesidade de coidar o monte. A idea do colectivo latexa en cada unha das metraxes publicadas: “polo décimo aniversario preguntamos a cada persoa que era para eles a asociación... é unha forma de darse a coñecer”, valora José Manuel.
O caso é paralelo na xa amentada asociación O Fiadeiro, onde dan conta tamén deste compoñente ‘familiar’ e de unión entre os seus integrantes. “Ao comezo eramos xente nova –agora un pouco menos— e seguimos á fronte, pero detrás veñen as novas xeracións e temos unha convivencia plena porque á fin e ao cabo desfrutamos todos do mesmo. A idade é unha cuestión difuminada porque compartimos a mesma afección e movémonos”, incide Aurora.