Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

XABARÍN 2.0. QUE HAI NO YOUTUBE EN GALEGO PARA AS CRIANZAS? 

 

O ronsel do mítico Xabarín Club da TVG chega ata os nosos días. Referente máximo do  entretemento daquela rapazada dos 90, este programa -ou mellor dito, este fenómeno  social, cos seus inesquecibles exitazos musicais- tivo unha pegada súper importante no  uso da lingua galega por parte da súa audiencia infantil. O mundo cambiou moito dende  aquela, para ben e para mal: o Xabarín decaeu coa chegada das televisións temáticas,  pero tamén é certo que as novas tecnoloxías abriron as comportas a outros moitos  contidos infantís en galego que conectan coas novas audiencias. E aquí, como non,  tamén entra en xogo o YouTube, que escoita a chamada da cativada con vídeos do máis  diversos! Ás veces hai que escaravellar algo para descubrilos, pero os debuxos  animados, as cancións e os microrrelatos atopan bo acubillo por estes lares. 

Ata o propio Xabarín deixou ver a súa face máis youtubeira polo seu 25 aniversario…  Como oes! Se che entra nostalxia daqueles anos ou queres que as túas crianzas  aprendan aquilo de “Por fuciños, por cacheiras!”, na canle de YouTube do Xabarín atoparás todas esas míticas cancións, os seus Xabaclips e tamén as sintonías das  súas series características. O Xabarín máis youtubeiro preséntase tal que así! Saúdos, colegas!

Pero… Que outros xabaríns andarán a fedellar polo Youtube?  

Pois ben, comezamos o noso percorrido audiovisual cunha proposta pioneira en Galicia  por tratar de enganchar a cativada a través do Stop Motion. Trátase de OQO Filmes, un  traballo con selo propio dentro da súa editora, OQO Editora. Co reto de “educar a ollada"  dos máis pequenos da casa, OQO -con Marcos López á cabeza- crea os seus propios escenarios e personaxes para logo captalos fotograma a fotograma e ir compoñendo os  movementos. Detrás destes pequenos filmes hai unha técnica bastante laboriosa, pero  os resultados son moi gustosos de ver… Cantas texturas! Cantos decorados! 

Cunha estética semellante, o proxecto Apego, para a socialización da infancia en  galego, déixanos gozar no YouTube dunha miniserie cun polbo de protagonista chamada As Aventuras de Po. Este animaliño, coa axuda da rapazada, apréndenos a atar os cordóns dos zapatos, a facer galletas de nata, a diferenciar os sons dos animais ou mesmo a cantar o ‘Parabéns para ti!’… Unha delicia! 

E tamén polo YouTube anda outra das series míticas en galego: Os Bolechas. Na súa  canle oficial, os nosos personaxes favoritos dannos algúns consellos de hixiene,  apréndennos inglés a través dun proxecto de inmersión lingüística galego-inglés-galego  ou déixannos gozar de pequenos capítulos onde a familia dos Bolechas cobra vida a  través dos debuxos animados. Aquí vai un dos da quinta temporada, dedicado ás autofots!  Mirade!  

Saltamos agora cara aos monicreques e mais á música! As chamadas Musicreques conxugan estas dúas habilidades para achegarnos a beleza e a maxia das artes  escénicas a un golpe de click! Elas son Alma e Loreto, dúas profesoras de piano que  organizan espectáculos infantís dentro das programacións culturais dos concellos. A  través das redes e do YouTube conseguen mergullarse nas casas de cadaquén con  pequenas pílulas do seu universo particular de relatos contados e cantados. Unha  vintena de vídeos de tres a seis minutos conforman esta canle para uso e goce da  rapazada!  

Non só Musicreques ten un oco en YouTube. Moitas compañías teatrais e grupos de  música referentes na escena infantil utilizan este espazo para manter o contacto co seu  público a través de videoclips, karaokes e audiolibros. Quen sexan fan, por exemplo, de  Migallas Teatro, de Uxía Lambona e a Banda Molona ou de Pakolas está de sorte! 

Que quedan máis ganas de conto? Pois este non é mal momento para atopalos porque  precisamente desde o confinamento agromaron unhas cantas propostas en YouTube  dedicadas aos contos virtuais para facer máis levadeira a corentena da cativada. Entre  elas podemos encontrar o Colectivo NOGA coa súa ‘Pandemia de Contos’, a Urdime e  os seus ‘Cantos e contos desde o poleiro’, ou A Curuxa de Papel, que tamén nos achega  os clásicos da literatura en galego en forma de audiolibros.  

Con algo máis de lonxevidade, Sonárbore, unha canle de YouTube da Editorial Galaxia,  ofrécenos unha chea de vídeos con cancións de Mamá Cabra, María Fumaça, As  Maimiñas, Sérgio Tannus, A Gramola Gominola… E igualmente, a editorial Kalandraka desprega unha televisión propia con máis videoclips, cancións e debuxos dos libros  preferidos da cativada.  

Para o final deixamos outra das canles do YouTube galego que promete moito! Chámase Cachena Channel, hai pouco que naceu, e preséntase como “a canle en galego para a  cativada”. Cuns debuxos moi ben logrados e unha vaca cachena como imaxe  presentación do proxecto, que pode fallar? Os seus vídeos cóntannos curiosidades da  galiña de Mos, que son os toxos, ou como plantar patacas. Unha marabilla! A  sementar…! 

As posibilidades do YouTube como recurso didáctico e de diversión en galego para as  crianzas son infinitas. Queda moito por explorar e por crear! Así que dádelle aí,  youtubeiros e youtubeiras! 

 

COMPARTIR