Saltar ao contido
    Youtubeiras+ > Novas > novas > O YOUTUBE EN GALEGO É DIVERSO! UN PERCORRIDO POLO CONTIDO LGBTIQA+ DA MAN DO RABELO, NEE E UN RAPÁ TRANSQUILO

    O YOUTUBE EN GALEGO É DIVERSO! UN PERCORRIDO POLO CONTIDO LGBTIQA+ DA MAN DO RABELO, NEE E UN RAPÁ TRANSQUILO

    “O Youtube galego é realmente diverso, e isto é un luxazo!”. Dá gusto comezar a  escribir un artigo sobre a produción LGBTIQA+ galega no Youtube cunha reflexión  coma esta. Faina O Rabelo, mais nisto tamén coinciden Nee Barros (Neeumatiko) e  Éric Dopazo (Un rapá transquilo), tres youtubeires que contan as súas vivencias  como persoas LGBTIQA+ no Youtube, e en galego.

    Unha ‘testo routine’, pílulas de coñecemento fronte a trolas tránsfobas, o relato en  primeira persoa dunha mastectomía, reflexións sobre o desexo e o mundo amplo que  se abre máis alá do binarismo… As canles destes tres youtubeires son, quizais, as que  tratan este tipo de contidos dun xeito máis central, pero un mapeo orgulloso polo  Youtube en galego tamén nos obriga a facer outras paradas de interese. E é que  nestes lares está, por exemplo, unha xoia de vídeo da canle Na utopía non existe a  vertixe ASMR, que canda Nuria Vil (Coidado coa cadela! en Youtube), recompilou  varios relatos de persoas do colectivo con motivo do Día do Orgullo do 2021.  

    Tamén Olaxonmario ten pendurado na súa canle algunha conversa sobre feminismo  e Lei trans ou a explicación do significado de cada unha das letras. E se queremos  coñecer máis ao redor da representación LGBTIQA+ no anime, na canle Lilium imos  atopar o contido que procuramos. Que che interesan máis as series? Pois Manuel  ‘Léxuam’ González explica, por exemplo, o tratamento da realidade LGBT en She-ra:  Princess of Power. Contra as mentiras sobre o colectivo e a prol do transfeminismo,  Adriana Romero tamén se ten posto diante da cámara na súa canle Galiza en pé; e  Pradorua axúdache a educar en igualdade coa recomendación duns cantos contos con  diversidade familiar.  

    O YOUTUBE: UNHA FERRAMENTA PARA VISIBILIZAR

    Exemplos coma estes fan do Youtube galego un espazo diverso e rico, no que  entretérmonos, aprender e achegármonos a múltiples realidades. “A rede está chea  de xente do colectivo, e ademais, creo que o Youtube galego é unha anomalía  preciosa, xa que a xente adoita traballar dende o cooperativismo e non deixa que caia  en saco roto, ao interactuar e colaborar tamén en persoa”, apunta Éric, tamén voz do  grupo Piratas sen Parche.  

    “Agora contamos com um monte de informaçom a um click de  distância. Tanto as persoas nom-normativas para ver-nos representadas e entender-nos, como as persoas mais normativas para se deconstruir”  

    Tanto el como Nee e O Rabelo venlle moito potencial ao Youtube como  plataforma para contar experiencias vitais LBGTIQA+. “Agora quase qualquer pessoa pode colher um telemóvel e gravar vídeos sobre o seu jeito de ver o mundo.  Isto, para as realidades que antes nom tínhamos representaçom, é todo um avance.  Já nom conhecemos só o que sai nos médios de comunicaçom e temos vísíbel na nossa contorna, agora contamos com um monte de informaçom a um click de distância. Tanto as persoas nom-normativas para ver-nos representadas e entender nos, como as persoas mais normativas para se deconstruir”, explica Nee.

    Para O Rabelo, o feito de que o Youtube sexa diverso “desmonta de seu a ideia de que  as pessoas LGBTIAQ+ som umha minoría”. “É obvio que nom o somos! Youtube  permite ás pessoas que som capaces de trascender a violéncia estrutural a  possibilidade de contar a sua história, e isto é umha das cousas mais valiosas da  nossa espécie, a capacidade de comunicar histórias e o valor da diversidade”, engade.  

    PARA AFONDAR

    Como é a túa experiencia no Youtube? 

    Nee: Eu comecei subindo resumos do temário de literatura galega para 2º de  bacharelato, e como isso me deu uma certa “plataforma”, decidim aproveitá-la para  educar sobre o coletivo LGBTIQA+ e o género. A minha ideia é fazer vídeos acessíveis  para que, quem nom tivo acesso a este tipo de informaçom antes, tenha um recurso  para se educar. 

    O Rabelo: Em geral os meus vídeos tenhem umha acolhida genial. Gostaria de dedicar  mais tempo, pero precisso muita calminha para poder preparar guións, gravar, editar  e subir, e nom sempre a tenho tendo umha vida precária. Algo que me fai muita graça  é que quando fago vídeos relacionados co rap desde umha perspectiva crítica e  transfeminista os rapeiros enfadam-se um monte e viralizo-me em chats de rapaces  de batalhas de galos porque se indignam muito. xd 

    Éric Dopazo: Comezar este proxecto tróuxome a alegría de coincidir con xente con  intereses afíns, pero tamén me axudou a ser máis compasivo comigo mesmo á hora  de decidir cando parar de editar un vídeo. Ás veces pode ser raro exporse diante  dunha cámara, pero recordo o que me axudou a min ver vídeos de xente trans* no  comezo da minha transición e creo que é de xustiza que haxa este contido en galego.  A min teríame gustado!

    “Con que unha persoa soa se sinta reflectida ou válida vendo o meu  contido… doume cun canto nos dentes!”

    Que é para ti o máis gratificante de publicar contido LGBTIQA+ no Youtube?  

    Nee: Pensar em mim mesme, há uns poucos anos, vendo-os. Até que tivem 13 anos  nom soubem que era trans, porque ninguém me dera as ferramentas necessárias para  identificá-lo. Para mim forom fundamentais outres ativistes que se visibilizavam nas  redes, e quando alguém me di que eu fum isso para elu, fai-me mui feliz. Há pessoas  que usarom os meus vídeos como ajuda para sair do armário com a sua família, que  questionarom o seu género, que aprenderom algo… Isso compensa todo o ódio, o trabalho e todas as vezes que o programa fecha inesperadamente mentres edito. 

    O Rabelo: Sem lugar a dúvidas, que me escrevam pessoas agradecendo o que conto  por ver-se representadas. Isto é incrível. Também me parece mui divertido e fai-me  muita graça fazer guións e gravar-me. Gostaria de ter mais contido de humor crítico. 

    Éric Dopazo: Sen dúbida, saber que os poden ver adolescentes trans galegofalantes  nun momento vital de cuestionamento. Con que unha persoa soa se sinta reflectida ou  válida vendo o meu contido; con que sinta que non ten que deixar de falar galego nin meterse nun armario; con que o vexa unha nai dunha crianza trans*, un avó… doume  cun canto nos dentes!  

    E en que estamos verdes? Que contido che gustaría ver e aínda non o atopas  en galego?  

    Nee: Gostaria de ver mulheres trans a falar da sua experiência, pessoas assexuais,  arrománticas, intersexuais, canais feitos desde o drag, a interseçom entre a luita  LGBTIQA+ e a antirracista ou a discapa… 

    O Rabelo: Seria guai que mais pessoas se animaram a fazer vídeos. Creo que já se  está fazendo um maravilhoso trabalho para fomenta-lo. Penso que as charlas que se  fam em centros e os obradoiros ajudam a isto, e tamén que as pessoas que estám a  fazer animem todo o tempo a mais gente a que crie contido. Ojalá se propague! 

    Éric Dopazo: Eu sinto que aínda estamos verdes na creación de contido relativo ao A  (asexualidade) ou ao I (intersexualidade), dúas siglas bastante invisibilizadas aínda  hoxe. Tamén queda por andar na visibilización do colectivo maior, non nativo de  Internet. Estaría bonito conectar de xeito interxeracional coa escusa do Youtube. Por  último, eu boto en falta maior visibilización da diversidade racial: somos demasiada  xente branca no mundo sen cuestionarnos os nosos privilexios.