Facer dos teus vídeos unha profesión non é imposible aínda que o algoritmo poña trabas. Ademais, a porta segue aberta a todas as persoas que queiran gañar visibilidade nas súas profesións ou, simplemente, ter un espazo onde expresarse na nosa lingua.
O Youtube en galego pega forte. Logo de anos de esforzo por parte da comunidade youtubeira, as creadoras e creadores do país contan xa cunha audiencia significativa que cuestiona o papel minorizado do galego nas redes sociais. A primeira conquista está feita, aínda cando o camiño sexa longo e reste traballo por diante —para proba deste trunfo, xa hai casos de tier lists categorizando as persoas creadoras da plataforma—.
PRIMEIROS PASOS
Para comezar a tirar beneficio de Youtube coma os de Páramo precísase acceder ao Partner Program de Google. Hai dous requisitos: superar os 1.000 subscritores e que a audiencia vise polo menos 4.000 horas do teu contido no último ano. Un limiar asumible para os principais creadores do país, como Olaxonmario, dono dunha conta centrada na divulgación da sociolingüística —e con algunha parodia desa visión dos gaiegos riquiños—, Baia Fernández, que tira dun humor máis universal nos seus shorts, e Daniel Cabo, xornalista deportivo ao cargo do Non Vale Furar, principal altofalante do fútbol galego na plataforma — aí aí cos rapaces de Fica Coa Bola.
Pero ollo, porque aínda que as youtubeiras e os youtubeiros superen xa a barreira que lles marcan en California os cartos non entran a eito. No caso de Páramo, por exemplo, o problema está nos dereitos de autor que mandan sobre moitas das cancións parodiadas. “Xa se sabía”, explica Iván, “así que non me queixo”. “Das webseries si sacamos algo de vez en cando, para algún capricho”, engade. “Cobrar de Youtube aínda non cobrei”, incide tamén Daniel Cabo, que dous anos e 100 vídeos despois suma xa 1100 subscritores no NVF. O caso é paralelo en Mario e Baia: para un chalé en Toralla ou Riazor aínda non dá.
Youtube retribúe as súas creadoras e creadores a partir da publicidade aloxada nos vídeos. O problema está en que o modelo de pago do algoritmo é, por dicir, un pouco escurantista. Nin a Forbes acerta a dicir canto dá exactamente unha visualización. Youtube, naturalmente, queda cunha parte dos beneficios; e, ademais, non permite retirar os ingresos ata que sumen o equivalente a 100 dólares.
“Para que che compense”, explica Baia Fernández, “hai que dedicarlle moito tempo e ir seguindo as pautas que eles [Youtube] che poñen; é dicir, que cousas están penalizadas e cales te posicionan mellor. A conta ten que estar continuamente medrando, e non chega con ter moitas persoas seguidoras. Esa é unha escravitude á que eu me nego”, engade a creadora.
MÁIS ALÁ DAS VISUALIZACIÓNS
Por iso cada vez máis se opta por algunha das formas alternativas de monetización. Fala Mario: “En Youtube hai que saber moverse, como en todo. Tes que buscar moitas fontes de financiamento, non podes pretender vivir só das visualizacións. Ao mellor un día sáeche un vídeo cun millón pero despois pasas tres meses con 50.000. Por iso hai que diversificar de onde veñen os ingresos”.
A opción máis habitual é pasar do mecanismo de Youtube e poñer publicidade de forma directa nos vídeos, ben sexa coando un produto neles ou compartindo un enlace patrocinado na descrición —que deixa unha pequena comisión do anunciante—. “Esa é unha alternativa moi boa”, explica Daniel Cabo, que xa fixo algunha incursión neste modelo. “Hai moitas empresas que estarían interesadas en canles como a nosa”, incide.
YOUTUBE COMO “ESCAPARATE”
Tampouco hai que desanimarse, porque aínda cando vivir directamente de Youtube sexa difícil, a plataforma pode propiciar moitas novas oportunidades para o mundo laboral. É o caso de Baia, que dende hai anos ofrece sesións de risoterapia nun ton parecido ao dos seus vídeos na plataforma. “O 98% da clientela que vén á consulta ou chama para un traballo coñeceume a través dos vídeos. É dicir, que de venda directa non me funciona pero si axuda a xente a coñecer o meu traballo”, explica.
O mesmo pensa Mario: “[Youtube] pode ser un escaparate das túas habilidades, tanto para facer vídeo como para escribir ou falar. Ao final é unha actividade que require moitas habilidades que son útiles para o conxunto da comunicación”. No seu caso, a visibilidade amasada nos últimos anos xa lle valeu algunha oferta dos medios galegos para facer parte dos seus programas —polo momento declinada para seguir estudando.
“POR AMOR Á ARTE”
En fin, se todo o anterior falla sempre quedará a posibilidade de pasar a boeta virtual do Patreon e rogar algunha contribución da fiel audiencia. Aínda así, as persoas entrevistadas teñen claro que non foron os cartos o motivo polo que empezaron a crear… nin o que as fai seguir.
“Eu sempre fun youtubeiro”, explica Mario, que segue á fronte da conta para “condensar as miñas opinións argumentadas e ben escritas” no canto de explicalas unha e outra vez a cada persoa que llas pida. O caso é paralelo en Daniel, combinando a xestión do NVF co traballo na prensa deportiva do país. A este fío engade Baia: “o meu obxectivo en Youtube non é cobrar senón compartir”. E xa por último, Iván, de Páramo —en estoica conformidade coa desmonetización— deixa unha frase perfecta para pechar este artigo: “Nós estamos por amor á arte… e de carallada. Para pasalo ben”.