Youtubeir@s alcanzou a súa segunda edición coa vontade de promover e visibilizar o uso do galego no YouTube -a rede social de vídeos máis grande do mercado dixital- con vídeos de opinión e videotitoriais. Baixo o lema “Mostra @ youtubeir@ que levas dentro!” promóvese fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dun novo axente con gran repercusión e impacto social como son @s youtubeir@s.
As persoas que formaron parte do xurado nesta edición foron Adrián Dios, Anxos Sobriño, Estela Romasanta, Iván Capón e Laura Cruxeiras. Encargáronse de avaliar as inscricións ao certame, que sumaron un total de 229 vídeos e 25 canles, das que resultaron oito propostas premiadas.
O Teatro Colón da Coruña acolleu na tarde do día 20 de abril de 2018 a gala de entrega de premios da man da compañía teatral A Panadaría, formada polas actrices Ailén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro.
Esta edición estivo organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de A Baña, Ames, Carballo, O Grove, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
PALMARÉS PREMIOS YOUTUBEIR@S 2018
- Premio Vídeo-Facermos: As Cousas do Choio por “Como escaquearse dunha comida familiar”
- Premio Vídeo-Opinarmos: XeoClip por “A expedición Balmis e a vitoria da vacinación”
- Premio Creatividade: Moustache Media Producciones por “Os cazapantasmas”
- Premio Eficiencia Comunicativa: Aquel-e por “O GALEGO FERMOSO (e o que non o é tanto)”
- Premio Calidade Lingüística: Xosé Iglesias por “Reivindicación oceánica!!!”
- Premio Calidade Técnica: Aarón Vilariño por “VIAXAR”
- Premio Canle: Nubes Baixo Ti
- Proposta Youtubeira: As Cousas do Choio por “Como dar cartos ás agachadas”
GALERÍA DE IMAXES
Fotos Pilar Abades.