Youtubeiras+ é unha iniciativa para a promoción do talento en galego nas redes que xorde no ano 2015, no marco do IX Curso de verán de dinamización lingüística “Traballando en lingua”, organizado pola Universidade da Coruña en colaboración coa CTNL e a SXPL e dedicado á mocidade. Paseniño fóronse sumando diferentes entidades coa vontade de promover e impulsar o uso do idioma e a creación de contidos en lingua galega na Rede.
Hoxe forman parte deste proxecto máis dunha ducia de organismos públicos: os concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
Youtubeiras+ xorde co principal obxectivo de incrementar e pór en valor a presenza do galego en Internet e as redes sociais. Velaquí outros obxectivos máis específicos do proxecto:
- Incentivar a creación de contidos en galego nas diferentes redes sociais, con novas temáticas e novos perfís de persoas creadoras.
- Promover referentes da creación de contidos en galego entre a sociedade galega e mostrar a potencialidade da nosa lingua na Internet.
- Fomentar o consumo de contidos en galego a través da rede.
- Incrementar os públicos para lograr unha comunidade cada vez máis ampla e diversa, que poida ter de referencia os contidos en galego das redes sociais.
- Consolidar e facer medrar a comunidade de persoas vinculadas ao proxecto.
O nome orixinal do proxecto foi Youtubeiras até o ano 2024, en que se mudou para Youtubeiras+ ao engadir a rede TikTok na oitava edición.
Alborota o algoritmo

O lema da novena edición está pensado baixo a idea de espallar a creación de contidos en galego nas redes, co que buscamos levar adiante unha edición irreverente, que non só rompe as barreiras das redes, senón que tamén racha co algoritmo, que determina como e que contidos se mostran na Rede, invisibilizando o noso idioma e penalizando as persoas que crean contidos en galego.