Saltar ao contido
Youtubeiras+ > Sobre Youtubeiras+

Sobre Youtubeiras+

Youtubeiras+ é un programa de dinamización lingüística colaborativo, organizado a través dos servizos de normalización lingüística de diversos concellos, da Deputación da Coruña e das tres universidades galegas, co obxectivo central de promover e visibilizar o talento en galego nas redes.

A iniciativa xorde no ano 2015, no marco do IX Curso de verán de dinamización lingüística “Traballando en lingua”, centrado nas mudanzas e afianzamentos lingüísticos na mocidade e organizado pola Universidade da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e co Concello de Carballo.

Paseniño, técnicas e técnicos de normalización lingüística fóronlle dando forma á iniciativa e conseguindo xuntar diferentes entidades coa vontade de fomentar e impulsar o uso do idioma e a creación e consumo de contidos en lingua galega na Rede.

Hoxe forman parte deste proxecto máis dunha ducia de organismos públicos: os concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Despois dunha década de traballo a prol da creación e visibilización de contidos en galego, Youtubeiras+ chega á súa décima edición, na que se establecen unha serie de obxectivos específicos coa idea de achegarnos a novos públicos e reivindicar a todas as persoas que crearon e/ou crean en galego:

  • Apoiar a creación de contidos en galego nas diferentes redes sociais.
  • Fomentar o consumo de contidos en galego na Rede.
  • Consolidar o proxecto de Youtubeiras+ como lugar de encontro para as persoas que crean contido en galego.
  • Homenaxear a traxectoria das persoas que crean contido en galego.
  • Facer medrar a comunidade youtubeira.
  • Tecer redes e vincularse con iniciativas que perseguen obxectivos similares como o Carballo Interplay ou Galetiktokers.