Saltar ao contido
Youtubeiras+ > III Edición | 2019

III Edición | 2019

Co lema “Conéctate á comunidade e multiplícate!” comezou a terceira edición de Youtubeir@s, facendo fincapé na importancia de que haxa cada vez máis creadoras de contidos en galego na Rede, ao tempo que se quere fortalecer e incentivar a comunidade youtubeira que vai en aumento.

Brais Nogueira, Inés Salvado, Johana Paradelo, Nel Vidal e Tomás Lijó foron os encargados de poñer enriba da mesa os nomes das canles e vídeos premiados desta edición. Como membros do xurado, avaliaron os 252 vídeos e 32 canles presentadas nesta edición, un aumento paulatino da participación no certame e tamén dos contidos en galego no YouTube. Ademais de repartírense os oito premios designados polo xurado, como novidade desta edición, creouse o Premio do Público, ampliando a implicación do público co proxecto e o número de galardóns a nove.

A gala de entrega de premios tivo lugar o venres 29 de novembro de 2019 no Teatro Principal de Santiago de Compostela foi presentada, con moito humor, pola actriz Patricia de Lorenzo, quen se enfundou na pel da súa personaxe Isaura, da montaxe teatral Fillas Bravas, do Grupo Chévere. Ao longo da súa presentación foi acompañada pola música e o baile de Manu TF DJ e coa elaboración en directo dun grafitti por parte de Iria Fafián.

Esta edición estivo organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

PALMARÉS PREMIOS YOUTUBEIR@S 2019

GALERÍA DE IMAXES

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS