Saltar ao contido
Youtubeiras+ > VIII Edición | 2024

VIII Edición | 2024

Nesta nova edición, Youtubeiras renace como Youtubeiras+ ao abrir a participación ás persoas creadoras de contidos en galego en TikTok e crear novas categorías de premios. Baixo o lema “Fachenda ao cadrado” fíxose referencia ás dúas redes que se inclúen este ano no proxecto, pero tamén se buscou reivindicar o orgullo pola nosa lingua e mostrar ao público a fachenda que sentimos de vivir en galego e atopalo en todos os ámbitos da nosa vida.

Andrea Villa, Carlos Callón, Mónica Valencia, Sara Varela e Iago Gordillo formaron parte dun xurado que visualizou os máis de 19.720 minutos de contidos en galego creados polas 89 canles presentadas nesta edición (40 de TikTok e 49 de YouTube). Tamén se encargou de ratificar o premio do público para o que se propuxeron 41 vídeos, entre os que se repartiron os 5.056 votos emitidos.

O 1 de febreiro de 2025 Javi Sánchez conduciu a gala de entrega de premios desta edición, celebrada no Pazo da Cultura de Narón. O evento foi amenizado por De Ninghures e a Charanga Tradicional Alxibeira puxo o punto final ao mesmo. Ademais, nesta edición contamos cun extra de actividades: Celebrouse un Fiadeiro Dixital con Toxío, para comezar a crear contidos na Rede e tomamos un aperitivo previo á gala cun directo en redes sociais para o que contamos con Gabri Fuentes.

Esta edición estivo organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

PALMARÉS PREMIOS YOUTUBEIRAS+ 2024

GALERÍA DE IMAXES

Fotos Aqueladas.