Saltar ao contido
    Youtubeiras+ > Novas > novas > XA ESTÁN AQUÍ OS OBRADOIROS DE CREACIÓN DE CONTIDOS DE YOUTUBEIRAS+

    XA ESTÁN AQUÍ OS OBRADOIROS DE CREACIÓN DE CONTIDOS DE YOUTUBEIRAS+

    Queremos encher a rede de contidos en galego! Por iso, xorden os obradoiros de creación de contidos Youtubeiras+, con vontade de axudar a adquirir as habilidades prácticas e estratexias para xerar contido de impacto.

    Están dispoñibles para alumnado de centros de ensino, docentes ou a público xeral (centros socioculturais, casas de mocidade, asociacións veciñais…) e desenvólvense, baixo demanda, entre os meses de maio de 2025 e marzo de 2026.

    Obradoiros para centros de ensino

    Sesión eminentemente práctica que xira ao redor de dinámicas participativas nas que aprender través da experimentación, o traballo en grupo e a creatividade colectiva. Algunhas destas dinámicas inclúen: reacción e análise de contidos, desafíos creativos, dobres perspectivas, cambio de formato etc.

    Ofrecemos dous posibles formatos de sesión co obxecto de adaptarnos aos diferentes niveis e perfís do alumnado:

    • Obradoiro introdutorio de 50 minutos: Damos a coñecer as bases mínimas para comezar a crear contido e analizamos cal é o material necesario, o plan de acción a desenvolver, as diferentes temáticas e formatos etc.
    • Obradoiros completo de 100 minutos: Pomos en práctica a estratexia de creación de contido, centrada en aspectos como a identificación de intereses e público obxectivo, análise das posibilidades creativas ou estruturación dun guión.

    Obradoiros para docentes

    Mostramos ferramentas ao profesorado que lles permitan comprender e integrar as redes sociais e a creación de contidos na aula como recursos educativos.

    • Duración: 50 minutos
    • Contidos: Traballamos ao redor do panorama actual das redes sociais (formatos, linguaxes etc.), falamos da creación de contido educativo, das boas prácticas e da seguridade en redes.

    Obradoiros para público xeral (a través de centros socioculturais, casas de mocidade, asociacións veciñais e entidades similares)

    Acompañamos aquelas persoas que queren comezar a crear contido de calidade con impacto e estratexia. Traballaremos sobre a identidade dixital, a diferenciación dentro do ecosistema dixital e a planificación de contido a medio e longo prazo.

    • Duración: 100 minutos
    • Contidos: definición da identidade dixital, análise de contidos e tendencias, estratexia e planificación, técnicas para mellorar a calidade dos contidos, interacción e construción de comunidade.

    E para isto contaremos co mellor equipo docente posible:

    Nuria Espasandín e Sergio Casal. Toxío: Profesionais da comunicación nos ámbitos da fotografía, o vídeo e a xeración de contidos web e en redes socias. No ano 2019 crean Toxío, un espazo de creación de contido para amosar a súa maneira de ver o mundo e que ten como piares fundamentais as viaxes, os dereitos humanos e o veganismo.
    Premio Calidade Técnica 2021 e Premio Canle en 2022 de Youtubeiras+

    Laura Veiga. Pingando: Xornalista, sexóloga e divulgadora a través da súa canle Pingando, centrada en educación sexual e divulgación sobre o ciclo menstrual. Leva anos traballando na divulgación máis alá das redes, fai desde obradoiros en escolas até formacións para profesorado e empresas, pasando por relatorios e espazos de diálogo.
    Premio Pioneiro 2022 de Youtubeiras+

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *