Na novena edición contamos cun xurado de luxo, entusiasmado por revelar as mellores canles e creadories de contidos de 2025.

Carlos Pereiro
Xornalista e comunicador de videoxogos
Comunico e fago un chisco de todo no Concello de Pontevedra, amais de ser o vicepresidente da Fundación MUVI (Museo de Videoxogo da Galiza) e voz no falangullo Baleiro Perfecto. Tempo atrás palillei en xornais, falei e escoitei na radio, argallei no CCG e creei a Revista Morcego, onde fixemos unha chea de cousas sobre videoxogos. Tiña o total convencemento de que consumir milleiros de horas en YouTube, Twitch, Ivoox e outras canles tería a súa recompensa, tal e como é formar parte dun xurado que fará mergullo nese valioso contido que facemos na nosa lingua. Tamén gozo dun serio problema coas guitarras e toda a cacharrada que rodea o mundo dese fermoso instrumento.

Jon Amil
Médico e presidente da AGAL (Associaçom Galega da Língua)
Como disque a nossa língua está a morrer, na AGAL decidírom escolher-me a mim, que sou médico, como presidente. Contudo, o meu diagnóstico é bastante optimista. Temos muitíssima gente galega fazendo cousas maravilhosas pola internet adiante, só nos falta acabar de derrubar de vez os preconceitos e os valados mentais. Porque, por cada persoa que comenta “no te entiendo habla en español”, existem vinte persoas brasileiras dispostas a comentar “nossa entendi tudo o galego é bem parecido com o português do Brasil”.

María Rúa
Creadora de contidos
Ei!! Son María Rúa (Ourense, 2000), tamén coñecida como Prado Rúa. Son unha creadora de contido galega e en galego (orgullosamente!). Gradueime en Educación Infantil (UVigo) e en Pedagoxía (USC), pero en abril do 2020 déuseme por comezar a subir vídeos ás redes sociais. Aínda que nos inicios non tiña moi claro onde quería chegar, sabía que quería facer o contido que desfruto na nosa lingua: cultura, lifestyle, vlogs, recomendacións e todo aquilo que me apeteza e me apaixona. Hoxe podo dicir que me adico profesionalmente a isto, aprendendo e desfrutando día a día. Chau ata o vrau!

Mónica Fernández
Técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense
Son técnica de normalización lingüística no Concello de Ourense e moi ligada ao proxecto desde os seus inicios.
No meu tempo libre gústame ler, pasear polo monte co can, andar nas foliadas e botar unhas risas coas amizades. Valoro moito nas creadoras de contido a súa espontaneidade e naturalidade; traten o que traten, se o fan con entusiasmo, captan a miña atención. Tamén valoro a orixinalidade, que aborden temáticas novidosas e que estea desexando que suban unha nova publicación.
E, ollo! Vou reparar na lingua, na súa calidade e diversidade.

Uxío Broullón
Ilustrador e deseñador gráfico
No 2006, co meu proxecto areias:sonoras, fun un dos primeiros en producir podcasts en galego. Promovín, xunto a Isaac González, o directorio Podgalego. Gústame que haxa canta máis diversidade de contidos mellor, mesmo de temas que non me interesan. É moi importante para normalizar o uso da lingua, para chegar a todo tipo de público e para crear referentes para quen veña detrás.