Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

Entrevista a Paramo Pictures

“Había moita parodia musical noutros idiomas pero pouca en galego. Supoñemos que o noso éxito se debe en boa parte a isto”

Nome da canle: Páramo Pictures

Nº de persoas subscritoras: 44.500

Iván Capón, Daniel Moreiras e María Jóse Portero son as persoas que están detrás de Páramo Pictures, canle que leva case unha década en activo e que conseguiu expandirse pola rede coas súas versións musicais en galego. Dende os primeiros vídeos: “Alcolitos", "Bertolina”, “Vou estalar, o Gangnam Style Galego” ata o máis recente “Oles moito a xel” suman millóns de visualizacións ocupando medios de gran repercusión. Verdadeiros exitazos musicais! Cal é o segredo tras da canle? Como artellan o traballo creativo as cabezas pensantes desta exitosa canle en galego?

Por algún motivo no se a completado la carga de la galeria, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

Como pasades de vivir no Páramo a crear Páramo Pictures?

Vivir non vivimos no Páramo. O Páramo é o concello de nacemento de María, a nosa compoñente feminina. Firmabamos as nosas producións caseiras polo xogo de palabras e ao final titulamos así a canle.

Que equipa hai detrás da vosa produción?

Somos Iván Capón (@RamonDeFaxarda) que fai as labores de realización e montaxe, Daniel Moreiras (Berto de Folgueira) e María José Portero (Lina de Faxarda), que se ocupan ademais das labores de produción. As tarefas artísticas sempre foron compartidas, sobre todo ao principio.

Dende “Vou estalar”, o voso primeiro vídeo, a “Oles moito a xel”, último lanzamento, van xa 7 anos. Como foi este percorrido?

Parece que fora menos! Como non nos dedicamos a isto profesionalmente, non temos noción de que pasara o tempo. Os comezos foron máis intensos, xa que nos divertía ver ata onde chegaba esta broma. Despois de ir á TVG vinte veces e de ata saír nas noticias de Telecinco a nivel nacional, xa nos relaxamos un pouco. Agora mesmo para nós é unha afección que temos aí gardada e que sacamos cando temos tempo, como ocorreu no recente confinamento.

Facedes versións de cancións moi coñecidas pero á hora de subir o contido ao Youtube, como se xestionan os dereitos musicais nesta rede social? Houbo algunha anécdota que poidades compartir?

Anécdota pouca. YouTube mándanos unha mensaxe dicindo que tal vídeo non é apto para a obtención de ingresos, e que todos van a parar ao propietario dos dereitos da música que utilizamos. A partir de aí o vídeo segue colgado na canle sen maior problema.

Seica agora mesmo YouTube permite compartir as ganancias, o cal parece máis xusto xa que o único que collemos prestado é unha base musical. Pero nunca nos preocupamos moito disto porque para catro duros que sacamos non paga a pena o esforzo.

“Os comezos foron máis intensos, xa que nos divertía ver ata onde chegaba esta broma“

 

“Agora están máis de moda os microvídeos estes de Tik Tok que vídeos longos coma os nosos. Pero nós non nos imos meter niso de momento porque temos alerxia aos vídeos en vertical"

A retranca e o humor, a través da música, é a marca da casa. Neste punto, o galego, tamén o é. Sería posible facer esta canle noutro idioma e obter os mesmos resultados?

Cando empezamos a facer isto vimos que había moita parodia musical noutros idiomas pero pouca en galego. Supoñemos que o noso éxito se debe en boa parte a isto. Claro que nós non contabamos con ningunha plataforma como Roberto Vilar ou os Morancos para promocionarnos. Pero cunha boa idea calquera idioma vale. Só é necesario unha boa posta en escena e elixir un medio que vaia cos tempos, por exemplo, agora están máis de moda os microvídeos estes de Tik Tok que vídeos longos coma os nosos. Pero nós non nos imos meter niso de momento porque temos alerxia aos vídeos en vertical.

O videoclip de Bertolina conta 2,7 millóns de reproducións e a vosa canle ten mais de 45.000 persoas subscritoras. Que consellos daríades á comunidade youtubeira que está a crear en galego?

Ninguén ten a chave do éxito e se alguén di que a ten, minte miserablemente. Son moitos os factores a ter en conta. Unha das claves dos nosos videoclips é que ao vir todos do mundo da pachanga, temos formación musical e as nosas cancións déixanse escoitar unha e outra vez. Ao contrario do que pasa con moitas outras parodias que aínda que sexan moi ocorrentes, non son agradables ao oído. Creo que somos os únicos parodiantes que se teñen escoitado en pubs e discotecas! O dito, o importante é facer algo orixinal que non estea moi trillado, ser natural e pasalo ben.

Que plans de futuro hai en Páramo Pictures?

Non temos plans de futuro. Agora mesmo Daniel Moreiras leva un par de anos apartado do proxecto e o resto imos facendo algunha cousa que se nos ocorre no momento, con calma e sen presa. Así que tanto podemos poñernos a facer vídeos coma parar definitivamente, pero despedirnos de momento non temos pensado.

“O importante é facer algo orixinal que non estea moi trillado, ser natural e pasalo ben”

 

 

COMPARTIR