Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

TIKTOK E TWICHT: O GALEGO MÁIS ALÁ DO YOUTUBE

O TikTok e o Twitch son sen dúbida novos espazos de comunicación, creación e sociabilidade que están en plena efervescencia. Entraron derrapando nas nosas vidas e nestes lares tamén se coce moito contido que paga a pena atender.

Nestas redes sociais, con cada vez maior presenza, tamén se xera comunidade de creadores e creadoras na nosa lingua para darlles visibilidade a outro tipo de contidos e conquistar lugares nos que normalizar o uso e o recoñecemento das linguas non hexemónicas na Rede. Neste contexto nacen diferentes comunidades de activismo dixital como, por citar algúns, Podgalego, Twitch en galego, Instagram en Galego, Twitter en galego, TikTok en galego, Mallando no Android ou Youtubeiras.

Falamos de todo un pouco con Agos Reigosa e con Carlos Vieito, dous cibermilitantes da lingua, integrantes de diferentes comunidades catalizadoras de frescura e de enxeño en estado puro nestas redes sociais!

 

AGOS REIGOSA E CARLOS VIEITO

 

BREVE CUESTINARIO

Agos Reigosa

Que redes usas máis?: Twitter polas novas e para saber do mundo, Instagram polo bonitísmo e Reddit para todo.

Cal é a túa youtubeira/o preferida/o?: No primeiro que penso sempre é O Son das Ideas, pero non mencionar Lobeira Today que é como mencionar 50 canles paréceme imperdoable.

Que botas de menos no Youtube en galego?: Eu son moito de tecnoloxía, de aparellos, trastos e unboxings, e vendo que no futuro ata os coches van ser ordenadores con rodas gustaríame ver algunha canle que afondase nestas temáticas.

A última alegría do Youtube en galego?: Por fin verlle a cara a Darío Lago

Menciona a conta de calquera rede social para botar unhas risas: Os chistes da conta de Twitter de Jon Amil, presidente do Galituiter, son a miña fonte de felicidade.

 

Carlos Vieito

Que redes sociais usas máis?: Diría que TikTok e Twitter.

Cal é a túa youtubeira/o preferida/o?: É difícil, mais quédome co Aquel-e porque foi o primeiro youtuber que chegou a min cunha canle integramente en galego e falando de temas que me interesan. Diría moitas máis canles.

Que botas de menos no Youtube en galego?: Contido que non teña que ver unicamente co galego. Está xenial crear contido reivindicativo a prol da lingua, mais boto en falta ver contido que sexa narrado en galego, porque si, e que o interesante sexa o contido e non a lingua.

A última alegría do Youtbe en galego?: Descubrín unha canle que é 'Galiza en pé' e gústame a naturalidade coa que Adriana sobe o seu contido.

Menciona a conta de calquera rede social para botar unhas risas: Ui, para botar unhas risas non che sei, mais hai unha conta en Instagram que é para chupar nos dedos, chámase Medialaranxa e ademais de ensinar receitas boísimas, axuda a mellorar o vocabulario.

 

TWITCH EN GALEGO

 

Agos é un dos creadores, xunto con outras oito persoas,  de Twitch en Galego, un proxecto que agora mesmo aglutina 92 canles e máis de 10.000 seguidores/as únicos/as. “É unha iniciativa para que Twitch recoñeza o galego como lingua na plataforma e nos permitan etiquetar as retransmisións no noso idioma. Intentamos ser un medio para dinamizar a lingua nun espazo de “recente creación” onde sentimos que debemos estar e que non temos a presenza que merecemos.” comenta Agos. “Púxenme a buscar canles e creei un bot que avisase cada vez que cada unha destas canles que ía atopando comezaba unha emisión, así empezou a conta de Twitter de @galegotwitch” que a día de hoxe comparte todos os contidos novos de streammers en galego.

 

“Hai unha gran variedade de contidos que se emiten todas as semanas e cunha gran calidade”

 

Twitch en Galego é unha comunidade moi heteroxénea onde se xunta toda a xente que emite en Twitch “para que sexa máis sinxelo mellorar e medrar”. A acollida foi moi exitosa, tal e como valora Agos “o crecemento foi absoluto”: ao comezo, en agosto de 2020, só había 5 canles que emitisen en galego, un ano despois xa conta con 92 canles. Aínda que a temática estrela seguen a ser os videoxogos, “hai unha gran variedade de contidos que se emiten todas as semanas e cunha gran calidade”, engade. 

 

“Penso que en cinco anos o Twitch terá unha madurez como a ten agora o Youtube”

 

Twitch en galego conta cun repositorio de creadores e creadores en galego na súa web en constante actualización e crecemento. “Somos unha comunidade moi agradecida e que recibimos cos brazos abertos a todo o mundo que ten unha canle e emite. Tamén a quen o pasa ben vendo os directos ou a quen se quere pasar polo noso servidor de Discord”, conta Agos, quen cre que aínda faltan referentes galegos tanto no TikTok como no Twitch pois “o uso que a sociedade fai das redes avanza moito máis axiña do que o está facendo o noso idioma”. Aínda así, prognostica un bo futuro para Twitch en galego que di que “estará en 5 anos onde está agora o Youtube, cunha madurez e unha variedade de contidos moito maior, con novos referentes e outros xa asentados, con novas xeracións dándolle usos que ata agora non viramos”.



TIKTOK EN GALEGO

 

No outro lado da Rede tamén está Carlos Vieito, un rapaz de Santa Comba que cando quixo configurar o seu Twitter en galego e non puido comezou a súa loita, un camiño “longo pero fermoso” tal e como el o describe. Carlos creou as contas de Twitter en galego e Instagram en galego pola necesidade de querer vivir na súa lingua. Asegura que a acollida destas iniciativas foi moi ilusionante e con moita xente á volta e aspira tamén a chegar a aquelas persoas “que aínda non teñen unha conciencia máis profunda sobre a cuestión lingüística, explicarlles que é o que se reivindica e se se animan a formar parte deste lindo movemento, que é o da defensa do noso idioma”.

 

“Por primeira vez un movemento ciberactivista a prol da lingua lograba que unha multinacional cedese ás demandas dun colectivo”

 

Para Carlos e o movemento Twitter en Galego, o ano 2013 foi un antes e un despois, pois “por primeira vez un movemento ciberactivista a prol da lingua, que aglutinaba tantas persoas distintas, lograba que unha multinacional estadounidense cedese ás demandas dun colectivo”. 

Isto é un non parar! Na actualidade, Carlos tamén iniciou unha nova reividicación, conxuntamente coa Mesa pola Normalización Lingüística, con TikTok en galego. Declárase fan de toda a imaxinación da xente que fai vídeos nesta canle e resalta a calidade e a creatividade dos contidos. Algunhas das canles que nos recomenda son as de pradorua, letidataberna, gabiig8 ou fatimapego. “Esta rede social está botando por fóra e seguirao facendo e iso significa que a mocidade está nesta plataforma.” comenta. 

 

“Atrévome a dicir que estamos á altura dunha nova revolución como foi a literaria, en que hai un desexo de experimentación, de novas formas e contidos”

 

Grazas a iniciativas como as de Carlos, por fin podemos ter a nosa aplicación tamén dispoñible na nosa lingua, igual que o TikTok ou o Instagram. Aínda que TikTok xa recoñece linguas como a galega “non se está a desenvolver ningunha acción para permitir configurar esta aplicación en galego” reinvidica Carlos. “Hai que facer uso da lingua e reclamar. Atrévome a dicir que estamos á altura dunha nova revolución como foi a literaria, en que hai un desexo de experimentación, de novas formas e contidos”, conclúe.

O panorama de creadores e creadoras dixitais vai moito máis aló do Youtube ou do Instagram, o panorama muda constantemente con novos códigos e linguaxes e novas comunidades que sosteñen esa creación e a alimentan. Alí onde hai un novo oco na Rede xérase unha nova enorme oportunidade para a lingua! Que medre a Rede!

 

 

 

COMPARTIR