Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

BREVE CUESTIONARIO (OU NON): XS GAÑADORXS DOS PREMIOS YOUTUBEIRAS 2021

Diversa, plural, sa, crecente, potencial, adaptable, dinámica, combativa, creativa, voluntariosa…, así definen a comunidade youtubeira as persoas gañadoras desta edición. Se queres coñecer un chisco máis sobre elas, non perdas as respostas que deron neste cuestionario!

 

 

PREMIO CANLE | O SON DAS IDEAS 

Se foses un personaxe de animación, cal serías?

Imaxino que aquí o propio sería dicir alguén mítico do Xabarín, como Detective Conan, Luffy ou algo así. Pero iso é unha liada, porque normalmente esas personaxes teñen pasados moi “chungos” e enfrontan inimigos que rozan o absurdo. Así que creo que quedaría con alguén de Haikyuu, porque gosto moito de xogar ao volei-praia, pero non se me dá moi ben.

Con que canles do Youtube en galego perdes a noción do tempo?

O contido que consumo no YouTube muda moito dependendo da época. Agora mesmo estou a tope con "Neeumatiko", con "AstroXabi" e con "Lilium".

Que contido das redes non podes deixar de ver e che dá vergoña recoñecer?

Ás veCes procrastino durante moito máis tempo do que me gustaría admitir vendo "gameplays" dalgúns xogos. Non digo que teña nada de malo, mais ás veces métolle máis tempo do que debería.

Describe en tres palabras a comunidade Youtubeira.

Co doado que é en tuiter descontextualizar mensaxes debido ao límite de 280 caracteres… Mais se insistides: "Precariedade con potencial".

 

PREMIO VÍDEO E PREMIO YOUTUBEIRA/O | OLAXONMARIO

Se foses un tópico galego, cal serías? 

Que los gaieguitos hablando cantando, porque non hai nada máis triste que escoitar tan pouca diversidade lingüística como para que che pareza graciosa a fonoloxía doutras linguas. 

Con que canles do Youtube en galego perdes a noción do tempo? 

Toxío e Cousas RarisASMR ou algo así. 

Que contido das redes non podes deixar de ver e che dá vergoña recoñecer?

Fago un esforzo consciente de liberarme da culpa como tal, porque é un valor xudeo-cristián que considero que debe ser erradicado da nosa sociedade, mais, se tivese que dicir algo, serían os comentarios de 'odio', a xente non entende nada xd. 

Describe en tres palabras a comunidade Youtubeira. 

Dinámica, adaptábel e porquinha.

 

 

PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA | NEEUMATIKO

Se foses un personaxe literario, como serías?

Seria alguém nom-binárie, neurodivergente, nove, que emprega o pronome neutro elu e é ume queixicas. Algo difícil de encontrar na literatura atual apesar de nom ser assim tam raro na realidade. Também seria alguém insegure que graças à comunidade continua adiante. :)

Con que canles do Youtube en galego perdes a noción do tempo?

Astroxabi, Todomalva gz, Coidado coa cadela, O son das ideas

Que contido das redes non podes deixar de ver e che dá vergoña recoñecer?

Vídeos e fotos de animalinhos.

Describe en tres palabras a comunidade Youtubeira.

Diversa, crescendo, acolhedora.

 

PREMIO IMPACTO | PABLO RODRÍGUEZ VILAS

Se foses un trámite administrativo, cal serías?

Isto para min é coma escoller o fillo que máis queres. Vivan todos os trámites administrativos! Sobre todo os que son tan complexos que nin a propia Administración entende.

Con que canles do Youtube en galego perdes a noción do tempo? 

A verdade é que non teño canles favoritas e, como intento subscribirme a todas, déixome levar polas propias recomendacións do Youtube, que agora mesmo que acabo de entrar son Anxo Sánchez, Esbardalhando e O son das ideas.

Que contido da rede non podes deixar de ver e che dá vergoña recoñecer?

Non me dá vergoña recoñecelo porque o vou comentar a continuación, mais si que é certo que non comento con ninguén que son moi fan dos vídeos de accidentes de coches, motos ou camións.

Describe en tres palabras a comunidade Youtubeira. 

Somos as mellores!

 

 

PREMIO CALIDADE TÉCNICA | TOXÍO 

Se fósedes un lugar de vacacións, cal sería a vosa localización?

Se fósemos un lugar de vacacións, desde o corazón diriamos que somos un paraíso tropical do estilo de Goa, pero sendo sinceras sabemos que somos un sitio máis frío e verde, como Irlanda.

Con que canles do Youtube en galego perdedes a noción do tempo?

Mentiriamos se non dixésemos que onde máis se nos vai a noción do tempo non é pensando, preparando e editando os nosos propios vídeos.

Que contido das redes non podedes deixar de ver e vos dá vergoña recoñecer?

Non destacamos por ter moita vergoña, pero entre as cousas máis curiosas que vemos están os vídeos de preparación de tortas en miniatura. Si, vídeos de xente facendo tortas do tamaño dun polgar.

Describide en tres palabras a comunidade Youtubeira.

Diversa, sa e con potencial.

 

PREMIO COMUNICACIÓN | ASTROXABI

Se foses un planeta, cal serías?   

A Terra, como vai haber outro mellor?!

Con que canles do Youtube en galego perdes a noción do tempo?

Neeumatiko e O Son das Ideas

Que contido das redes non podes deixar de ver e che dá vergoña recoñecer?

Vídeos de extracción de puntos negros e de axustes quiroprácticos. 

Describe en tres palabras a comunidade Youtubeira. 

Rica, diversa e potencial. 

PREMIO CREATIVIDADE | COUSAS RARISMASMR

Se foses un son, cal serías? 

Supoño que calquera son que produza ASMR, porque son unha persoa que sempre falou baixiño por defecto. Pero vou dicir que o de abrir unha lata de refresco, porque é dos meus sons favoritos.

Con que canles do Youtube en galego perdes a noción do tempo?

Con Olaxonmario, porque fala un pouco de todo e con humor, cos vídeos de Malva, sen dúbida, porque ainda que duren 40 minutazos pasan voando, e tamén cos de O Son das Ideas! Gustábanme moito a física e a ciencia en xeral no instituto, así que os seus vídeos me parecen nunha pasada e flipo sempre co curro de animación que levan detrás.

Que contido das redes non podes deixar de ver e che dá vergoña recoñecer?

Unha vez caes pola madrigueira do ASMR, creo que aprendes a que che deixe de dar vergoña o que consomes. Así que o que vos podo dicir é cal é a miña canle de ASMR favorita e que consumo todos os días sen excepción. Chámase ''Angelica'' e é unha escritora estadounidense que na miña opinión fai os roleplays máis bizarros e entretidos de todo Youtube. Un dos meus títulos favoritos seus é ''Dolphin Pufferfish Dealer Deals You Pufferfish (and Kills You)''.

Describe en tres palabras a comunidade Youtubeira. 

Diversidade, compañeirismo e en crecemento.

 

PREMIO MUSICAL | COUSXS


Se foses unha canción, cal serías? 

Sería Creeks de Bon Iver.

Con que canles do Youtube en galego perdes a noción do tempo? 

Con CousasRarismASMR.

Que contido das redes non podes deixar de ver e che dá vergoña recoñecer?

Non teño ningún que oculte…, pero diría que os xogos de medo ou de COD Warzone.

Describe en tres palabras a comunidade Youtubeira. 

Combativa, plural e creativa.



 

PREMIO DIDÁCTICO | XACOBO DE TORO

Se foses un glaciar, cal serías?

O glaciar Lambert da Antártida!

Con que canles do Youtube en galego perdes a noción do tempo?

Con A Lobeira today, O son das ideas, co #Dígochoeu da Televisión de Galicia, Cociñando ConCiencia, OlaxonMario

Que contido das redes non podes deixar de ver e che dá vergoña recoñecer?

Moitos! póñome a buscar un vídeo que me guste sobre un tema en concreto para min ou para poñelo na clase…, e remato vendo gatiños panza arriba que cantan, bailan  ou  fan pinchacarneiros cos elestrodomésticos, unha colección dos mellores  trompazos de sempre, e sobre todo vídeos alucinantes de tipos en taparrabos que constrúen casas con piscinas no medio da selva e, por suposto, sei que é unha trola monumental. Pero teñen algo hipnótico, sobre todo cando estrou traballando de madrugada. 

Describe en tres palabras a comunidade Youtubeira. 

Comprometida, colaborativa e diversa. 

 

PREMIO PIONEIRO | RECUNCHO GAMER

Se foses un personaxe de videoxogo, cal serías?

De ser, tal como son, encaixo nalgunhas cousas con Tails, o compañeiro de Sonic. Mais unha personaxe que me inspira é Aloy de Horizon Zero Dawn, con esa mirada limpa sen prexuizos e sen medo a seguir avanzando.

Con que canles do Youtube en galego perdes a noción do tempo?

Pois estou gustando moito ultimamente de GFFF - Galician Freaky Film Festival, que xunto A Corte do Director, pois xa temos para horas de contido de cine en galego. E tamén me perdo bastante no arquivo de César Galdo Paz e as súas restauracións.

Que contido das redes non podes deixar de ver e che dá vergoña recoñecer?

Vergoña, nunca; orgullo, sempre. Mais pode ser, pode ser, que consuma máis contido específico sobre a franquía de Sonic do que fose razoable.

Describe en tres palabras acomunidade Youtubeira. 

Crecente, diversa e voluntariosa.

 

PREMIO DO PÚBLICO | ORGULLO GALEGO

Se fósedes un mito galego, cal seríades?

Pois é unha resposta complexa, xa que a nosa mitoloxía é rica e variada e, polo tanto, é complicado sentirte representado por un. Quizais diriamos a moura, posibelmente a figura máis importante da nosa mitoloxía e que non se divulga o suficiente, pese a lle dar nome a multitude de lugares como fervenzas, castros, dolmens, petróglifos, pozos, penedos… Encántanos todo o que xira arredor da moura e temos como propósito poder divulgalo máis en 2022 tanto nas nosas redes sociais como mediante os directos de Twitch.

Con que canles do Youtube en galego perdedes a noción do tempo?

Son moitas as canles do Youtube en galego que seguimos, polo que tamén é complexo facer unha pequena escolla sen deixar atrás outras igualmente de importantes. Se tivésemos que destacar algunhas, esas serían A Lobeira Today, Fica coa Bola, Media Laranxa, Cousxs ou Rogelio Santos Queiruga

Que contido das redes non podedes deixar de ver e vos dá vergoña recoñecer?

Pois, a verdade, tampouco hai un contido concreto que vexamos e nos dea vergoña recoñecer. Si vemos cousas relacionadas coa conspiración ou incluso contido político radicalmente oposto ao que nós pensamos, por dicir dous exemplos, mais tampouco nos produce moita vergoña recoñecelo, he, he. 

Describide en tres palabras a comunidade Youtubeira.

Conciencia, divulgación e futuro.

 

COMPARTIR