Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

LINGUAS NON HEXEMÓNICAS NO YOUTUBE

 

Canal Malaia e Lletraferint: como impulsar as linguas non hexemónicas no YouTube

De que saúde gozan as linguas non hexemónicas no YouTube?, que trabas atopan?, e que oportunidades teñen?, como monetizar estas canles?, que se anda facendo noutros lugares a prol dos seus usos? Desta volta, cargamos ao lombo toda a nosa experiencia como galegofalantes e viaxamos telefonicamente ata a outra punta do Estado, Catalunya, para coñecer novos proxectos youtubeiros e recoñecérmonos en moitas dinámicas lingüísticas comúns. Falamos, concretamente, coa xornalista Clàudia Rius, unha das impulsoras do recentemente nado Canal Malaia, e co estudante de filoloxía catalá e youtubeiro Roc Aragonès, creador da canle Lletraferint.

Nun contexto dixital rexido polo paradigma da globalización urxe implementar estratexias para que as linguas non hexemónicas e minorizadas, como pode ser o catalán, o vasco ou o galego no noso ámbito máis achegado, consigan atraer xente moza a través da súa presenza na Internet, moi acaparada polas linguas dominantes. Cómpre, explícase Roc, “aspirar a que estas linguas traten todos os temas do mundo”, conectalas co ocio e non restrinxilas ao ámbito académico ou reivindicativo, se ben tamén “é lóxica a vinculación da lingua coa denuncia de situacións inxustas e que atentan contra a diversidade lingüística”. Roc Aragonès leva un par de anos facendo vídeos divulgativos ao redor de cultura, arte, literatura e lingua. Detrás de cada publicación hai moitísimo traballo, mais recoñece que “é complexo chegar a unha grande audiencia”. “Se alguén se quere dedicar profesionalmente, tería fortes dificultades”.

Por algún motivo no se a completado la carga de la galeria, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

A ESTRATEXIA DOS REFERENTES

Precisamente por isto, nunha ollada rápida á contorna, “observas moitísimos youtubers que falan catalán no seu día a día pero que, á hora de crear contido na Internet, de repente, cambian para o castelán”, fala agora Clàudia Rius. Á vista deste “baleiro”, ela e Arnau Rius decidiron aliarse con dúas persoas xa ben coñecidas entre o público novo catalán, Juliana Canet e Bru Esteve, para botar a andar un proxecto que normalizase o uso da lingua nas redes: Canal Malaia. Así, conseguiron “cortar” o plano discursivo no que moitas veces nos asentamos e levar á práctica a estratexia da creación de referentes: “A idea de Malaia non é agrupar toda a xente que publica vídeos en catalán, senón seleccionar un grupo pequeno de influencers que vemos que funcionan, motivalos para crear vídeos, que sirvan de referencia para os demais e que, a partir de aí, de maneira natural, se creen tantos youtubers como sexa necesario. Non podemos solucionar os problemas do catalán creando grandes discursos, hai que impulsar tres referentes e romper  as lóxicas desde a simpatía”.

O proxecto, que agora mesmo xunta uns 15 youtubers, levaba tempo cociñándose, pero saíu do forno xusto cando agromou a polémica creada en torno á conversión lingüística ao castelán do youtubeiro mallorquín Miquel Montoro, decisión que provocou certo desencanto na comunidade virtual catalá. Se ben agora o mozo está regresando á lingua materna con subtítulos en castelán, este caso evidenciou a causa do abandono do idioma por parte de moita mocidade dixital: as aspiracións de proxección masiva ou, nestes casos mínimos nos que se alcanza, as presións do público global.

AS OPORTUNIDADES DOS NOSOS MERCADOS

Fronte á asumidísima idea de que para triunfar hai que falar unha lingua hexemónica, Canal Malaia lanza a súa contrarresposta: a lingua tamén pode ser a clave para “diferenciarse” fronte a un mercado español moito máis saturado onde triunfar coma Miquel é profundamente complicado. Neste sentido, Malaia arranca novas propostas: “O discurso que lle transmitimos á mocidade é o de que poden ocupar un espazo onde hai menos competencia e onde se poden converter máis facilmente nunha cara visible”. 

Polo tanto, as oportunidades do mercado catalán, que tamén se poden extrapolar ao caso galego, están no valor da distinción, na proximidade que a lingua propia pode evocar na audiencia, e nos códigos culturais compartidos que reforzan este sentido de complicidade, tal e como apunta o informe Català, youtubers i instagramers. Un punt de partida per promoure l’us de la llengua. Ademais, xa a un nivel máis empresarial, moitos proxectos cataláns “buscan caras novas para transmitir as súas mensaxes”, engade Rius, unha demanda que “non está cubrindo ninguén”. “É importante entender que nós tamén temos o noso mercado e que hai xente que nos quere escoitar”.

A DIGLOSIA DIXITAL

Con todo, non se pode esquecer o contexto diglósico do que estas linguas parten. Nesta mesma investigación, os autores sinalan un concepto novo relacionado: a diglosia dixital. As dinámicas lingüísticas que atopamos na rúa trasládanse directamente á rede. “Moita xente, da mesma maneira que lle falan a unha persoa descoñecida en castelán aínda sendo catalanfalantes, buscan información en Internet en castelán. É un problema moi grave”, sinala Roc Aragonès.

No ámbito galego non existen investigacións en torno á presenza e proxección de novos perfís de referencia como youtubeiras, tiktokers ou instagramers, pero si se sabe, grazas á Enquisa Estrutural de Fogares sobre o coñecemento e uso do galego (2019) do IGE, que o 69,47% das persoas galegas navegan exclusivamente en castelán, e que outro 25,46% o fai “máis en castelán que en galego”. A cativa porcentaxe restante refírese a quen o fai “máis en galego ca en castelán” (3,78%) ou só en galego (1,29%). Estes datos revelan as dificultades de quen crea contido en galego para chegar ao público, e viceversa. Hai pouco a marca de roupa Rei Zentolo tamén se posicionou contra o algoritmo de Google porque “as principais ferramentas publicitarias toman o galego como unha errata”. Á vista queda que non é doado moverse polas redes empregando un idioma non hexemónico, e por iso mesmo, cómpre adoptar estratexias que permitan superar estes obstáculos.

AS ALTERNATIVAS DE MONETIZACIÓN

Neste sentido, Roc Aragonès acha fundamental fomentar a busca nestas linguas: “Sería xenial ter unha opción para filtrar os contidos por lingua, de maneira que puideses seleccionar que só queres atopar contido en catalán, ou en galego… clasificado mediante etiquetas”. Para que YouTube posicione un vídeo nun bo lugar, necesita adquirir unha gran resposta nas súas primeiras horas. “Tes que ser moi enxeñoso”, di Roc, que dende hai un tempo usa a plataforma de micromecenado en catalá Aixeta como alternativa para monetizar o seu traballo no YouTube. Agora suma xa uns 35 mecenas que doan diñeiro por ver o seu contido. “Hai oito meses que me funciona e serve para cubrir algún gasto ou tomar unha cervexa coas amizades. Vivir  disto é practicamente imposible, serve como un complemento”, relata.

O artigo Tres propostes audiovisuals per garantir el futur del català entre els joves firmado por Arnau Rius en Nació Digital afonda, precisamente, nas estratexias dixitais que poderían cumprir a aspiración de moitas das persoas que producen contido en Internet: cobrar polo que fan. “De Aixeta xa podemos falar en presente, pero á xente máis nova pódelle parecer unha faena. Quéreno máis fácil: colgar o vídeo en YouTube e monetizalo directamente” explica Clàudia Rius. Por iso, “hai que buscar sistemas de monetización alternativos que esixan un número de visualizacións moito máis baixo que o establecido no circuíto normal gobernado por Google ou Facebook”. Falamos, daquela, de crear alternativas acordes co tamaño do mercado.

“Hai un grupiño de xente que está pensando moito nisto e que vai polo bo camiño”, conta Clàudia esperanzada. Se ben no último ano se produciu un grande impulso na comunidade dixital catalá, cómpre non baixar a garda porque o idioma “segue lonxe dunha normalidade”: “Imos tarde e temos que apurar. A xente que está á fronte dos medios son boomers; non se decataron do grave que podería chegar a ser unha hexemonía lingüística en Internet”. Trátase dunha auténtica “batalla”, cualifica Clàudia, contra estereotipos e discursos políticos que xeran actitudes racistas. Na canle de Roc, sen ir máis lonxe, ten caído algún comentario ao estilo de ‘puto catalán’ ou ‘viva España’. “Hai aversión cara ao diferente”, advirte el. O reto está en converter esa aversión en “curiosidade”. E en entrar na mocidade a través do humor, da diversión e do entretemento.

Youtubeiros e youtubeiras, o futuro é noso! Que rolen eses vídeos nas nosas linguas!

 

COMPARTIR