Esta páxina emprega cookies propias e de terceiros/as.

   Saber máis - Aceptar.

CUESTIONARIO XS GAÑADORXS DOS PREMIOS YOUTUBEIRAS 2022

Diversa, combativa, forte, dinámica, xenerosa, aberta, emerxente, creativa, sexy... así se refiren á rede youtubeira as persoas gañadoras desta edición. Para rede, a nosa!  

 

PREMIO YOUTUBEIRE | NEEUMATIKO

Se foses un libro. Cal serías?

“Radio Silence” de Alice Oseman, tenho-o mui claro. Escritos originalmente em galego aspiro a ter a força de “SuperUlex” de Susana Sanches Arins ou de “Cobiza” de María Reimóndez.

Últimos descubrimentos do Youtube en galego cos que obsesionarse?

Os videoclipes de Piratas sen parche, feitos por Cizalla Producións.

Tres cousas que ten que ter unha canle para subscribirte e darlle á campaíña.

  1. Paixom polo que conta
  2. Vontade de criar e manter uma comunidade
  3. Respeito e ausência de discursos de ódio

En que vas gastar o premio? 

Penso que num portátil para editar os vídeos. Ainda que algum livro também :P

Describe a comunidade do Youtube en galego en tres palabras.

Aberta. (Em) deconstruçom e construçom.

 

PREMIO CANLE | TOXÍO

Se fósedes unha asana de ioga. Cal seriades?

Sergio: postura invertida, porque permite nuns segundos darlle a volta a todo o meu mundo e ver todo desde outra perspectiva.

Nuria: cobra ou o can boca abaixo, porque a sensación que deixan son agradables, pero non son precisamente fáciles nin sostibles no tempo.

Últimos descubrimentos do Youtube en galego cos que obsesionarse?

Falemos do Reino de Galicia

Tres cousas que ten que ter unha canle para subscribirte e darlle á campaíña.

Non hai receita máxica, pero:

  • Calidade técnica (especialmente visual).
  • Unha boa historia que contar, que sexa do noso interese.
  • Unha persoa carismática que nola conte (que teña protagonismo, coa que empaticemos e que non nola cambien en cada vídeo).

Pódese esquecer todo o anterior e poñernos gatiños, tamén nos valen.

En que ides gastar o premio? 

No alugueiro e alimento do próximo mes. Xusto chega este premio coa nosa decisión de ser creadoras de contido a tempo completo o que fai que cada céntimo que entre teña que ir dedicado sobrevivir.

Describe a comunidade do Youtube en galego en tres palabras:

Combativa, agarimosa e dinámica.

PREMIO VÍDEO | PIRATAS SEN PARCHE

Se fósedes un estilo musical. Cal seriades? 

Blues.

Últimos descubrimentos do Youtube en galego cos que obsesionarse?

Toxío, Pingando e Neeumatiko

Tres cousas que ten que ter unha canle para subscribirte e darlle á campaíña.

Contido interesante.

Valores éticos.

Coherencia entre ambos os dous puntos previos.

En que ides gastar o premio? 

En crear máis contido audiovisual que contribúa a unha sociedade respectuosa coa diversidade propia e allea. 

Describe a comunidade do Youtube en galego en tres palabras.

Cooperación, empatía, xenerosidade.

 

PREMIO YOUTUBEIRA/O REVELACIÓN | HISTÉRIKAS HISTÓRIKAS

Se fósedes un fito feminista. Cal seriades?

Se tivésemos que ser un fito feminista encantaríanos ser recordadas como As Encrobas. En 1977, veciñas da parroquia das Encrobas responderon cos seus paraugas e bastóns á Garda Civil, que quería desafiuzalas das súas casas para explotar a mina de Meirama.

Últimos descubrimentos do Youtube en galego cos que obsesionarse?

Estamos encantadas co podcast de @falarsensaber , Marcos e Uxía fálannos de memes, de saúde mental, de machismo... 

Tamén somos superfans do podcast Espazo Brétema. Difunde artistas do panorama cultural galego e fan un contido de calidade brutal, no que aprendemos  e nos divertimos moito. Recomendacións máximas!

Tres cousas que ten que ter unha canle para subscribirte e darlle á campaíña.

As Histérikas Histórikas gustamos moito das canles que abordan temas de actualidade dende unha perspectiva crítica. Gustamos de enfoques orixinais, con voces diversas que foxen de discursos tradicionais e nos axudan a ver a realidade dende outro prisma. Se xa hai coidado nos aspectos técnicos é un match total e a campaíña está asegurada.

En que ides gastar o premio? 

Queremos investilo en seguir facendo de Histérikas Histórikas un programa de calidade nos contidos e no formato.

Describe a comunidade do Youtube en galego en tres palabras. 

Témolo clarísimo, unha comunidade boa, xenerosa e riquiña.

 

PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA | FALEMOS DO REINO DE GALICIA

Se foses un fito histórico, cal serías? 

A domesticación da cabra.

Últimos descubrimentos do Youtube en galego cos que obsesionarse?

Como ando a plantar unha horta, estou a tope coa canle Alma da Vella Chousa, de Nuska Casanande, que dá uns consellos boísimos baseándose no saber tradicional dos labradores de antes, mais engadindo tamén coñecementos científicos. Fala das herbiñas do monte, de xogos populares desaparecidos… Todo cousas deliciosas.

Tamén ando moi pendente dos videoclips de Mondra. Sacou dous recentemente e cos dous estiven días en bucle. Tradi electrónico queer de calidade.

Tres cousas que ten que ter unha canle para subscribirte e darlle á campaíña.

Ten que tratar un tema que me interese, ter un bo son e non partir dun enfoque españolista ou reaccionario.

En que vas gastar o premio? 

Pois un pouco para celebrar e outro pouco para facer novos proxectos coa cooperativa Suseia, posibelmente unha nova temporada de Falemos do Reino de Galicia, se todo vai ben.

Describe a comunidade do Youtube en galego en tres palabras. 

Valente, enxeñosa e sexy.

 

PREMIO REDE | A LOBEIRA TODAY

Se foses unha rede. Cal serías? 

Unha mestura de todas as existentes, universal e plenamente accesible, interxeracional, cento por cen participativa e por suposto, na que o galego fose a lingua vehicular principal.

Últimos descubrimentos do Youtube en galego cos que obsesionarse?

As miñas últimas tres descubertas, a canle “Carlos G. Freire”, 

a canle “O Planeta de Hoxe en Día Noticias” e a canle “Pi” ás que, xunto coas máis de 500 canles restantes que actualmente teño en seguimento, convido a se asociar na ACODG para continuar tecendo rede.

Tres cousas que ten que ter unha canle para subscribirte e darlle á campaíña.

Para subscribirse con que estea en galego, case que é suficiente, mais para que prema a campaíña ten que subir contido de calquera tema de xeito regular, e moi importante é que ese contido sexa en positivo.

En que ides gastar o premio? 

Nalgún medio técnico para continuar a xerar contido, en cotas para a Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego,  nunha paparota para todas as persoas que colaboran coa Lobeira today ou que me están sempre dando azos e en pagar os impostos do premio, se é que os ten.

Describe a comunidade do Youtube en galego en tres palabras:

Diversa, emerxente e creativa.

PREMIO PIONEIRO | PINGANDO, LAURA VEIGA

Se foses un logro na saúde feminina. Cal serías? 

En 1969 creouse un grupo, Boston Women’s Health Book Collective, coa idea de loitar polos dereitos das mulleres e recoller información sobre a saúde destas, aínda que nas décadas posteriores evolucionou para adaptarse a contextos que incluíran as mulleres racializadas, LB e persoas trans. Arredor do ano da súa creación este grupo participou xunto con outros colectivos para lograr que as caixas da pílula anticonceptiva levasen un prospecto cos efectos secundarios que as farmacéuticas coñecían, pero que non se lles explicaban ás pacientes nas consultas médicas. Este foi o primeiro etiquetado de medicamentos, en xeral, que foi pensado para pacientes en vez de para profesionais. 

Últimos descubrimentos do Youtube en galego cos que obsesionarse?

MJ Pérez, Galiza en pé e Co mundo a voltas

Tres cousas que ten que ter unha canle para subscribirte e darlle á campaíña.

Periodicidade, orixinalidade e que a persoa que está diante da cámara teña unha personalidade propia. 

En que vas gastar o premio? 

Principalmente en libros para documentarme que tiña na miña lista de pendentes desde hai tempo e en mellorar o material de gravación.

Describe a comunidade do Youtube en galego en tres palabras:

Diversidade, reivindicación e información.

PREMIO DO PÚBLICO | XABI GÓMEZ

Se puideses ser unha copla. Cal serías? 

Polo cariño que lle teño á nosa terra quizais sería esta:

Airiños da miña terra

vinde por min e levaime

que os aires da terra allea 

o que queren é matarme.

Últimos descubrimentos do Youtube en galego cos que obsesionarse?  

Moitas veces vemos na clase a Nee Barros e moitos máis compañeiros e compañeiras. Pero quizais o que máis consumo son vídeos de música tradicional sen dúbida, xa que hai miles de contidos sobre a nosa cultura subidos a Youtube e sempre atopo contido novo para asombrarse.

Tres cousas que ten que ter unha canle para subscribirte e darlle á campaíña.

Orixinalidade, calidade e ambición. 

En que vas gastar o premio? 

Principalmente aforrar para os estudos de Produción Musical e equipo.

Describe a comunidade do Youtube en galego en tres palabras. 

Riqueza, paixón e forza. Para rede, a nosa!!!!

 

 

 

COMPARTIR